‘+Cuñados’ | Portocabo

Chegan a Marín os “Martes de Cinema”, un ciclo de películas galegas da man da Academia Galega do Audiovisual

22 Setembro 2025

  • O Concello de Marín impulsa esta proposta cultural, que traerá á vila unha selección de filmes e curtas seleccionados nos Premios Mestre Mateo.
  • Será todos os martes ás 19.30h, desde o 23 de setembro ao 28 de outubro, na Biblioteca.

A partir de mañá, martes 23 de setembro, os martes en Marín serán para o cinema galego.

O Concello anunciou a actividade cultural “Martes de Cinema”, unha proposta para achegar á veciñanza de Marín os filmes seleccionados dentro dos Premios Mestre Mateo, da man da Academia Galega do Audiovisual e a Deputación de Pontevedra.

Serán seis sesións, unha delas de curtas, cinco de de longametraxes de ficción e unha de documental. As proxeccións serán os martes, do 23 de setembro ao 28 de outubro, ás 19.30 horas, no Salón de actos da Biblioteca Pública, con entrada libre e de balde.

Así será o reparto da grella:

23 SET ‘+CUÑADOS

Un cadáver aparece xusto no medio da ponte internacional de Tui. Uns días antes… Chegou o Entroido e a familia Ribeiro prepárase para desfrutar das festas favoritas de calquera bo ourensán.

Unha comedia irreverente e divertidísima, 100% galega e que segue os pasos do trío de cuñados máis famoso desta terra.

‘+Cuñados’ | Portocabo
  • 90 min.
  • +12 anos.
  • Finalista nas categorías de: Mellor longametraxe, Mellor interpretación masculina protagonista, Mellor dirección, Mellor maquillaxe e perruquería, Mellor dirección de arte, Mellor montaxe, Mellor dirección de produción e Mellor música orixinal.

30 SET ‘AURORA’

Aurora e Area, mulleres chegadas de mundos totalmente dispares e con gran diferenza de idade entre elas, establecen unha forte relación de intimidade, confianza e profundas conversacións ligadas á morte, a familia, a guerra e o papel da muller.

‘Aurora’ | Gaitafilmes
  • 65 min.
  • +12 anos.
  • Finalista na categoría de Mellor Documental.

7 OUT ‘HONEYMOON’

Eva e Carlos son un matrimonio en destrucción. Unha parella en ruinas. Só Jonás, o fillo que un día tiveron xuntos, mantennos unidos, pero morre nun accidente absurdo nos Estados Unidos.

Como xestionar e superar algo así, cando xa nada te une?

‘Honeymoon’ | Filmax
  • 86 min.
  • 12 anos.
  • Finalista nas categorías de: Mellor longametraxe, Mellor interpretación feminina de reparto, Mellor guión, Mellor interpretación masculina de reparto, Mellor dirección, Mellor interpretación masculina protagonista, Mellor dirección de fotografía, Mellor montaxe, Mellor son e Mellor vestiario.

14 OUT • ESPECIAL ‘MARTES DE CURTAS’

‘Nai’: Rois, 1970. No máis profundo de Galiza, a desaparición dunha cativa fai tremer os cimentos da familia Bandín. Tan só o complexo plan dunha nai desesperada poderá esclarecer o destino final da súa filla (Imaxe real, 16 min)

‘Pura’: Unha muller volta a casa para recordar(se) e recoñecerse. Colle unha cámara e filma por primeira vez. O retrato da súa nai e da súa avoa é tamén o seu propio retrato. Grazas a elas, reconcíliase co lugar e as lembranzas (Imaxe real, 25 min)

‘Véxote’: David e Lola van pasar uns días á casa rural do seu amigo Marcos. No medio da natureza buscan atoparse, verse (Imaxe real, 20 min)

‘Sinapse’: Andrea, unha anciá con Alzheimer, recibe a visita da súa filla Marta na residencia na que se atopa. Durante este encontro, terá unha épica batalla na súa mente contra un monstro que simboliza a súa enfermidade (Animación, 4 min)

‘Platónico, platónica’: Créame un título para un filme sobre o amor. Platónico, platónica é un ensaio audiovisual sobre as imaxes, o amor e a súa verdade. Porque sen amor non hai imaxe (Animación, 9.30 min)

21 OUT • ‘XUSTIZA ARTIFICIAL’

O goberno español anuncia un referendo para aprobar un sistema de Intelixencia Artificial na Administración de Xustiza que promete automatizar e despolitizar a xustiza.

Ábrese un debate encarnizado. Ten a xustiza un carácter humano irrenunciable?

Unha xuíza que forma parte do proceso e a creadora do sistema, que desaparece, serán as protagonistas dun thriller onde a IA ten moito que dicir… ou xulgar.

‘Xustiza artificial’ | Abano Producións
  • 98 min.
  • +12 anos.
  • Finalista nas categorías de: Mellor longametraxe.

28 OUT • ‘FILMEI PAXAROS VOANDO’

Zeltia, tras dúas décadas en Barcelona, lonxe da súa Galicia natal e da súa nai Socorro, refresa para filmar unha película e entender que é o que lle creou ese desarraigo familiar.

A saúde da súa nai empeora e comeza tecerse un espazo para sanar vellas feridas e compartir novos momentos de complicidade e amor.

‘Filmei paxaros voando’ | Ringo Media
  • 100 min.
  • +12 anos.
  • Gañadora na categoría de Mellor documental.
Está pasando!