‘Cortello de amor’ | Amorodio Teatro

‘Cortello de amor’ de Amorodio Teatro inaugura esta noite unha nova edición de Ponteatro co patio de butacas cheo

9 Outubro 2025

  • A función, para a que apenas quedan 7 entradas no anfiteatro, terá lugar ás 21.00 h no Principal.
  • As localidades para este e os restantes espectáculos están á venta anticipadamente en Ataquilla.com a un prezo de 8€ (4€ para persoas estudantes, desempregadas e maiores de 65) e de non esgotarse, unha hora antes de cada pase na billeteira.
  • Amorodio Teatro, Teatro Español, Producións Teatrais Excéntricas, Histrión Teatro, Etiqueta Negra e Talía Teatro achegarán as mellores propostas do panorama teatral e subirán ao escenario respectivamente os días 16, 23 e 30 de outubro e 6 e 13 de novembro.

Bota a andar unha nova edición do ciclo Ponteatro que segundo avanzaba o concelleiro de Cultura Demetrio Gómez na presentación “está conformada por 6 espectáculos do mellor da produción galega e tamén de fóra do país que tratan temas de actualidade como o prezo da vivenda e o alugueiro, a resiliencia das mulleres, a turistificación, a sociedade actual e as relacións, da man de 4 compañías galegas e 4 chegadas de fóra”.

O edil salientou tamén a boa acollida que adoita ter a programación, feito que quedou de manifesto novamente xa que, a función deste xoves esgotou as localidades para o patio de butacas hai semanas e neste momento só quedan dispoñibles 7 localidades no anfiteatro.

O xoves 9 de outubro, ás 21.00 h no Teatro Principal Amorodio Teatro porá en escena ‘Cortello de amor’, unha comedia moi galega, con retranca e sotaque que trata problemáticas actuais como o disparatado prezo dos alugueiros ou o turismo non sostible.

Jack e Rose, unha parella que ronda os trinta anos e que levan xuntos desde a adolescencia, van ao concerto do seu grupo favorito, Grande Amore, nunha praza céntrica a carón do seu piso.

Logo dunha festa memorable, os membros do grupo non conseguen arrincar a súa furgoneta. Rose e Jack, fans incondicionais, non o dubidan e deciden ofrecerlles a súa casa para pasar a noite, e durmir eles dous no faiado.

Dirección: Marián Bañobre

Dramaturxia: Laura Porto

Elenco: Carmen Facorro e Javier Castiñeira

Duración: 75 min.

PONTEATRO 2025

Amorodio Teatro, Teatro Español, Producións Teatrais Excéntricas, Histrión Teatro, Etiqueta Negra e Talía Teatro achegarán as mellores propostas do panorama teatral.

Os espectáculos terán lugar os xoves 9, 16, 23 e 30 de outubro 6 e 13 de novembro ás 21.00 h. no Teatro Principal de Pontevedra.

  • 9 OUT | ‘CORTELLO DE AMOR’ (AmorodioTeatro)
  • 16 OUT | ‘CARMEN, NADA DE NADIE’ (Teatro Español e Tablas y más Tablas)
  • 23 OUT | ‘AS DESTERRADAS’ (Producións Teatrais Excéntricas)
  • 30 OUT | ‘NEVENKA’ (Histrión Teatro)
  • 6 NOV | ‘GO HOME’ (Etiqueta Negra Producións)
  • 13 NOV | ‘UN DEUS SALVAXE’ (Talía Teatro)

Unha programación completa para pasar un outono entretido e proveitoso gozando do teatro en Pontevedra.

Á venda en Ataquilla.com os abonos a un prezo único de 30 € e as entradas a 8€ con desconto a 4€ para as persoas estudantes, desempregadas e maiores de 65.

Está pasando!