Curtas Festival do Imaxinario presenta ‘Galicia Imaxinaria’

1 Agosto 2025

  • Un proxecto que amosará o talento audiovisual fantástico galego polo mundo.
  • Xa ten confirmada a súa proxección nos vindeiros meses en Arxentina, Brasil, Chile, México e Portugal.

Curtas Festival do Imaxinario, o festival internacional de cinema fantástico de Galicia, comprácese en presentar ‘Galicia Imaxinaria’.

Un ilusionante proxecto que levará o talento audiovisual fantástico galego a outros países, fomentando o intercambio cultural entre festivais internacionais nun acordo sen precedentes, e achegando diferentes perspectivas e formas de entender o fantástico aos seus públicos.

‘Galicia Imaxinaria’ é un relato visual da aprendizaxe, evolución e crecemento nos últimos anos do cinema fantástico galego en formato breve, para conectar Galicia co mundo, e o mundo con Galicia, a través do xénero.

E é que o xénero fantástico sempre foi unha gran ferramenta narrativa para explorar temas profundos e complexos.

A través de mundos imaxinarios, criaturas imposibles e narrativas que desafían a lóxica, o xénero permitiunos, desde os seus inicios, reflexionar e abordar as preguntas e preocupacións máis apremiantes do noso tempo e albiscar a nosa realidade con maior claridade.

‘Galicia Imaxinaria’ presenta unha selección de curtametraxes, que resultaron premiadas en pasadas edicións do Festival, e que ofrecen un gran abanico dos diferentes estilos, temas e sensibilidades presentes no fantástico galego recente. Dándolle unha nova vida a estas obras e levándoas a países donde, na súa maioría, non foran exhibidos con anterioridade.

Sete son as curtametraxes seleccionadas para esta primeira edición de ‘Galicia Imaxinaria’:

  • ‘Compañeiros’ (2022), de Fernando Tato
  • ‘In Half’ (2024), de Jorge Morais.
  • ‘Mare’ (2020), de Guille Vázquez
  • ‘O que queda de nós’ (2021), de Miguel G. Abad
  • ‘Sombra do mar’ (2021), de Sergio Pereda
  • ‘Teratoma’ (2021), de Jano Pita
  • ‘Xogo de nenos’ (2023), de Miguel R. Berride

‘Galicia Imaxinaria’ xa ten confirmada a súa proxección nos vindeiros meses en Arxentina, Brasil, Chile, México e Portugal.

SOBRE O FESTIVAL DO IMAXINARIO

Curtas Festival do Imaxinario é un festival de cinema fantástico e de terror que se celebra anualmente en Vilagarcía de Arousa. Recentemente foi elixido como un dos 90 mellores festivais de xénero do mundo por Dread Central, o medio líder no xénero de terror.

A 53ª edición de Curtas Festival do Imaxinario celebrarase en Vilagarcía de Arousa do 24 de outubro ao 2 de novembro de 2025. O festival promete ser un evento emocionante e cheo de sorpresas, cunha selección de películas que exploran os límites do fantástico e o terror.

Con máis de 50 anos de historia, é o festival de cinema decano de Galicia e a maior celebración do xénero no noroeste peninsular.

O festival destaca pola súa capacidade para xerar experiencias inolvidables con proxeccións de longametraxes e curtametraxes, exposicións, presentacións e actividades paralelas, todo elo de entrada gratuita, que o converten nun evento imprescindible para os amantes do xénero.

Curtas Festival do Imaxinario conta co apoio institucional do Concello de Vilagarcía de Arousa, a Deputación de Pontevedra e a Xunta de Galicia. E co patrocinio de De Angeles Films, Gadis e Rei Zentolo.

Está pasando!