Domingos do Principal regresa o 20 de outubro con 5 espectáculos para público familiar chegados de toda a Península
17 Setembro 2024
- Cinco compañías de Andalucía, Cataluña e Galicia , seleccionadas por Teatro Akatro, achegarán a través do mellor do teatro infantil e familiar temáticas como a superación, valentía, o amor, a diversidade de culturas, a necesidade de compartir, o valor do comercio de barrio
- Como vén sendo habitual os espectáculos terán lugar no Teatro Principal de Pontevedra os domingos ás 12.00e 18.30 horas
- Os abonos para todo o ciclo a un prezo de 15 euros e as entradas para cada espectáculo ao prezo habitual de 4 euros están xa á venda en Ataquilla.com
- Os pases matinais, concertados polas canles habituais con centros de educación primaria, serán ‘En un rincón del mundo’ de LaSal Teatro o 21 de outubro, ‘Castelao’ de Culturactiva o 28 de outubro e ‘Full House’ de Eléctrico 28 o 11 de novembro
O concelleiro de Cultura de Pontevedra, Demetrio Gómez presentou acompañado de Xacobe Rodríguez de Teatro Akatro unha nova edición do ciclo Domingos do Principal, que terá lugar entre o 20 de outubro e o 17 de novembro no Teatro Principal de Pontevedra.
“Domingos do Principal é a programación do Concello de Pontevedra pensada para, case, os máis pequenos da casa, ou para que os pequenos/as da casa poidan asistir ao teatro a ver unhas obras de excelente calidade. Esa calidade que teñen os espectáculos non sería posible sen a colaboración de Xacobe e Tareixa de Teatro Akatro que son quen nos asesora e axuda a seleccionar este magnífico programa.
A partir do 20 de outubro e ata o 17 de novembro, en sesións ás 12:00 e ás 18.30 horas temos 5 obras de teatro que veñen de todo o estado: hai obras andaluzas, catalás e por suposto galegas, pensadas para que as crianzas a partir dos 4 anos (en función das obras) poidan asistir. Poñemos un límite por abaixo pero por arriba pode asistir calquera que lle guste o teatro porque podo dicir que hai espectáculos que son dunha calidade extraordinaria.
Haberá tamén 3 pases para escolares os días 21, 28 de outubro e 11 de novembro porque, igual que comentei con Ponteatro, hai que ir creando eses novos públicos que o teatro precisa para que podamos seguir vendo enriba das táboas as marabillas que imos ver esta tempada.
Xa están á venda en Ataquilla.com os abonos matinais ou de tarde para as 5 funcións a un prezo de 15 euros e as entradas soltas para cada unha delas a un prezo de 4 euros. De non esgotarse na venda anticipada, estarán á venda 1 hora antes do comezo de cada pase na billeteira do Teatro Principal. Os pases concertados con centros escolares de Primaria que faremos o envío das propostas a través do mail habitual, terán un custo de 2,5 euros.”
Antes de debullar a programación, Xacobe Rodríguez quixo agradecer ao Concello “que unha vez máis confiara en nós para facer esta selección de teatro no que como ben dicía Demetrio escollemos o mellor do que se está a facer en todo o estado, non só aquí en Galicia.
Como ciclo de teatro familiar que é, está orientado aos máis pequenos da casa pero tamén para os adultos, de feito falamos de espectáculos que ben poderán estar programados en Ponteatro e terían unha calidade realmente alta. Sempre dentro destes espectáculos hai varias lecturas, varios niveis de atención que permiten que a cativada sairá moi contenta e os adultos poden saír emocionados.
Hai pezas de teatro de actor, de máscaras, xestuais, con escenografías coidadísimas e espectaculares, con moitas nominacións a premios como o caso de ‘En un rincón del mundo’ ou ‘Estación Paraíso’, que ata levou ou premio na categoría de adulto.
Espectáculos que percorreron toda Europa como ‘Full House’, ou de compañías Galegas como o caso de Culturactiva que achega a historia de ‘Castelao’ – con texto de Paula Carballeira, dirección de Fina Calleja e un elenco íntegramente feminino – ou Caramuxo Teatro que festexa 20 anos cun espectáculo con traballo de investigación sobre o comercio tradicional: a mercería a ‘Crisálida’ de A Coruña. Podería ser unha película francesa, pero é teatro galego. Traemos un pouco de todo, intentamos que os rapaces e rapazas e o público de Pontevedra siga tendo acceso ao mellor do teatro que se está facendo en todo o estado.
Son espectáculos dedicadísimos, co mesmo rigor e dedicación que se lle supón ao teatro para adultos, porque sempre hai a historia esa de que parace que os espectáculos de adultos e non é certo, como levamos demostrados nestes 24 anos que levamos de Domingos do Principal.”
Domingo 20 de outubro • Teatro Principal ás 12:00 e 18:30 h
‘En un rincón del mundo’ – LaSal (Andalucía)
A aldea respiraba inqueda, mais Manuel , Claudia e Laura non se deron conta. Até que un día todo virou. A xente berraba e corría sen saber como nin por que. Os tres correron tamén, co medo no corpo, sen mirar atrás, até o máis fondo do bosque.
Que foi? Volvemos ou é mellor agardar? Estarán ben? Virán buscarnos? E se non veñen, será porque non nos queren?
En un rincón del mundo é un conto intemporal, unha invención sen heroes nin heroínas. É unha historia irreal, chea de palabras, acción e pensamentos reais.
- Nominado ao Premio LORCA das Artes Escénicas de Andalucía 2024
- Teatro de actor
- Duración: 60 minutos
- Recomendado a partir de 7 anos e público adulto
Domingo 27 de outubro • Teatro Principal ás 12:00 e 18:30 h
‘Castelao’ – Culturactiva (Galiza)
Castelao é unha figura capital da historia das artes en Galicia e non contaba até agora cunha proposta escénica para a infancia.
Castelao de 8 anos está na súa vila natal, divertido, feliz, alegre e aventureiro, cabalga sobre o lombo dunha persecución polas rúas de Rianxo nas horas previas á súa partida cara á Arxentina, canda súa nai. E mesmo antes, da man de Baltasara, comezará un percorrido trepidante coa urxencia que o inmediato da partida garante.
Queda pouco tempo, as horas antes de embarcar escorregan entre os dedos e a ausencia do neno da casa familiar farase notoria para Xoaquina.
- Teatro de actor
- Duración: 50 minutos
- Recomendado a partir de 6 anos e público adulto
Domingo 3 de novembro • Teatro Principal ás 12:00 e 18:30 h
‘Estación Paraíso’ – La Maquiné (Andalucía)
Nunha estación de tren unha vella monicrequeira agarda pero non sabe por que está alí. Os seus monicreques dentro dunha maleta serán a súa única pista para pescudar quen vén sendo e cal é o seu destino.
Esta é a historia de amor dunha vella que desafía con valentía, humor e tenrura os límites da súa memoria para reunirse co amor da súa vida.
- Premio LORCA 2023: Mellor espectáculo para a infancia e familiar.
- Premio do público na 25º Feria de Teatro de Castilla y León 2022
- Premio FETÉN 2023, mellor interpretación feminina para Elisa Ramos
- Dobre premio Titirijai Tolosa 2023, espectáculo infantil e adulto
- Dúas candidaturas aos Premios MAX 2023
- Teatro xestual, monicreques, maxia e música
- Duración: 50 minutos
- Recomendado a partir de 6 anos e público adulto
Domingo 10 de novembro • Teatro Principal ás 12:00 e 18:30 h
‘Full House’ – Eléctrico 28 (Cataluña)
Neste mundo tan diverso é posible que aqueles veciños que criamos estraños se nos parezan moito máis do que pensabamos, sexan como sexan e veñan de onde veñan.
Full House é un espectáculo sen texto de teatro físico e música en vivo, que nos propón, a través dunha fábula contemporánea, o tema da convivencia, abordado dende a diversidade de culturas e a necesidade de compartir.
Catro animais que conviven nunha mesma comunidade viven alleos uns aos outros, até que un acontecemento inesperado failles ver as similitudes que os unen.
- Teatro físico e música ao vivo
- Duración: 50 minutos
- Recomendado partir de 4 anos e público adulto
Domingo 17 de novembro • Teatro Principal ás 12:00 e 18:30 h
‘Crisálida’ – Caramuxo Teatro (Galiza)
‘Crisálida’ é o espectáculo co que Caramuxo Teatro cumpre 20 anos de traxectoria. Unha historia coa que queren homenaxear as persoas que fan que as cidades teñan vida e sexan ricas en historias, ademais de poñer en valor a importancia do comercio tradicional nun mundo globalizado e cada vez máis dixitalizado.
Historias como as da mercería Crisálida amósannos que este tipo de negocios, máis baseados nas relacións humanas que no beneficio económico, deben ser protexidos. Son parte do noso patrimonio e forman comunidade.
- Teatro de máscaras
- Duración: 50 minutos
- Recomendado a partir de 6 anos e público adulto