Faixa co lema do 25N no balcón da Casa Consistorial | Concello de Pontevedra

E se deixamos de contar vítimas e contamos maltratadores? Este 25N, Pontevedra pon o punto de mira onde debe estar: nos agresores, non nas mulleres que sofren a violencia

30 Outubro 2025

  • Fernández Lores: “As mulleres que son receptoras da violencia machista non están soas, que hai moita xente, e homes tamén, que vamos a apoialas sempre”
  • Anabel Gulías: “Calquera que se defina feminista ten que estar ao lado das mulleres que denuncian, sexa quen sexa o agresor”
  • Concelleiros/as dos tres grupos municipais asistiron ao despregamento na fachada da Casa Consistorial dunha faixa que pon foco nun dato: 12.976 maltratadores con sentenza firme en dez anos (2015-2024) en Galicia

Un número: 12.796 e unha pregunta: E se deixamos de contar vítimas e contamos maltratadores? interpélannos, desde hoxe, dende a fachada da Casa Consistorial de Pontevedra.

Un número que corresponde coa cantidade de maltratadores con sentenza firme en dez anos (2015-2024) en Galicia (datos do Observatorio contra a violencia doméstica e de xénero do Consello Xeral do Poder Xudicial).

E unha pregunta que nos convida a virar o foco cando falamos da violencia de xénero, a violencia exercida polos homes sobre as mulleres polo feito de selo.

No despregamento desta intervención na Casa Consistorial, que marca o inicio da campaña 25N do Concello de Pontevedra estivo o alcalde Miguel Fernández Lores e a concelleira de Igualdade, Anabel Gulías, xunto cos voceiros dos grupos municipais: Eva Villaverde (BNG), Yoya Blanco (PSOE) e Rafael Domínguez (PP) e un amplo abano de concelleiros dos tres partidos con representación no Concello.

A concelleira de Igualdade subliñou a importancia de poñer o foco da campaña municipal do 25N nos maltratadores á hora de falar e enfrontar a violencia de xénero: “convidamos a abrir un debate, debemos ser firmes, calquera que se defina feminista ten que estar ao lado das mulleres que denuncian, sexa quen sexa o agresor”.

Para Anabel Gulías “é unha cuestión de principios, de posición, e abre un debate moi interesante en todas as formacións políticas e na sociedade en xeral. Hai que poñer o foco onde se ten que pór e chamar as cousas polo seu nome”

Pola súa banda, o alcalde amosou o seu compromiso coa loita das mulleres contra a violencia machista e a prol da igualdade. “Que saiban as mulleres que son receptoras da violencia machista que non están soas, que hai moita xente na sociedade, e homes tamén, que vamos a apoialas sempre” subliñou Fernández Lores.

“Queda moito camiño por andar, segue a haber discriminación da muller” engadiu para, de seguido, concluír: “unha campaña como a do 25N é imprescindible mentres siga existindo unha realidade (a violencia machista e a desigualdade) que non nos gusta e rexeitamos”.

A conmemoración do 25N tinguirá de violeta todo o mes de novembro en Pontevedra, amosando o compromiso do goberno local e da cidadanía coa igualdade e o rexeitamento da violencia machista en calquera das súas manifestacións.

Un compromiso e rexeitamento que quedará reflectido no Manifesto do Día Internacional contra as violencias machistas que se lerá ao comezo do Pleno municipal do Concello de Pontevedra de novembro (luns 17 de novembro, ás 11.00 horas) e que, nesta ocasión, corre a cargo da Quenda de Oficio de Violencia de Xénero do Ilustre Colexio da Avogacía de Pontevedra.

A programación da campaña 25N bota a andar a vindeira semana cos Faladoiros Feministas. Será o mércores 5 de novembro, cando Ana Marcos e Iria Pinheiro abran os encontros poñendo enriba da mesa a realidade do acoso e abusos sexuais no audiovisual. A cita terá lugar no vestíbulo da Casa da Luz, ás 19.30 horas.

O programa continuará con con Macarena Baena Garrido, sobre violencias machistas e medios de comunicación. Será o mércores, 12 de novembro no vestíbulo da Casa da Luz, ás 19.30 horas.

O 17 de novembro, ás 19.30 horas no Teatro Principal, Mabel Lozano conversará sobre explotación sexual. A cita inclúe a proxección da curtametraxe documental nomeada aos Goya, ‘Ava’.

Claudia Morán Mato, do colectivo Xornalistas Galegas, pechará o programa cunha charla sobre violencias machistas en l,vos medios de comunicación galegos. Será o xoves, 20 de novembro no vestíbulo da Casa da Luz ás 19.30 horas.

Está pasando!