O Concello de Ribadumia convoca a XXII edición do Concurso de Postais de Nadal

14 Novembro 2024

  • Poderán participar nenos e nenas de entre 3 e 16 anos que estean empadroados no Concello de Ribadumia ou escolarizados no CPI Julia Becerra Malvar ou o CRA de Ribadumia
  • O prazo para participar nesta edición está aberto ata o vindeiro 25 de novembro

As datas festivas do Nadal vanse achegando e, con elas, o comezo da programación especial do Concello de Ribadumia, que este ano convoca o XXII Concurso de Postais de Nadal. As persoas interesadas poden consultar as bases do certame no taboleiro de anuncios, na plataforma municipal e nas redes sociais.

O concurso está aberto a todos os nenos e nenas de entre 3 e 16 anos, empadroados no Concello de Ribadumia, escolarizados no CPI Julia Becerra Malvar ou no CRA de Ribadumia. Cada alumno ou alumna poderá presentar un único traballo en tamaño cuartilla e participará na categoría que lle corresponda segundo o seu curso escolar (infantil, primaria ou ESO).



A temática das postais terá que facer alusión ao Nadal e á exaltación dos valores típicos destas datas como, por exemplo, a solidariedade, a familia, a amizade, a reunión ou ledicia. Ademais, terán que ser orixinais e non estar presentadas a outros concursos.

Para presentar estas creacións haberá, en cada centro escolar, unha urna para depositalas. No Concello de Ribadumia tamén haberá unha urna para facer a súa entrega, que estará dispoñible ata o luns 25 de novembro ás 14:00 horas.

Unha vez se coñezan os gañadores de cada unha das categorías, os traballos presentados pasarán a ser propiedade do Concello, e o fin último do concurso é a elaboración da felicitación de Nadal coas postais gañadoras.

Tendo en conta que estamos preto dunha das datas favoritas da pequena veciñanza, o Concello de Ribadumia anima ás novas xeracións a participar neste tipo de actividades que, ademais de facelas partícipes do que ocorre en Ribadumia, fomentan a estimulación da creatividade.

Está pasando!