Carlos Jean | 26º Entroido de Verán

26º Entroido de Verán en Redondela

sáb23ago19:0026º Entroido de Verán en Redondelaunha das citas máis esperadas do verán19:00 Concello de Redondela - Redondela

Detalles do Evento

Redondela quenta motores para o 26º Entroido de Verán, unha das citas máis agardadas da programación estival da provincia. Será o sábado 23 de agosto e ofrecerá un intenso programa de actividades para públicos de todas as idades.

Desde as concellarías de Turismo e Cultura faise unha aposta polos grupos locais e galegos co concerto de Brais das Horas, para o público infantil ás 20.30 na Praza da Torre. As actividades no recinto da feira comezarán ás 19.00 horas coa sesión DJ a cargo de Kike Varela, Olalla Gonzálezz e Borja Rúa.

Ás 21.30 comezará a xa tradicional Gala Drag. O actor e showman Carlos Veleiro será o mestre de cerimonias desta edición. Veleiro manifestou na presentación que para el é “unha honra” e destacou o feito de que Redondela sexa “un referente na defensa da igualdade e da inclusión” e convidou a todo o mundo a participar no Entroido de verán “que é un pedazo de invento”.

Haberá 1.800 euros en premios repartidos nun primeiro premio de 1.000 euros, o segundo dotado con 500 euros e o terceiro con 300 euros. O xurado terá en conta a orixinalidade, creatividade e elaboración das fantasías.

Finalizada a gala comezarán os concertos. Os primeiros en subir ao escenario ás 23.00 horas serán os muradáns The Rapants, un improvisado anglicismo para Os Rapantes, coa súa “máquina do bo rollo” para facer que o público o pase moi ben e baile. Un grupo “do máis alto nivel en Galicia”, apunta a concelleira Rita Pérez Táboas, que defende “a nosa identidade lingüística e o espírito retranqueiro galego”.

Ás 0.30 horas será a quenda do músico e DJ Carlos Jean, que será encargado de facer vibrar ao público no campo da feira ata as 02.00. Os Djs Samu Pexe e Rodri Vegas serán os encargados de pechar a festa cunha sesión que comezará ás 02.00 e rematará ás 04.00 horas.

O Concello de Redondela volve apostar polas actividades dedicadas aos máis pequenos. O Entroido de Verán ofrecerá xogos e espectáculos para toda a familia en diferentes localizacións no centro da vila.

A pista da Xunqueira e a praza de Ponteareas acollerán inchables con auga desde as 18.00 ata as 21.00 horas. Na praza de Ponteareas haberá ademais unha xincana con inchables, e na pista da Xunqueira celebrarase a festa da escuma ás 21.00 horas. Na Praza da Torre, ás 20.30 horas, terá lugar o concerto de Brais das Hortas, que porá a cantar e bailar a grandes e pequenos.

Estas actividades ofrécense en tres espazos diferentes repartidos pola vila “para evitar aglomeracións e que o público infantil e familiar poida rotar polos diferentes recintos”, explica a alcaldesa, Digna Rivas.

Como en anos anteriores as empresas de transporte público ofrecen liñas especiais de ida e volta a Redondela desde Vigo, Pontevedra e O Porriño. Os autobuses sairán con destino a Redondela desde os diferentes puntos a partir das 18.00 horas, e haberá transporte de volta até as 06.00 horas.

Hora

(Sábado) 19:00

Localización

Concello de Redondela

Está pasando!