Edición pasada de Etiqueta Negra | © Etiqueta Negra

This is a repeating event

8ª Etiqueta Negra, a feira do gourmet galego en Pontevedra

lun11nov11:00lun21:008ª Etiqueta Negra, a feira do gourmet galego en Pontevedra9, 10 e 11 de novembro de 202411:00 - 21:00 Recinto Feiral de Pontevedra - Pontevedra

Detalles do Evento

Un centenar de expositores (que presentarán 20 produtos novos), máis de 90 actividades e todos os protagonistas do sector (profesionais, produtores e consumidores) reunidos nun mesmo espazo. A feira Etiqueta Negra retorna ao Recinto Feiral os días 9, 10 e 11 de novembro, para converter Pontevedra, durante tres días, no epicentro do gourmet galego.

Viños, licores, cervexas, cafés, marmeladas, mel, galletas, tortas, doces, xeados, aceites, queixos, patés, caracois, carnes, embutidos, conservas, setas, legumes, algas, salsas e aderezos, propostas veganas… e unha infinidade de delicias escollidas pola súa singularidade, a súa orixinalidade e a súa maior calidade. Moitos deles será posible degustalos na Zona de Catas, espazo destacado que ofrecerá unha intensa programación continuada.



TéAreeiro

Tetería da Deputación de Pontevedra volverá para difundir as bondades da súa marca TéAreeiro, distintivo de calidade e de produto local co que a institución provincial impulsa a produción de té verde, obtido con brotes e follas de Camellia sinensis. No seu espazo desenvolverá diferentes sesións de degustación (cunha duración de 90 minutos). A participación é gratuíta pero require inscrición previa neste espazo, xa que as prazas son limitadas.

Tamén a Axencia Galega de Calidade Alimentaria (Agacal), da Xunta de Galicia, contará cun espazo propio onde se desenvolverá un variado programa de actividades que inclúe tamén un showcooking con degustación incluída o domingo pola mañá no Anfiteatro.

Referentes da gastronomía

Grandes referentes da gastronomía daranse cita na oitava edición de Etiqueta Negra para mostrar as infinitas posibilidades gastronómicas dos produtos galegos. Así, dúas chefs acenderán os fogóns da cociña do Anfiteatro a tarde do sábado: Mar Orosa, do restaurante ribadense El Oviedo (ás 17.00 horas), e Lydia del Olmo, do restaurante ourensán Ceibe, galardoadocunha Estrela Michelín (ás 18.30 horas). Mar e Lydia defenden o uso de produtos de proximidade e de tempada, reinterpretando a cociña tradicional con técnicas innovadoras, sen perder a elegancia e o toque de modernidade que caracteriza as súas propostas.

Javier Olleros, grazas á Misión Biolóxica de Galicia, desenvolverá o domingo ás 17.00 horas o showcooking “Ciencia, sementes e cociña”, para reivindicar o valor dos cultivos autóctonos e do seu uso en restauración de alta gama. O chef e propietario do restaurante Culler de Pau, distinguido con dúas Estrelas Michelín e unha Verde, elaborará tres pratos: un con avea moura, outro con nabiza e o último con flores e plantas da horta como ingredientes principais, combinando os sabores tradicionais galegos cun enfoque innovador. E tamén o domingo ás 18.30 horas, o chef pasteleiro Manuel Garea realizará un espectáculo de cociña en directo de alta repostaría.

Ademais, o sábado 9 ás 13:00 h, terá lugar un showcooking con degustación –patrocinado por Autóctonas Gourmet (Gandaría O Agro e CienPorCel)– no que o chef Alberto Fernández González, do restaurante Pallabarro, poñerá en valor os produtos de quilómetro cero, o traballo de pequenos gandeiros locais e as razas autóctonas, resaltando a súa importancia na gastronomía e na sustentabilidade da rexión.

Como cada ano, na mañá do luns 11, o CIFP Carlos Oroza e o Obradoiro de Emprego Hostalería do Salnés XV volverán sorprender coas súas propostas deseñadas especificamente para Etiqueta Negra. O alumnado do centro pontevedrés renderá unha pequena homenaxe ao saber facer dos panadeiros e panadeiras de Galicia. “Tradición e innovación en cada miga” é o título da exhibición que levarán a cabo, utilizando fariñas autóctonas como a de millo corvo e a través de elaboracións tradicionais galegas como a empanada ou o torta de roxóns.

Ao remate, baixo a dirección de Carmen Germade, Paco Caneda e Pili Amoedo, os estudantes de cociña e restaurante-bar do Obradoiro promovido pola Mancomunidade do Salnés tomarán o relevo co showcooking “Hostalería con Etiqueta”, no que prepararán e servirán tres elaboracións (ravioli de boletus, taco de carne e cremoso de arroz de leite) e un cóctel de autor.


Edición pasada de Etiqueta Negra | © Etiqueta Negra

Espazo Etiqueta

O Espazo Etiqueta volve nesta edición para acoller diversas actividades de formación como “Hora de amasar, a empanada de xoubas de Ces”, con Inés Cameselle, cuarta xeración do restaurante familiar Casa Ces (que será o sábado pola tarde); a masterclass de albóndegas chinesas perla ao vapor, coa cociñeira e formadora Lili Wo (domingo pola tarde); ou a de macarons e petit fours, coa formadora e chef reposteira Valeria Kham Suskó, para aprender a crear mini postres orixinais para a mesa do Nadal (tamén o domingo pola tarde). A participación nestes tres talleres require inscrición e pago previos en etiquetanegragourmet.com.

Neste espazo celebraranse ademais diferentes catas comentadas, que precisan un maior tempo de preparación, como por exemplo, unha de Requeixo de As Neves da man do chef Fran Sotelino, outra de tortillas de millo nixtamalizado de Tierra de Alebrijes, ou a de diferentes carnes de razas autóctonas da man de Granxa Aeiroá, Gandaría Balín e Montes de Boado, un conxunto de produtores unidos baixo o selo de calidade 100% raza autóctona.

Outras actividades

Estrella Galicia desenvolverá o luns 11 unha serie de actividades divulgativas sobre os seus produtos. Os viños das cinco denominacións de orixe galegas serán os protagonistas na cata “Un paseo por Galicia”, que terá lugar ás 13.15 horas. Xa pola tarde, ás 18:15 horas, levarase a cabo unha cata comentada da man de Carlos Ávila, responsable de Cultura de Cervexa de Hijos de Rivera.

Os asistentes terán a oportunidade de descubrir e gozar de Lupia, a nova creación cervexeira da marca, con lúpulo 100% galego.

Por outra banda, ás 17.00 horas no Anfiteatro, desenvolverase a degustación-maridaxe “Miga by 1906”. Adrián Felípez, chef e propietario do restaurante coruñés Miga, presentará catro elaboracións que serán construídas seguindo unha maridaxe con Cervexas 1906, toda unha experiencia única de sabores e harmonía entre cociña e cervexa.

Encontros profesionais

Etiqueta Negra será unha gran plataforma de negocio e de encontro entre profesionais do sector gastronómico. Ao longo das tres xornadas desenvolveranse numerosos Encontros Profesionais entre os expositores participantes con exportadores, distribuidores, tendas, restauradores, etc. como apoio ao acceso a novos mercados e á expansión dos seus negocios.

Asemade, un ano máis, persoal do ICEX visitará a feira co obxectivo de informar os produtores sobre os servizos que ofrece a entidade pública para axudar á internacionalización das PEMES galegas.

Visitas de estudantes

Na xornada do luns, Etiqueta Negra recibirá máis de 1.000 estudantes de centros de formación profesional de toda Galicia, futuros profesionais do sector, para coñecer de primeira man as novidades do gourmet galego.

O alumnado que asistirá á feira procede de graos medios e superiores de cociña, panadaría, nutrición e dietética, vinicultura, ciclos de panadaría e pastelaría así como comercio internacional e industria alimentaria, entre outros. Pontevedra, Vigo, Santiago de Compostela, Vilagarcía de Arousa, Cambados, Marín, Redondela, Tui, A Pobra do Caramiñal ou As Neves son algúns dos seus lugares de procedencia.

Horario ininterrompido

Impulsada polo Concello de Pontevedra, Etiqueta Negra conta co apoio de Estrella Galicia como patrocinador principal, ademais de Cabreiroá (como auga oficial), a Axencia Galega da Calidade Alimentaria da Xunta de Galicia, as deputacións de Pontevedra e A Coruña, a Mancomunidade do Salnés, Froiz e Gadis. Así mesmo, colaboran nesta sétima edición o CIFP Carlos Oroza, Gráficas Anduriña, Efímera Espacios Temporales e Labauh Factory.

A feira do gourmet galego permanecerá aberta, en horario ininterrompido, o sábado e o domingo de 11.00 a 21.00 horas e o luns, de 11.00 a 20.00 horas. Para aquelas persoas que desexen pasar todo o día descubrindo sabores, exquisiteces e rarezas, haberá unha zona de comida e foodtrucks con interesantes propostas sobre rodas. A entrada custa 3 euros por día pero tamén se pode mercar un abono para os tres días ao prezo de 5 euros.

Hora

(Luns) 11:00 - 21:00

Localización

Recinto Feiral de Pontevedra

Alexandre Bóveda, s/n. 36005 Pontevedra

Está pasando!