Acto homenaxe a Fernando Pereira en Soutomaior

ven25abr20:30Acto homenaxe a Fernando Pereira en SoutomaiorPrimeiro alcalde da democracia de soutomaior20:30 Concello de Soutomaior - Soutomaior

Detalles do Evento

Concello de Soutomaior iniciou os trámites para renovar a Rúa Coutada (rúa pola que se accedía á antiga casa do alcalde) que pasará a ser Rúa Coutada – Alcalde Fernando Pereira. Un acto que ten lugar cando se acaban de cumprir 25 anos do seu falecemento.

O acto dará comezo este venres 25 ás 20:30h co descubrimento da nova placa na rúa Coutada (fronte á Cafetería Pastelería Acuña, Arcade) e coa interpretación do himno galego.

A continuación no Multiúsos terá lugar o acto central da homenaxe, unha cita que contará coa intervención do actual alcalde, Manu Lourenzo, e coa actuación musical de ’Mini’.


Fernando Pereira cos operarios que traballaron na construción do palco da festa no Sobral | Concello de Soutomaior

Despois será a quenda da palestra ‘Un pobo, un Alcalde’ que estará moderada por Pepe Carreiro en representación da familia, e contará coa participación de Ánxela Sobral quen foi concelleira con Pereira no Goberno, do ex vicepresidente da Xunta de Galicia e o que era alcalde e amigo durante os tempos de Pereira en Allariz, Anxo Quintana e onde tamén estará o director da Fundación Rosalía de Castro e tamén amigo Anxo Angueira.

Un acto ao que todas as veciñas e veciños e persoas que admiraban e querían a Pereira están convidadas, a entrada para todo será de balde ata completar o aforo.


Fernando Pereira na inauguración da Rúa Alexandre Bóveda, na foto coa muller de Alexandre Bóveda | Concello de Soutomaior

Fernando Pereira, alcalde en Soutomaior dende o ano 1979 ata o ano 1995, foi o primeiro alcalde da historia da democracia deste concello, unha persoa de referencia e cun papel moi importante en moitos eidos, entre eles, no exilio onde tivo relación con José Mujica ou con Eduardo Galeano.

Pereira foi unha persoa cun ineludible compromiso galeguista quen sempre velou pola defensa da cultura e da identidade do país. Durante os seu mandatos sairon adiante importantes proxectos para o concello que chegan ata a actualidade como son a estrutura urbanística de Soutomaior, con Pereira, tamén estivo no arranque da 1ª edición da Festa da Ostra.

Pereira e con el Soutomaior, foi o primeiro concello de historia en contar un Plan de Normalización Lingüística e grazas a este alcalde, Soutomaior foi o primeiro concello en contar coa Rúa Alexandre Bóveda, Avenida Castelao ou Rúa Rosalía de Castro.


Fernando Pereira no acto de descubrimento da placa dos Heroes de Ponte Sampaio | Concello de Soutomaior

Tal e como dixo nesta xornada o alcalde, Manu Lourenzo, “con este recoñecemento facemos un acto de xustiza dunha persoa que foi referencia para a veciñanza e para todo o mundo e que defendeu sempre os valores do galeguismo, progreso e democracia”.

Manu Lorenzo quixo lembrar as palabras que Méndez Ferrín dixo o día do seu enterro “Fernando Pereira morreu nas máis dignas das miserias, foi unha persoa que deu tanto da súa vida a cambio de nada”.

O alcalde concluíu engadindo que “Soutomaior merece todo o noso recoñecemento ao alcalde Fernando Pereira e telo presente en cada un dos pasos que de este Goberno”.


Hora

(Venres) 20:30

Localización

Concello de Soutomaior

Soutomaior

Está pasando!