Fotografía da mostra ‘Castelao. O retorno a Galicia, 1984’ | Xan Carballa

Exposición 'Castelao. O retorno a Galicia, 1984' en Vilagarcía

ven13febConsultardom29marExposición 'Castelao. O retorno a Galicia, 1984' en VilagarcíaXAN CARBALLA (FOTOGRAFÍAS)(Consultar) Sala Rivas Briones - Vilagarcía de Arousa

Detalles do Evento

‘Castelao. O retorno a Galicia, 1984’ é o título da mostra que se pode visitar na sala Antón Rivas Briones de Vilagarcía de Arousa.

A exposición é unha crónica visual dos acontecementos históricos que se viviron o 28 de xullo dese ano en Santiago de Compostela, composta polas 52 imaxes tomadas polo xornalista gráfico Xan Carballa para o semanario A Nosa Terra.

Xosé Enrique Acuña, autor dunha fotobiografía do escritor e líder galeguista, é o comisario da mostra en cuxa organización colabora o Museo de Pontevedra, e que poderá visitarse en Vilagarcía ata o 29 de marzo.

Alfonso Daniel Rodríguez Castelao morreu en 1950 no exilio na Arxentina e os seus restos descansaron no cemiterio da Chacarita, en Bos Aires, ata anos despois do fin da ditadura en España. Non foi ata 1984, coas liberdades democráticas plenamente restauradas, e tras asumir o Parlamento Galego a reivindicación maioritaria do pobo, cando os restos mortais do artista e político puideron regresar para descansar en paz na súa querida terra.

As fotografías de Carballa ilustran os actos organizados en Compostela para celebrar o momento histórico, cargado de simbolismo e emoción, co que Galicia acolleu a volta de Castelao. O aeroporto de Lavacolla, os exteriores de San Domingos de Bonaval e o interior do Panteón de Galegos Ilustres, onde finalmente foi soterrado, son os lugares nos que se articula esta crónica visual que Enrique Acuña estrutura incluíndo obra artística orixinal, fotografías, textos, documentación e prensa gráfica da época, procedentes de coleccións particulares, do propio Museo de Pontevedra e doutras institucións galegas.

Entre outras curiosidades, na mostra exhíbense o pasaporte diplomático de Castelao como ministro do goberno da República no exilio, os raros álbums coas súas estampas de guerra editadas en Shanghai (China), imaxes do seu enterro en Bos Aires e a totalidade do expediente de “responsabilidades políticas” que os tribunais franquistas lle abriron a Castelao entre 1937 e 1962.

Hora

Febreiro 13 (Venres) - Marzo 29 (Domingo)

Localización

Sala Rivas Briones

Rúa do Alcalde Rey Daviña, 14, 36600 Vilagarcía de Arousa

Está pasando!