‘Desexado ser’ de Daniel Verbis | © MARCO

Exposición 'Desexando ser', de Daniel Verbis en Vigo

ven23febConsultardom25agoExposición 'Desexando ser', de Daniel Verbis en VigoComisariada por Miguel Fernández-Cid(Consultar) MARCO - Vigo

Detalles do Evento

A partir do 23 de febreiro, os espazos da planta baixa do MARCO ofrecen un percorrido pola obra de Daniel Verbis (León, 1968); unha mostra do seu vigor creativo a través dun conxunto de obras representativas do seu labor artístico e investigador ao longo destes últimos anos. Licenciado en Belas Artes pola Universidade de Salamanca, o seu traballo estivo marcado dende os seus inicios pola experimentación con certos materiais heterodoxos (resinas, plastilinas, botóns, fíos e las, goma, escuma, lonas plásticas, etc.) que tradicionalmente se mantiveran fóra do ámbito das técnicas pictóricas máis tradicionais, por un atrevemento formal que se fixo patente cando a visibilidade do bastidor se converteu nun elemento fundamental das pinturas-obxecto que realizara nos primeiros anos deste século.

A dialéctica entre elementos contrapostos sostén unha armazón conceptual que dá soporte igualmente á súa pintura, á súa escultura, ás súas colaxes ou aos seus wall-drawings, sumando flexibilidade lúdica e azar á serie de premisas formais ou procesuais que constitúen a base das súas obras. Nos seus traballos máis recentes establece un diálogo entre as súas instalacións obxectuais e as súas pinturas sobre lenzo, integrando ambas as dúas nun produtivo diálogo no que a precisión das formas e os procesos parece dar resposta a formulacións tanto conceptuais como emocionais ou semánticas.

Entretecido no propio proceso, o significado, na obra de Daniel Verbis, sempre permanece aberto, á espera, apenas suxerido nos seus títulos. Verbis fomenta un inacabamento do sentido que permite solapar multiples lecturas da imaxe, interpretacións que ao anoarse debuxan unha retícula de polisemias que parece repregarse sobre si mesma, un lugar de encontros que apela a unha mirada que multiplica as posibilidades poéticas-estéticas do visible. As obras preséntansenos como artefactos visuais que empezan a funcionar cando o espectador dá con algunha clave interpretativa, que pode ser poética, cultural, conceptual…, pero unha clave, a fin de contas, nunca imposta polo autor.

A exposición, pensada para os espazos da planta baixa do MARCO, quere potenciar as posibilidades que ofrece a súa arquitectura, con teas de grandes dimensións, murais e instalacións de obxectos, creando un itinerario emocional referendado polas colaxes e as obras sobre papel como unha especie de material de arquivo complementario. A súa montaxe e disposición buscan establecer diálogos entre os cadros e as pezas realizadas noutras técnicas, de modo que se perciba que o eixe de todas elas é unha concepción dinámica, orgánica e cambiante da expresión artística; que a pintura é un organismo fisicamente vivo e semanticamente poético, sempre en transformación.

Aberta ao público do 23 febreiro ao 25 agosto de 2024. Horario: de martes a sábados (festivos incluídos) de 11.00 a 14.30 horas e de 17.00 a 21.00 horas, domingos, de 11.00 a 14.30 horas.

Hora

Febreiro 23 (Venres) - Agosto 25 (Domingo)

Localización

MARCO

Rúa Príncipe, 54 36202 Vigo

Está pasando!