This is a repeating event

Festas de San Xoán de Poio 2024

sáb22xuñConsultarFestas de San Xoán de Poio 2024do 22 ao 27 de xuño de 2024(Consultar: sábado) Concello de Poio - Poio

Detalles do Evento

Concello de Poio presentou o pasado venres, 7 de xuño, a programación das festas de San Xoán 2024, que se celebran do 22 ao 27 de xuño. “Unha programación moi completa, con propostas para todos os públicos, que involucra a colectivos locais e que se leva a diferentes lugares do municipio”, destacou o alcalde, Ángel Moldes.

Na presentación das festas, Moldes estivo acompañado por representantes dos colectivos locais que participan na programación, así como do concelleiro de Festexos, Fran Dasilva, e de Cultura e Educación, Natalia Sabarís. “Esta festa naceu dos propios veciños e dos colectivos, e por iso queríamos contar con todos eles. Queremos que sexan unhas festas participativas, porque o noso concello e todos os eventos que organizamos son de todos e para todos, e converter así a semana grande de San Xoán en orgullo de toda a veciñanza”.

Durante a súa intervención, Moldes agradeceu a colaboración de todos eles, e destacou tamén o traballo das concellerías de Festexos e Cultura, “que levan meses traballando arreo para ter unha programación á altura dunha das principais festas de toda a comarca”.

PROGRAMA FESTAS SAN XOÁN 2024


Presentación Festas de San Xoán 2024 | © Concello de Poio

O San Xoán arranca o sábado 22 coa lectura do pregón, da man de Rafa Cabeleira, veciño de Campelo, xornalista, columnista e colaborador habitual en medios nacionais, galegos e locais, e a entrega dos premios aos mellores deportistas da tempada 2023-2024. O pasarrúas e a animación correrán a cargo de Máis Cantos e a Charanga 112. Este día, ademais, na Praza do Mosteiro actuará o Trío Arena, “a modo de recordo de cando as festas se celebraban, antigamente, no campillo do Mosteiro”.

As alboradas nas parroquias, pola mañá, serán a cargo das agrupacións locais Escola de Música Tradicional de Poio e Vides Novas.

O domingo 23, o alumnado da Escola de Música de Poio ofrecerá o seu primeiro concerto. Será na Praza do Mosteiro, ás 12.45 horas. Xa pola tarde, as Pandereteiras do Ronsel organizan a tradicional recollida de herbas de San Xoán. Pola noite, a partir das 21.30 horas, na Seca celebrarase a sardiñada popular, coa música de Los Player e rematará co espectáculo de lume e prendido da fogueira.

O luns 24, tras a misa solemne na honra de San Xoán Bautista, coa actuación da Coral de Poio, celebrarase o concerto da Banda de Música de Marín, na Praza do Mosteiro.

Pola tarde, no Parque da Memoria, actuará o mago “Henriko o Feiticeiro”, cun espectáculo para toda a familia ás 19.30 horas. A música pola noite correrá a cargo das orquestras Capitol e Miramar.

O martes 25 a Banda de Música Cultural de Arcade ofrecerá un concerto na Praza do Mosteiro, o Grupo Folclórico Vides Novas participará na Subida a San Martiño e a Escola de Acordeóns de Campelo ofrecerá un concerto na Praza de Arís. Pola noite, Panorama Gran Parada serán as encargadas de amenizar a festa na Seca.

O mércores 26, será quenda da Banda de Música de Redondela, que ofrece un concerto na Praza do Mosteiro, e da Escola de Acordeóns de Campelo, na Praza de Liñares. Pola noite, a verbena estará amenizada polas orquestras Kubo e Marbella, e rematará con fogos de lucería.

Este ano vólvese a organizar a festa infantil que se incorporou o ano pasado á programación de San Xoán, que será o xoves 27. Na Seca, desde as 18.00 horas, haberá inchables, escuma e animación musical con Javi Solla.

Por último, dentro da programación de San Xoán tamén se inclúe o Certame de Corais no Mosteiro de Poio, o sábado 15 ás 20.30 horas. Ese mesmo día tamén se inaugurarán, no Mosteiro, as exposicións Arías Xidas, con pezas da Escola de Canteiros de Poio, e Maquetas do Patrimonio Cultural, do autor de Combarro José Manuel Magdalena Otero. Estas exposicións son gratuítas para os veciños de Poio, que poden retirar os seus convites na Casa do Concello, no Casal de Ferreirós, Pazo de Besada e na Oficina de Turismo de Combarro. As dúas mostras poderanse visitar desde o 15 de xuño ao 8 de xullo.


Hora

Consultar (Sábado)

Localización

Concello de Poio

Está pasando!