agosto, 2022

Detalles do Evento

O festival SonRías Baixas, un dos grandes eventos de música ao vivo no verán en Galicia, celebrará unha nova edición os días 4, 5 e 6 de agosto de 2022 en Bueu.

Os concertos do 19º SonRías Baixas arrancarán o xoves 4 nunha xornada protagonizada polos ritmos urbanos e pola aposta por artistas novos con carreiras emerxentes. As persoas asistentes poderán gozar do magnetismo único e pop urbano de Rels B, que conta con decenas de millóns de seguidores en todo o mundo; da música electrónica do proxecto italo español Delaporte; do inconfundible son da promesa do rap arxentino Sofía Gabanna; da rapeira valenciana JazzWoman, sempre disposta a abordar nas súas letras temas como a denuncia social ou o empoderamento feminino; do future latin de Maurino; e da enerxía de Cool Nenas, sempre preparadas para ofrecer a festa perfecta.

venres 5 o SonRías Baixas continuará co seu habitual espírito festivo, cheo de potencia e enerxía coas actuacións de Kase.O, que volve a Bueu na súa xira do 10º aniversario del ‘Jazz Magnetism’ despois de esgotar as entradas o ano pasado; Rayden, coñecido pola súa lírica e habilidade para fusionar xéneros musicais sempre definido polo seu xénero de orixe: o rap; Ciudad Jara, que presentará o seu novo disco, ‘Cinema’, nun potente e ecléctico directo; Buhos, o grupo festivo de referencia en Cataluña e no Estado na actualidade; Bala, auténticas referentes da escena do rock/metal alternativo; Emlan, co seu novo e sorprendente show de rock, pop e espectáculo; e García Mc & Nación Quilombo, que nos proporá unha estimulante viaxe polas dez illas do seu ‘Arquipélago Quilombo’.

O festival pechará esta edición o sábado 6 de agosto coas actuacións de Tanxugueiras, o trío de pandeireteiras que está a converterse nunha auténtica revolución para a música tradicional galega; La M.O.D.A., unha das bandas co directo máis potente do momento, presentando o seu Nuevo Cancionero Burgalés’; Arnau Griso, no que será o seu concerto de despedida ante o público galego; Ezkorzo, unha auténtica bomba enerxizante deseñada para que o público non poida parar nin un segundo; Sara Hebe, sempre imparable e versátil, presentando novo traballo no que será o seu único concerto en Galicia este verán; os ventos e percusións das Balkan Paradise Orchestra; e Suu: sempre acompañada polo seu ukelele é xa unha das músicas catalanas máis seguidas e escoitadas na actualidade.



Abonos e entradas de día á venda 

O festival mantén neste mes de xuño o período para adquirir na páxina web oficial www.sonriasbaixas.info un cupo limitado de abonos de tres días -que tamén inclúen o acceso á zona de acampada, situada a 150 metros da praia- a prezo reducido, por 50 euros (máis gastos de xestión). No caso daquelas persoas interesadas en asistir a unha ou dúas xornadas concretas do evento, tamén existe a posibilidade de mercar, no mesmo espazo web, entradas por día desde 30 euros (máis gastos de xestión).

Ademais, á hora de mercar os seus abonos, o público terá a opción de solicitar a promoción precarga da súa pulseira cashless. A escolla desta proposta implicará, automaticamente, unha recarga de balde do saldo (dun 10% sobre o prezo da entrada) na súa pulseira, que será o sistema único de pago no interior do recinto.

SonRías Baixas 2022 

O SonRías Baixas, organizado pola promotora PlayPlan, é un dos grandes eventos de música ao vivo no verán en Galicia. Neste 2022 o Festival SonRías Baixas recupera o seu gran formato para presentar unha ampla, festiva, dinámica e potente programación que terá lugar a primeira fin de semana de agosto, concretamente os días 4, 5 e 6 en Bueu (Península do Morrazo).

O pasado mes de marzo o festival sumou un novo recoñecemento á súa traxectoria ao acadar o Premio á Mellor Estratexia de Comunicación e Marketing nos Iberian Festival Awards, os galardóns que salientan o traballo e logros de promotoras, eventos, artistas e marcas que conforman a industria de festivais en España e Portugal. O galardón que suma este ano SonRías Baixas foi outorgado, en anteriores ocasións, a citas peninsulares como Dreambeach Festival (2020), Low Fest (2019), Sonorama Ribera (2018), Resurrection Fest (2017) e Primavera Sound (2016).

Hora

agosto 4 (Xoves) - 6 (Sábado)

Localización

Recinto Multiusos da Estacada

Rúa Pazos Fontenla, 55 - 36930 Bueu

Está pasando!