‘Descubre San Simón’ Sinsal 2024 | © elmembrillo

Sinsal SON Estrella Galicia propón descubrir o patrimonio natural e histórico de San Simón con roteiros e obradoiros para todas as idades

2 Xullo 2025

  • O festival suma novas actividades paralelas á programación de concertos, nas que se inclúen o paseo ‘Illario Pantasma’, as conversas con integrantes da asociación Amarturmar ou o roteiro ‘Descubre San Simón’, un itinerario ideado para coñecer a memoria da illa
  • Sinsal ofrecerá ás asistentes de todas as idades participar no taller ‘Caderno de bitácora’, un obradoiro creativo para dialogar coa paisaxe e a historia de San Simón e que contará con dúas sesións cada xornada

O Festival Sinsal SON Estrella Galicia segue a presentar as actividades paralelas á programación dos concertos do evento cultural, que terá lugar do 25 ao 27 de xullo en San Simón e cuxo cartel é secreto ata que o público desembarca na illa.

Tal e como vén sendo habitual nestes últimos anos, Sinsal ofrecerá toda unha amplia programación, enmarcada na liña ‘Descubre San Simón’, para dar a coñecer a memoria e patrimonio natural, cultural e histórico do arquipélago conformado polas illas de San Simón e Santo Antón. Roteiros, conversas e obradoiros para todas as idades e públicos formarán parte deste eixe.

‘Descubre San Simón’ Sinsal 2024 | © elmembrillo

O itinerario independente ‘Descubre San Simón’, que dá nome a esta liña de actividades, é un roteiro ideado por Sinsalaudio coa intención de divulgar a memoria do arquipélago entre as e os asistentes ao festival. A través de distintos paneis -elaborados con materiais sostibles e que se reutilizan en cada edición-, o roteiro dá a coñecer diferentes episodios da historia da illa.

O itinerario conta con sete estacións, cada unha co seu panel correspondente e, a través dun código QR, o público pode consultar a información en galego, español e inglés. As estacións son ‘A roca de San Simón’, ‘Proxecto Trobadores’, ‘A avenida de Teruel’, ‘A paisaxe de Alejo Yáñez Andrade’, ‘O aeroporto marítimo de San Simón’, ‘A conexión de San Simón’ e o ‘Pórtico da Gloria’ e, por último, a engadida no 2024, que pon en relación as vivencias de dous membros dunha mesma familia: os éxitos do músico ponteareán Reveriano Soutullo coa crueldade e represión vivida polo escritor Diego San José de la Torre como preso en San Simón.

Durante as tres xornadas do Sinsal SON Estrella Galicia, o público asistente poderá participar (tanto o venres, coma o sábado ou domingo) no laboratorio ‘Caderno de Bitácora’, impartido polo taller vigués Arte & Garabato (dirixido por Cristina González Larriba).

Estes obradoiros pretenden favorecer a exploración de linguaxes artísticas a través de espazos inclusivos e interxeracionais -ao ser unha actividade aberta a todas as idades, a partir dos 7 anos- á vez que fan uso de materiais recuperados e respectuosos co medio ambiente.

‘Descubre San Simón’ Sinsal 2024 | © elmembrillo

Nesta edición do Sinsal, Arte & Garabato propón crear un libro obxecto a partir do percorrido que o público fai para chegar á illa e as súas vivencias durante a estancia na mesma. Así, nese metafórico ‘caderno de bitácora’, as e os participantes do obradoiro poden descubrir e rexistrar diferentes diálogos e experiencias estéticas a partir do valor paisaxístico, patrimonial e histórico de San Simón. Cada xornada celebraranse dous sesións diferentes do obradoiro e a inscrición poderase realizar na mesma xornada na propia illa.

Outra das actividades paralelas que terán lugar o sábado 26 será xa habitual paseo polo arquipélago co investigador Xosé Lois G. Faílde, quen presentará ‘Illario pantasma’, un roteiro con tres estacións: ‘Espectros botánicos’, onde coñecer o corpo fitolóxico da paisaxe; ‘Pantasmas literarios’, sobre a pegada difusa do imaxinario da escrita da illa; e ‘Pa(i)saxes esquecidxs’, arredor da xenealoxía política soterrada no lugar.

Xa de cara ao domingo 27, Sinsal contará de novo coa colaboración da asociación de turismo mariñeiro Amarturmar. As e os integrantes da entidade darán a coñecer polo miúdo, a través dunha andaina e ampla conversa, os recursos naturais e industriais da contorna da illa.

SINSAL SON ESTRELLA GALICIA

Sinsal SON Estrella Galicia é unha iniciativa cultural que visualiza as artistas próximas á creación contemporánea da escena galega, estatal e internacional. Cada verán ofrece na illa de San Simón unha pequena mostra dos proxectos musicais máis estimulantes de formacións que proceden de Europa, África Asia ou América.

Para poder acceder ao festival o público debe coller os barcos que Sinsal pon á súa disposición no porto de Vigo e no Centro de Interpretación de Rande (Meirande). Os abonos da edición de 2025 están esgotados, ao igual que as entradas do venres 25 e do sábado 26; mais aínda é posible adquirir, en Enterticket, as últimas entradas para o domingo 27 de xullo.

Sinsal SON Estrella Galicia é un festival organizado e producido pola promotora viguesa Sinsalaudio, que conta con SON Estrella Galicia como patrocinador principal, e co apoio institucional tanto da Xunta de Galicia a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) como da Deputación de Pontevedra a través de Turismo Rías Baixas -enmarcado nos Rías Baixas Fest-.

Está pasando!