‘LaBOLA’ de La Ribot | Marin Driguez

‘LaBOLA’, da compañía de danza La Ribot en Pontevedra

ven26set20:00‘LaBOLA’, da compañía de danza La Ribot en Pontevedra32ª Bienal de Arte de Pontevedra20:00 Pazo da Deputación de Pontevedra - Pontevedra

Detalles do Evento

A Deputación porá o broche de ouro á 32ª Bienal de Arte de Pontevedra este venres 26 de setembro, ás 20:00 horas, nun acto no Salón de Actos do Pazo provincial no que actuará a compañía La Ribot e que tamén servirá para pechar o ciclo Artes Vivas.

O presidente provincial Luis López clausurará xunto co vicepresidente Rafa Domínguez esta cita cultural que está considerada a Bienal de Arte máis antiga de España e que se desenvolveu entre xuño e setembro. Debido ao aforo limitado do espazo é preciso inscrición previa.

A 32ª edición da Bienal de Arte de Pontevedra remata do mesmo xeito que comezou, cunha acción artística. Se esta cita cultural arrancou coa intervención de luz e son sobre a fachada da capela da Peregrina, da man de Patrick Warrener, o peche estará protagonizado pola peza ‘LaBOLA’ da compañía de danza La Ribot, Premio Nacional de Danza e León de Ouro da Bienal de Danza de Venecia.

Esta acción, ademais, pon fin ao ciclo de Artes Vivas da Bienal, comisariado por Iñaki Martínez Antelo, que activou espazos urbanos, patrimoniais e industriais de diferentes lugares da provincia converténdoos en escenarios efémeros abertos ao público onde favorecer encontros e experiencias culturais.

‘LaBOLA’, concibida con motivo do inicio da Presidencia Española do Consello da Unión Europea en 2023, será interpretada por un ensemble formado polos bailaríns: Mathilde Carmen Chan, Ludovico Paladini e Jan Pollert. 

Nun movemento de espiral permanente, tres intérpretes intercambian o vestiario, danlles vida aos obxectos e compoñen co momento presente e os seus accidentes. Dese movemento xorden imaxes fugaces, compostas no momento, nun xogo de cores e rexistros en cambio constante.

La Ribot é coreógrafa, bailarina e artista visual e, ao longo da súa traxectoria, foi desenvolvendo un corpo de traballo baseado na exploración dos límites do corpo, da danza, do espectáculo, das artes visuais, sempre evolucionando e probando novos modos e espazos para mostrar as súas pezas.

En 2021 recibiu o León de Ouro á súa carreira na Bienal de Venecia de Danza, galardón que se sumou ao Premio Nacional de Danza e á Medalla de Ouro ao Mérito nas Belas Artes, os cales outorga o Ministerio de Cultura do Goberno de España, ademais de recibir en 2019 o Gran Premio Suízo da Danza.

Hora

(Venres) 20:00

Localización

Pazo da Deputación de Pontevedra

Avda. Montero Ríos, s/n - 36071 Pontevedra

Está pasando!