Proxección de 'Á deriva' en Pontevedra

mar18nov20:30Proxección de 'Á deriva' en PontevedraCineclube Pontevedra20:30 Teatro Principal de Pontevedra - Pontevedra

Detalles do Evento

O Cineclube Pontevedra pechará a programación de novembro coa proxección do filme ‘Á deriva’ (Jia Zhangke, China, 2024, 111′, VOSE, Lingua orixinal: chinés mandarín).

Será o martes 18, ás 20:30 horas no Teatro Principal de Pontevedra.

A inicios dos anos 2000, en China, Qiaoqiao e Bin viven un amor apaixonado pero fráxil, cantando, bailando e gozando de todo o que a cidade de Datong lles pode ofrecer. Pero un día Bin decide probar sorte noutra provincia máis grande e marcha sen avisar nin deixar rastro. Tempo despois, Qiaoqiao decide emprender unha viaxe para tratar de localizalo.

A última obra do mestre chinés é unha epopea amorosa que atravesa dúas décadas da convulsa historia recente da China a través da montaxe de imaxes gravadas ao longo de anos, incluíndo material de arquivo de anteriores filmes. É tamén unha oda a Zhao Tao, unha das actrices máis indispensables e menos reivindicadas do noso tempo.

O Cineclube Pontevedra comeza a programación do mes de novembro coa proxección en copia restaurada dun dos máis belos filmes que deu o cinema: ‘A quimera do ouro’, de Charles Chaplin, no ano en que se celebra o centenario da súa estrea en Hollywood. Esta sesión, que terá lugar o luns 3 de novembro, realízase en colaboración coa Filmoteca de Galicia.

Os martes do mes, pola súa banda, estarán dedicados á exhibición de tres filmes estreados en salas durante este ano: a ópera prima do director arxentino Federico Luis, a primeira incursión na ficción do reputado documentalista Roberto Minervini e o último traballo do mestre chinés Jia Zhangke.

Cineclube Pontevedra é unha asociación sen ánimo de lucro cuxo funcionamento e financiamento depende fundamentalmente das achegas económicas que realizan periodicamente as súas socias e socios, cara a quen están dirixidas as súas actividades.

Podes escoller a opción que máis se adapte ás túas preferencias: 70 euros anuais, 25 trimestrais ou 3 euros por pases soltos.

As persoas que desexen asociarse poden facelo calquera día en que haxa proxección ou ben a través do blog da asociación.

Hora

(Martes) 20:30

Localización

Teatro Principal de Pontevedra

Rúa Paio Gómez Charino, 6, 36002 Pontevedra

Está pasando!