Proxección de 'A Foreign Song' en Pontevedra

lun25nov19:00Proxección de 'A Foreign Song' en PontevedraCINECLUBE PONTEVEDRA19:00 Teatro Principal de Pontevedra - Pontevedra

Detalles do Evento

O luns 25 de novembro, ás 19:00 horas no Teatro Principal de Pontevedra, proxectarase o filme ‘A Foreign Song’ (A Foreign Song, César Souto, 2022, Galicia, 82 min., VOSG, Lingua orixinal: inglés), nunha nova sesión organizada polo Cineclube Pontevedra.

Wallace Stevens (1879-1955) traballou nunha compañía de seguros durante 40 anos. Na súa vida non hai peripecias reseñables nin grandes dramas. Ninguén diría que é o autor dunha das obras poéticas máis singulares do século XX.

Cando se lle pediu unha reseña biográfica para presentar a súa obra, o poeta modernista estadounidense negouse a escribila. Cría profundamente que a poesía non é persoal e que a voz que estaba detrás dos seus poemas era en realidade a voz dun Outro. Alguén ao lonxe observa as casas idénticas nos suburbios solitarios de Estados Unidos. Voces sen rostro len fragmentos das cartas do poeta. Un paxaro de plumas douradas canta unha canción.

‘A Foreign Song’ competiu na sección Esbilla do FICXixón, onde obtivo o galardón ao mellor filme español e ao mellor director español.



Cineclube Pontevedra dedícalle o mes de novembro a un dos máis grandes e populares directores de cinema clásico de Hollywood: William Wyler (1902 -1981). Wyler, que soubo coma ninguén ensamblar o comercial e o artístico, foi un referente na experimentación coa profundidade de campo e tamén na adaptación de textos literarios ao cinema.

Proxectaranse tres obras icónicas do director, nas que dirixiu con mestría estrelas do talle de Bette Davis (A Loba), Olivia de Havilland (A herdeira) ou Audrey Hepburn e Shirley MacLaine (A calumnia), e nas que adapta obras da dramaturga Lillian Hellman (A loba, A calumnia) e de Henry James (A herdeira).

Pola súa banda, as sesións de filmoteca dos luns terán tamén unha forte compoñente literaria. Trátase de cadansúa aproximación de carácter documental a dúas importantes figuras literarias: Annie Ernaux, a gañadora do Nobel de Literatura en 2022 e unha das máis recoñecidas escritoras contemporáneas, que asina xunta o seu fillo David Os anos Super 8; e o estadounidense Wallace Stevens (1879-1955), figura fundamental da poesía en lingua inglesa do século XX, arredor da que orbita a hipnótica A Foreign Song, asinada polo cineasta galego César Souto.

Hora

(Luns) 19:00

Localización

Teatro Principal de Pontevedra

Rúa Paio Gómez Charino, 6, 36002 Pontevedra

Está pasando!