Proxección de ‘A luz que imaxinamos’ en Pontevedra

mar18mar20:30Proxección de ‘A luz que imaxinamos’ en PontevedraCineclube Pontevedra20:30 Teatro Principal de Pontevedra - Pontevedra

Detalles do Evento

O martes 18 de marzo, ás 20:30 horas no Teatro Principal de Pontevedra, proxectarase o filme ‘A luz que imaxinamos’ (‘All We Imagine as Light’, Payal Kapadia, 2024, India, 118 min., VOSE, Lingua orixinal: hindi e malabar), nunha nova sesión organizada polo Cineclube Pontevedra.

– Filme especialmente recomendado polo seu fomento da igualdade de xénero (ICAA).

– Non recomendada para menores de 12 anos.

En Mumbai, a rutina da enfermeira Prabha vese alterada cando recibe un agasallo inesperado do seu marido, do que está distanciada. A súa compañeira de cuarto, Anu, tenta en van atopar un lugar na cidade para ter intimidade co seu mozo.

Unha terceira muller, Parvaty, é desaloxada da súa casa por causa da especulación inmobiliaria e a xentrificación. Unha viaxe a unha vila costeira permitiralles atopar un espazo para que os seus desexos se manifesten.

– Gran Premio do Xurado en Cannes 2024.

– Nomeada a Mellor Dirección e Mellor Filme Internacional nos Globos de Ouro 2025.



Cineclube Pontevedra exhibirá no mes de marzo a primeira longametraxe de ficción da cineasta india Payal Kapadia, ‘A luz que imaxinamos’ (2024), gañadora do Gran Premio do Xurado no Festival de Cannes de 2024 e calificada polo ICAA como especialmente recomendada para o fomento da igualdade de xénero.

A programación inclúe tamén outra estrea recente, ‘La Marsellesa de los borrachos’ (2024), ópera prima do madrileño Pablo Gil Rituerto, que segue as pegadas do grupo italiano Cantacronache na súa viaxe por España do ano 1961 á procura das cancións populares da resistencia antifranquista.

programación dos martes complétase coa comedia amorosa ‘Crónica dun amor efémero’ (2022), do cineasta francés Emmanuel Mouret.

Pola súa banda, as sesións dos luns, programadas en colaboración coa Filmoteca de Galicia, dedicaránselle aos inicios da cineasta francesa Agnès Varda, precursora da nouvelle vague, de quen se poderá ver a súa primeira longametraxe, ‘La Pointe Courte’ (1955) e mais unha sesión de tres curtametraxes.

Todas as sesións terán lugar ás 20:30 horas no Teatro Principal de Pontevedra.

Cineclube Pontevedra é unha asociación sen ánimo de lucro cuxo funcionamento e financiamento depende fundamentalmente das achegas económicas que realizan periodicamente as súas socias e socios, cara a quen están dirixidas as súas actividades.

Podes escoller a opción que máis se adapte ás túas preferencias: 70 euros anuais, 25 trimestrais ou 3 euros por pases soltos.

As persoas que desexen asociarse poden facelo calquera día en que haxa proxección ou ben a través do blog da asociación.

Hora

(Martes) 20:30

Localización

Teatro Principal de Pontevedra

Rúa Paio Gómez Charino, 6, 36002 Pontevedra

Está pasando!