Proxección de 'A vida de bohemia' en Pontevedra

lun22abr20:30Proxección de 'A vida de bohemia' en PontevedraCineclube Pontevedra20:30 Teatro Principal de Pontevedra - Pontevedra

Detalles do Evento

O luns 22 de abril, ás 20:30 horas no Teatro Principal de Pontevedra, proxectarase o filme ‘A vida de bohemia’ (Aki Kaurismäki, 1992, Finlandia, 100 min., VOSE, Lingua orixinal: francés), organizado polo Cineclube Pontevedra.

Marcel é un escritor e dramaturgo que, debido ao escaso éxito das súas novelas e as súas revistas sen publicar, sobrevive recollendo botellas baleiras polas rúas da cidade. Rodolfo é un albanés sen papeis amante da pintura que vive escondéndose das autoridades.

Schaunard é un compositor irlandés posmodernista que non consegue agradar os oídos parisiense coa súa música. Os tres fanse amigos en París e xuntos atoparán o sentido do amor, da amizade e da existencia.



O CINECLUBE PONTEVEDRA DEDICARALLE O MES DE ABRIL Á LIBANESA JOCELYNE SAAB E AO FINLANDÉS AKI KAURISMÄKI

Aki Kaurismäki será o protagonista das sesións dos luns, programadas en colaboración coa Filmoteca de Galicia, nas que se proxectarán dúas comedias dos anos noventa rodadas respectivamente en Londres e París: ‘Contratei un asasino a soldo’ e ‘A vida de bohemia’.

Os tres martes do mes, pola súa banda, estarán dedicados á libanesa Jocelyne Saab (Beirut, 1948-2019), quen traballou a comezos dos 70 como xornalista e reporteira de guerra, e axiña iniciou unha espléndida carreira como directora, principalmente no ámbito do documental, aínda que tamén realizou algunhas ficcións.

Sempre comprometida coa causa palestina e os procesos de autodeterminación dos pobos, Saab é responsable dunha valiosísima cartografía cinematográfica que atendeu ás guerras de liberación do Medio Oriente e Norte de África durante os 70 e 80, ao pé da trincheira e cun marcado posicionamento político polo que foi obxecto da censura e de diversas ameazas.

Grazas á colaboración da Asociación Jocelyne Saab, que vén de restaurar a súa obra, proxectaranse algunhas das súas pezas centradas na guerra civil do Líbano e na resistencia palestina ao sur do país, na Cidade dos Mortos de Exipto e no pobo saharauí.


Cineclube Pontevedra é unha asociación sen ánimo de lucro cuxo funcionamento e financiamento depende fundamentalmente das achegas económicas que realizan periodicamente as súas socias e socios, cara a quen está dirixidas as súas actividades. Asóciate!

Hora

(Luns) 20:30

Localización

Teatro Principal de Pontevedra

Rúa Paio Gómez Charino, 6, 36002 Pontevedra

Está pasando!