Proxección de 'Bushman' en Pontevedra

mar08out20:30Proxección de 'Bushman' en PontevedraCINECLUBE PONTEVEDRA20:30 Teatro Principal de Pontevedra - Pontevedra

Detalles do Evento

O martes 8 de outubro, ás 20:30 horas no Teatro Principal de Pontevedra, proxectarase o filme ‘Bushman’ (Bushman, David Schickele, 1971, EE UU, 73 min., VOSG, Lingua orixinal: inglés), nunha nova sesión organizada polo Cineclube Pontevedra.

1968. Martin Luther King, Robert Kennedy e Bobby Hutton foron recentemente asasinados. En Nixeria, a guerra civil entra no seu segundo ano sen que se intúa un final. En San Francisco, as aventuras de Gabriel, un mozo nixeriano, reflicten as friccións tribais, persoais e raciais durante os convulsos anos sesenta.

A verdade é máis estraña cá ficción en ‘Bushman’, un retrato fílmico en parte documental, en parte ficción, poético na súa aproximación aos feitos reais.

  • Mellor ópera prima no Chicago International Film Festival 1971.



OUTUBRO 2024

A programación de outubro do Cineclube Pontevedra arrancará coa proxección de ‘O fillo único’ (1936), primeira longametraxe sonora do mestre xaponés Yasujiro Ozu. Con este filme, filmado no período de entreguerras, incriblemente conmovedor e agridoce, calificado polo teórico Noel Burch como «logro supremo», Ozu senta as bases dos seus máis sonados filmes posteriores. A proxección terá lugar o luns día 7.

Ademais, o luns 28 proxectarase ‘Historia dunha veciñanza’ (1947), o primeiro filme de Ozu logo do hiato de cinco anos que supuxo a Segunda Guerra Mundial; unha obra recentemente restaurada e presentada en Cannes Classics, que foi estreada por primeira vez en salas a finais do pasado ano.

Pola súa banda, as sesións dos martes acollerán dúas magníficas propostas dos anos 70, que mesturan documental e ficción para poñer sobre a mesa cuestións como o racismo ou a violencia sexual: ‘Bushman’ (1971) é a obra máis recoñecida do estadounidense David Schickele, protagonizada por un mozo nixeriano nos Estados Unidos nos convulsos anos 60; en ‘Not a Pretty Picture’ (1976), a directora Martha Coolidge pon en escena a violación que sufriu aos 16 anos cunha mirada pioneira e feminista, nun filme especialmente recomendado para o fomento da igualdade de xénero polo ICAA.

Haberá espazo tamén para dúas estreas recentes: a última longametraxe do director belga Bas Devos, que vén de gañar o premio ao Mellor Filme na sección Encounters da Berlinale e cuxa obra anterior foi obxecto dun Foco no marco da edición 4 do Festival Novos Cinemas; e o último traballo da directora alemá Angela Schanelec, unha fascinante interpretación contemporánea do mito de Edipo que lle valeu o Oso de Prata ao Mellor Guión na pasada Berlinale.

Todos os filmes proxectaranse na súa versión orixinal con subtítulos en español, excepto ‘Bushman’ e ‘Música’, que terán versión subtitulada en galego.

As sesións comezan ás 20:30 horas, mais as portas do Teatro Principal estarán abertas desde as 20:00 horas.

As cotas para asociarse ao Cineclube mantéñense en 70 euros anuais, 25 trimestrais ou 3 euros por pases soltos. Tanto as cotas anuais coma as trimestrais permiten o acceso de balde a todas as proxeccións que se realicen mentres estiveren vixente.

As persoas que desexen asociarse ao cineclube poden facelo calquera día en que haxa proxección ou ben a través do blog da asociación.

Hora

(Martes) 20:30

Localización

Teatro Principal de Pontevedra

Rúa Paio Gómez Charino, 6, 36002 Pontevedra

Está pasando!