Proxección de 'Historia dunha veciñanza' en Pontevedra

lun28out20:30Proxección de 'Historia dunha veciñanza' en PontevedraCINECLUBE PONTEVEDRA20:30 Teatro Principal de Pontevedra - Pontevedra

Detalles do Evento

O luns 28 de outubro, ás 20:30 horas no Teatro Principal de Pontevedra, proxectarase o filme ‘Historia dunha veciñanza’ (Nagaya shinshiroku, Yasujiro Ozu, 1947, Xapón, 72 min., VOSE, Lingua orixinal: xaponés), nunha nova sesión organizada polo Cineclube Pontevedra.

No difícil Xapón da posguerra, Kohei, un neno extraviado, chega accidentalmente a mans de Otane, unha viúva de carácter agre que o acolle na casa de mala gana. A muller rexeita o neno, que lle ocasiona numerosas molestias e esfórzase por localizar o pai do cativo, que semella que foi abandonado.



OUTUBRO 2024

A programación de outubro do Cineclube Pontevedra arrancará coa proxección de ‘O fillo único’ (1936), primeira longametraxe sonora do mestre xaponés Yasujiro Ozu. Con este filme, filmado no período de entreguerras, incriblemente conmovedor e agridoce, calificado polo teórico Noel Burch como «logro supremo», Ozu senta as bases dos seus máis sonados filmes posteriores. A proxección terá lugar o luns día 7.

Ademais, o luns 28 proxectarase ‘Historia dunha veciñanza’ (1947), o primeiro filme de Ozu logo do hiato de cinco anos que supuxo a Segunda Guerra Mundial; unha obra recentemente restaurada e presentada en Cannes Classics, que foi estreada por primeira vez en salas a finais do pasado ano.

Pola súa banda, as sesións dos martes acollerán dúas magníficas propostas dos anos 70, que mesturan documental e ficción para poñer sobre a mesa cuestións como o racismo ou a violencia sexual: ‘Bushman’ (1971) é a obra máis recoñecida do estadounidense David Schickele, protagonizada por un mozo nixeriano nos Estados Unidos nos convulsos anos 60; en ‘Not a Pretty Picture’ (1976), a directora Martha Coolidge pon en escena a violación que sufriu aos 16 anos cunha mirada pioneira e feminista, nun filme especialmente recomendado para o fomento da igualdade de xénero polo ICAA.

Haberá espazo tamén para dúas estreas recentes: a última longametraxe do director belga Bas Devos, que vén de gañar o premio ao Mellor Filme na sección Encounters da Berlinale e cuxa obra anterior foi obxecto dun Foco no marco da edición 4 do Festival Novos Cinemas; e o último traballo da directora alemá Angela Schanelec, unha fascinante interpretación contemporánea do mito de Edipo que lle valeu o Oso de Prata ao Mellor Guión na pasada Berlinale.

Todos os filmes proxectaranse na súa versión orixinal con subtítulos en español, excepto ‘Bushman’ e ‘Música’, que terán versión subtitulada en galego.

As sesións comezan ás 20:30 horas, mais as portas do Teatro Principal estarán abertas desde as 20:00 horas.

As cotas para asociarse ao Cineclube mantéñense en 70 euros anuais, 25 trimestrais ou 3 euros por pases soltos. Tanto as cotas anuais coma as trimestrais permiten o acceso de balde a todas as proxeccións que se realicen mentres estiveren vixente.

As persoas que desexen asociarse ao cineclube poden facelo calquera día en que haxa proxección ou ben a través do blog da asociación.

Hora

(Luns) 20:30

Localización

Teatro Principal de Pontevedra

Rúa Paio Gómez Charino, 6, 36002 Pontevedra

Está pasando!