Proxección de 'O verán de Kikujiro' en Pontevedra

mar30set20:30Proxección de 'O verán de Kikujiro' en PontevedraCineclube Pontevedra20:30 Teatro Principal de Pontevedra - Pontevedra

Detalles do Evento

O martes 30 de setembro, o Cineclube Pontevedra proxectará o filme O verán de Kikujiro (‘Kikujiro no natsu’, Takeshi Kitano, 1999, 120 min., VOSE, lingua orixinal: xaponés).

Será como sempre, ás 20:30 horas no Teatro Principal de Pontevedra.

Masao é un neno de nove anos ao que lle toca pasar as vacacións de verán coa súa avoa, que non para de traballar. Aburrido, xa que todos os seus amigos marchan de vacacións, decide ir á procura da súa nai, á que nunca viu, malia ter moi poucos cartos e só unha foto e un enderezo como referencia.

Unha amiga da súa avoa proponlle que o acompañe o seu marido, Kikujiro, un antigo yakuza reformado que non parece a compañía máis recomendable para un neno.

O verán de Kikujiro é unha road movie cómica e sentimental, con gags dignos de Chaplin e Tati. Protagonizada polo propio Takeshi, estivo nominada á Palma de Ouro no Festival de Cannes en 1999, e foi galardoada na Seminci co premio ao Mellor Actor e o Fipresci.



No mes de setembro volve o curso cineclubeiro, desta volta con tres divertidísimas comedias pasadas por auga e asinadas por Nanni Moretti, Howard Hawks e Takeshi Kitano. Poderemos velas os martes 16, 23 e 30.

Ademais, retómanse os luns de filmoteca, en colaboración coa Filmoteca de Galicia, coa proxección da primeira longametraxe da directora india Payal Kapadia, que se proxectará o luns 22.

Todas as sesións terán lugar ás 20:30 horas no Teatro Principal de Pontevedra.



Cineclube Pontevedra é unha asociación sen ánimo de lucro cuxo funcionamento e financiamento depende fundamentalmente das achegas económicas que realizan periodicamente as súas socias e socios, cara a quen están dirixidas as súas actividades.

Podes escoller a opción que máis se adapte ás túas preferencias: 70 euros anuais, 25 trimestrais ou 3 euros por pases soltos.

As persoas que desexen asociarse poden facelo calquera día en que haxa proxección ou ben a través do blog da asociación.

Hora

(Martes) 20:30

Localización

Teatro Principal de Pontevedra

Rúa Paio Gómez Charino, 6, 36002 Pontevedra

Está pasando!