Proxección de 'Que pasa, doutor?' en Pontevedra

mar21xan20:30Proxección de 'Que pasa, doutor?' en PontevedraCINECLUBE PONTEVEDRA20:30 Teatro Principal de Pontevedra - Pontevedra

Detalles do Evento

O martes 21 de xaneiro, ás 20:30 horas no Teatro Principal de Pontevedra, proxectarase o filme ‘Que pasa, doutor?’ (‘What’s Up, Doc?’, Peter Bogdanovich, 1972, 94 min., VOSE, Lingua orixinal: inglés), nunha nova sesión organizada polo Cineclube Pontevedra.

Catro persoas con maletas idénticas coinciden no mesmo andar dun hotel de San Francisco. Unha delas pertence a Howard Bannister, un mozo serio, tímido e despistado, que asiste a unha convención de musicólogos para optar a unha bolsa de investigación. Outra é de Judy Maxwell, unha moza vitalista e atoleirada coa que Howard vivirá as situacións máis disparatadas. Aínda hai outras dúas maletas en circulación, e algunhas persoas interesadas no seu contido.

Divertidísima comedia con aroma clásico, que toma como referente ‘Bringing Up Baby’, de Howard Hawks, e bebe da screwball comedy da época dourada de Hollywood, con Barbra Streisand e Ryan O’Neal como un dos dúos románticos máis entrañables da historia do cinema.



Cineclube Pontevedra estrea a programación de 2025 cun ciclo dedicado a Peter Bogdanovich (1939-2022), figura central do novo Hollywood que emerxe nos anos 70.

Cinéfilo obsesivo cunha fonda admiración polo cinema clásico americano, Bogdanovich amalgamou a modernidade dos novos tempos e a herdanza do clásico, revisitando xéneros xa en desuso. Foi, ademais, actor, produtor, autor de numerosos estudos cinematográficos e responsable dun valioso legado en forma de entrevistas a cineastas, publicadas en varios volumes, entre os que destacan os seus libros sobre Orson Welles e John Ford.

Durante o mes de xaneiro proxectaranse no Cineclube tres dos seus títulos máis icónicos dos anos 70: ‘A última película’ (1971), ‘Que pasa, doutor?’ (1972) e ‘Lúa de papel’ (1973), obras que poñen en evidencia un discurso sobre a forma do cinema e sobre o que, a partir dela, se revela da historia da sociedade americana.

As tres sesións terán lugar ás 20:30 horas no Teatro Principal, o luns 13, martes 21 e martes 28, en versión orixinal subtitulada en español.

As cotas para asociarse ao Cineclube mantéñense en 70 euros anuais, 25 trimestrais ou 3 euros por pases soltos. Tanto as cotas anuais coma as trimestrais permiten o acceso de balde a todas as proxeccións que se realicen mentres estiveren vixente.

As persoas que desexen asociarse ao cineclube poden facelo calquera día en que haxa proxección ou ben a través do blog da asociación.

Hora

(Martes) 20:30

Localización

Teatro Principal de Pontevedra

Rúa Paio Gómez Charino, 6, 36002 Pontevedra

Está pasando!