Ciclo de cinema 'Limítrofes' en Pontevedra

ven15set(set 15)19:00ven19xan(xan 19)22:00Ciclo de cinema 'Limítrofes' en Pontevedravicerreitoría do campus de pontevedra19:00 - (xaneiro 19) 22:00 Casa das Campás. Vicerreiroría do Campus de Pontevedra - Pontevedra

Detalles do Evento

A sala de conferencias da Casa das Campás acolle a proxección de ‘Só os amantes sobreviven’ (2013), de Jim Jarmusch, na primeira sesión do ciclo de cinema ‘Limítrofes’, organizado pola Vicerreitoría do campus de Pontevedra.

Integrado por doce proxeccións entre os meses de setembro e xaneiro, o ciclo afonda en como a historia do cinema abordou a aparición de elementos dificilmente explicables en realidades aparentemente cotiás.

CICLO DE CINEMA ‘LIMÍTROFES’

Co inicio dun novo curso, o cinema retorna á programación cultural da Vicerreitoría do campus de Pontevedra e faino cun ciclo centrado nos relatos nos que o dificilmente explicable se manifesta en realidades aparentemente cotiás.

Baixo o título de ‘Limítrofes’, o ciclo de cinema que arranca o venres 15 de setembro na Casa das Campás distánciase dos mundos de fantasía para presentar unha escolma de filmes de diferentes épocas nos que “o que teoricamente non pertence ao noso mundo” conéctase “co universo sensible que habitamos ou percibimos”, como sinala o programador Suso Novás, codirector do festival Novos Cinemas.

Doce proxeccións, con entrada libre ata completar a capacidade da sala integran este ciclo, que terá lugar nas tardes dos venres de setembro, outubro, novembro e xaneiro na Casa das Campás. Así mesmo, neste mes de setembro retorna á Vicerreitoría o ciclo Docs del Mes, unha cita mensual co cinema documental dentro dunha rede da que forman parte máis de 80 cidades de toda España.

O ciclo de cine deste primeiro cuadrimestre, como explica Novás, reúne unha serie de películas nas que “o concepto de limítrofe se manifesta en atmosferas ou espazos cotiás en lugar de nunha contorna onde o fantástico teña cabida”. A través de proxeccións complementadas por unha análise do filme, esta programación permitirá afondar en como o cinema representou diversos arquetipos, “como o espectro, o vampiro ou as casas encantadas” e en como a inclusión destes elementos inexplicables “obriga ás personaxes e ao espectador a saír da zona de confort”.



CATRO MESES DE PROGRAMACIÓN

Con sesións previstas para as 19.00 horas, ‘Limítrofes’ arranca o venres 15 con ‘Só os amantes sobreviven’ (2013), de Jim Jarmusch, un filme que Novás destaca “como unha incursión contemporánea no universo vampírico, moito máis reflexiva e existencial”. Á semana seguinte poderá verse ‘A pantasma de Canterville’ (1944), de Jules Dassin, “un clásico da comedia de corte fantástico”, que parte dunha “adaptación libre do relato de Oscar Wilde”.

Xa en outubro, o venres 6 poderá verse ‘Carrie’ (1976), de Brian De Palma, “que dá pé para falar da manifestación dos poderes da mente”, mentres que á semana seguinte proxectarase ‘A mansión encantada’ (1963), de Robert Wise. O 20 de outubro chegará a quenda de ‘A muller e o monstro’ (1954), de Jack Arnold, outro filme clásico que permite afondar na idea “da criatura doutro mundo que aparece na realidade que habitamos” e o venres 27 exhibirase ‘O ceo sobre Berlín’ (1987), coa que achegarse á representación da figura do anxo e a como “un cineasta en plena forma nese momento” como Win Wenders “fai unha incursión no que supostamente é un cinema de xénero sen esquecer os grandes conflitos da existencia humana”.

Xa en novembro, a programación continúa o venres 3 con ‘Na boca do medo’ (1994), na que John Carpenter explora “o que acontece cando o que escribe un afamado novelista de terror comeza a manifestarse na realidade”. Á semana seguinte, ‘Lady in the water’ (2006), de M. Nighy Shyamalan, permitirá explorar a idea dos efectos que ten a aparición “dunha criatura dun universo místico” nunha comunidade e explorar “as virtudes e eivas das sociedade contemporánea”, salienta Novás. O 17 de novembro proxectarase ‘A invasión dos ultracorpos’ (1978), de Philip Kauffman, “un clásico da ciencia ficción que dá pé a falar dunha invasión de natureza extraterrestre”, mentres que o venres 24 poderá verse ‘A Ghost Story’ (2017), “unha das mellores reflexións sobre a figura da pantasma do cinema contemporáneo”.

Tras un parón en decembro, a programación deste ciclo completarase en xaneiro con dúas longametraxes máis. O día 12 o ciclo centrarase no fenómeno da “precognición, no que supón para unha persoa saber que vai acontecer”, con ‘A zona morta’ (1983), de David Cronenberg, mentres que o venres 19 porase o peche con ‘Última noite no Soho’ (2012), de Edgar Wright, “unha das mellores incursións do xénero fantástico e as viaxes temporais dos últimos anos”.

CATRO NOVAS CITAS CO CINEMA DOCUMENTAL ATA DECEMBRO

Tras o verán, neste mes de setembro tamén retorna a programación de Docs del Mes, un ciclo de cinema documental que se desenvolve en máis de 80 cidades de España e do que Pontevedra forma parte desde 2018, da man da Vicerreitoría do campus de Pontevedra.

Con proxeccións que se desenvolven o terceiro ou cuarto luns de cada mes, ás 20.00 horas, na Casa das Campás, a programación retómase o luns 25 con ‘Remando a la deriva’ (2023), un filme da documentalista india Sarvnik Kaur, premiado no festival de Sundance. A longametraxe afonda nos efectos do cambio climático na actividade pesqueira a través da historia de dous pescadores de Bombay, un que segue apostando por un sistema ancestral de pesca que se rexe polo ciclo lunar e as mareas e outro que avogou pola incorporación de tecnoloxía no seu barco.

Un mes despois, o 23 de outubro, proxectarase ‘Lyra VS IRA’ (2022), no que a cineasta Alison Millar indaga nos motivos da morte de Lyra McKee, unha xornalista de investigación e activista LGTBIQ+ que en 2019 foi asasinada na cidade irlandesa de Derry polo novo IRA.

Xa en novembro, o luns 20 poderá verse ‘Adiós, queridos haters’ (2022), un documental que Hanka Nobis centra na historia de Antek, un mozo polaco que creceu nunha familia relixiosa e de extrema dereita. Pertencente a un grupo de mozos cos que comparte o catolicismo, o nacionalismo e a homofobia, o filme afonda en como o protagonista comeza a dubidar da súa ideoloxía tras namorarse.

Por último, a programación de Docs del Mes en 2023 péchase o 18 de decembro con ‘Nosotras, mañana’ (2023), no que a documentalista Alisa Kovalenko presenta a historia de cinco adolescentes ucraínos da rexión do Donbás que intentan escapar dos bombardeos rusos á vez que imaxinan o seu futuro.

Hora

Setembro 15 (Venres) 19:00 - Xaneiro 19 (Venres) 22:00

Localización

Casa das Campás. Vicerreiroría do Campus de Pontevedra

Rúa don Filiberto, 9 36002 Pontevedra

Está pasando!