Proxección de 'O seu xogo favorito' en Pontevedra

mar23set20:30Proxección de 'O seu xogo favorito' en PontevedraCineclube Pontevedra20:30 Teatro Principal de Pontevedra - Pontevedra

Detalles do Evento

O martes 23 de setembro, o Cineclube Pontevedra proxectará o filme ‘O seu xogo favorito’ (‘Man´s Favorite Sport’, Howard Hawks, 1964, 120 min., VOSE, lingua orixinal: inglés).

Será como sempre, ás 20:30 horas no Teatro Principal de Pontevedra.

Roger Willoughby é vendedor de apeiros de pesca nuns grandes almacéns de San Francisco e ten unha gran reputación entre os seus clientes logo de publicar un exitoso manual sobre a materia. Cando é convidado a participar nun dos concursos de pesca máis importantes do país, terá que enfrontarse a un feito importante: Roger non usou na súa vida unha cana de pescar!

Protagonizada por Rock Hudson e Paula Prentiss, ‘O seu xogo favorito’ é unha das máis disparatadas e divertidas obras do mestre da screwball comedy.

Con ecos do seu filme anterior ‘Bringing Up, Baby’, rodado no ano 1938, Hawks desmonta os mitos da masculinidade colocando unhas protagonistas femininas cheas de forza e seguridade ante a tímida e torpe mirada do seu protagonista masculino.



No mes de setembro volve o curso cineclubeiro, desta volta con tres divertidísimas comedias pasadas por auga e asinadas por Nanni Moretti, Howard Hawks e Takeshi Kitano. Poderemos velas os martes 16, 23 e 30.

Ademais, retómanse os luns de filmoteca, en colaboración coa Filmoteca de Galicia, coa proxección da primeira longametraxe da directora india Payal Kapadia, que se proxectará o luns 22.

Todas as sesións terán lugar ás 20:30 horas no Teatro Principal de Pontevedra.



Cineclube Pontevedra é unha asociación sen ánimo de lucro cuxo funcionamento e financiamento depende fundamentalmente das achegas económicas que realizan periodicamente as súas socias e socios, cara a quen están dirixidas as súas actividades.

Podes escoller a opción que máis se adapte ás túas preferencias: 70 euros anuais, 25 trimestrais ou 3 euros por pases soltos.

As persoas que desexen asociarse poden facelo calquera día en que haxa proxección ou ben a través do blog da asociación.

Hora

(Martes) 20:30

Localización

Teatro Principal de Pontevedra

Rúa Paio Gómez Charino, 6, 36002 Pontevedra

Está pasando!