This is a repeating event

XLVI Festa do Viño de Barro

xov12xuñConsultarXLVI Festa do Viño de BarroDo 12 ao 15 de xuño de 2025(Consultar: xoves) Pazo da Crega - Barro

Detalles do Evento

Festa do Viño de Barro quenta motores co orgullo de contar cunha programación pensada para todos os públicos, coa veciñanza e colectivos e locais como protagonistas.

Barro é por excelencia un concello de viño. Aquí existe unha tradición vitivinícola milenaria quen ten as uvas albariñas e caíñas como piares destacados. As castes autóctonas, a tradición, o solo, o sol, a choiva e o cariño no cultivo e na elaboración son factores que dan como resultado un dos mellores viños da D.O Rías Baixas.

É por iso que no ano 1979 a asociación Amigos do Viño de Barro creou e impulsou a I Festa do Viño de Barro, co obxectivo de promocionar a calidade dos viños locais. Desde aquela a Festa do Viño non deixou de crecer e de gañar adeptos, converténdose xa nun referente da programación estival da provincia de Pontevedra.

Mais a Festa do Viño de Barro vai alén do viño, pois é un evento central de goce e de convivencia do conxunto da veciñanza de Barro.

Cultura, música, tradición, viño e sobre todo participación local serán, un ano máis, os ingredientes principais desta celebración que se celebrará do 12 a 15 de xuño.

XOVES, 12 DE XUÑO

  • 17:00 h. Festa infantil. Inchables de balde e pasarruas dos Bolechas.
  • 22:30 h. Xoves do Viño no Pazo da Crega, coa actuación de Jorge Menéndez.

VENRES, 13 DE XUÑO

  • 18:00 h. Fútbol. Trofeo Festa do Viño no Campo do Outeiro.
  • 20:30 h. Actuación do Grupo de Danzas ‘Amor Ruibal’ de Barro.
  • 21:00 h. Inauguración do XVIII Certame de Viños D.O. ‘Rías Baixas’. Pregón a cargo de Salomé Cancela. Actuación do grupo Son das Tabernas.
  • 22:30 h. Gran verbena coas orquestras Capitol e New York.

SÁBADO, 14 DE XUÑO

  • 17:00 h. Final Senior XI Torneo de tenis Festa do Viño.
  • 19:00 h. Concerto da Coral Polifónica de Barro, no Pazo da Crega. Concerto do Grupo de Pandereteiras ‘Peñaflor’ e Coro da Portela.
  • 21:00 h. Actuación a cargo de DJ Moe (Duendeneta).
  • 22:30 h. Gran verbena a cargo das orquestras Kubo e Miramar.

DOMINGO, 15 DE XUÑO

  • 10:30 h. Cata de viños albariños D.O. ‘Rías Baixas’. Cata de viños caseiros.
  • 11:30 h. Charanga Alambique.
  • 12:00 h. Sardiñada e viño para os asistentes.
  • 13:30 h. Entrega de premios.
  • 15:00 h. Xantar da Festa do Viño.
  • 20:00 h. Concerto de Antonio Barros + Banda de Música Xuvenil de Barro. Presenta: Xurxo Souto.

Xosé Manuel Fernández Abraldes e Salomé Cancela Romero | Concello de Barro

Salomé Cancela será a pregoeira da XLVI Festa do Viño de Barro

O Concello de Barro anuncia con orgullo que Salomé Cancela Romero será a encargada de pronunciar o pregón da XLVI edición da Festa do Viño, que se celebrará no mes de xuño. A súa escolla representa un recoñecemento á tradición vitivinícola de Barro e, especialmente, ás persoas e proxectos que loitan cada día por dar visibilidade e prestixio a este viño.

Salomé Cancela é socia da Cooperativa Viña Moraima, fundada en Barro no ano 2006 por un grupo de viticultores locais convencidos do potencial e da calidade do noso viño. Filla dunha familia cunha fonda tradición vitícola, foi o seu pai un dos socios fundadores desta cooperativa que hoxe é símbolo de traballo colectivo, compromiso co territorio e aposta pola calidade.

Salomé pertence á familia Mariño, unha das liñaxes históricas máis vencelladas á produción, elaboración e comercialización do viño en Barro. Familias coma a dos Mariño representan o peso da tradición, a paixón polo bo viño e o compromiso xeracional coa terra.

Ao longo da súa traxectoria, Salomé foi presidenta de Moraima e converteuse, ademais, na primeira persoa de Barro en formar parte como vogal do Consello Regulador da Denominación de Orixe Rías Baixas, abrindo camiño para que a voz dos viticultores e viticultoras de Barro estivese presente nos espazos de toma de decisión.

Cómpre salientar tamén o papel protagonista de Moraima na recuperación da variedade autóctona ratiño, unha uva branca de pequeno tamaño e sabor singular, documentada xa en Barro no ano 1929. Durante décadas estivo ao bordo da extinción debido á súa sensibilidade ás pragas, mais grazas á colaboración entre a Misión Biolóxica de Galicia (CSIC) e a cooperativa, esta xoia do patrimonio vitícola galego puido ser salvada.

Tras anos de traballo e trámites administrativos, a ratiño foi incluída en 2023 na Denominación de Orixe Rías Baixas, abríndolle así as portas a un futuro con garantías comerciais. Moraima, que foi pioneira na súa recuperación, xa elabora un viño con esta variedade que pronto poderá chegar ao mercado.

O alcalde de Barro, Xosé Manuel Fernández Abraldes, destacou que “con Salomé queremos render homenaxe á Cooperativa Moraima e a todas as adegas do noso concello, ás que día a día manteñen viva a nosa identidade vitivinícola. A súa traxectoria é exemplo do que queremos celebrar nesta festa: tradición, compromiso, innovación e orgullo polo noso”.

Esta escolla simboliza tamén unha homenaxe a todas as persoas que, dende as viñas e as adegas, contribúen a facer do viño de Barro e do viño galego un produto recoñecido, estimado e presente en moitas mesas do mundo.

Un ano máis, a Festa do Viño de Barro pon no centro ás persoas e colectivos que, co seu traballo, dedicación e compromiso, fan que o noso concello medre e mellore. A elección de Salomé Cancela como pregoeira simboliza ese espírito de vinculación e entrega que Barro quere recoñecer e celebrar nunha festa que é moito máis que viño: é orgullo colectivo, identidade compartida e futuro construído entre todas e todos.

Hora

Consultar (Xoves)

Localización

Pazo da Crega

Lugar Canai, 1, 36194 Barro

Está pasando!