Desfile do transporte do viño | © Concello de Pontevedra

XXII Feira Franca de Pontevedra

ven01set19:00sáb02set(set 2)23:00XXII Feira Franca de Pontevedra'OS NÚMEROS'19:00 - 23:00 (2) Cidade de Pontevedra - Pontevedra

Detalles do Evento

A XXII edición da Feira Franca de Pontevedra, Festa de Interese Turístico de Galicia, celebrarase os días 1 e 2 de setembro de 2023.

“Os días 1 e 2 de setembro hai Feira Franca de números e contas na ilustre vila de Pontevedra. Os seres humanos temos necesidade de contar. Así, dende a prehistoria aprendemos a base do dez, coma os dedos, para establecer ducias: unha ducia, dúas, tres… Aínda así nunca fomos quen de medir o intanxible en números, como se mide a paixón ou a ledicia?, canto é pouco ou moito amor?”…

Son palabras incluidas no texto introductorio do programa da Feira Franca 2023, adicado este ano a Os números.



A programación da XXII Feira Franca é a seguiente:

VENRES 1 | Véspera da XXII Feira Franca

  • 19.00 h. Pregoeiros a cabalo anuncian o comezo da XXII edición da Feira Franca polo centro histórico.
  • 22.00 h. Espectáculo ‘Os números’ a cargo da compañía Pablo Méndez Performance na Ferraría.

SÁBADO 2 | XXII Feira Franca

  • 11.30 h. Apertura do mercado medieval (avda. de Santa María) e da mostra de oficios (prazas da Ferraría, da Pedreira e do Peirao).
  • 11.30 h. Música medieval. Trobasóns, centro histórico.
  • 12.00 h. Recreación do transporte do viño pola asoc. Recriativa de Xeve, A Xanela do Maxín, Troula, animación; Duos Pontes, música; representacións… Percorrido: rúas de Santa Clara, Sarmiento, Pasantaría, praza da Ferraría e remate na praza da Peregrina.
  • 12.30 h. Cantar de cego e música medieval a cargo de Pola Vila polas rúas do centro histórico.
  • 12.30 h. Demostración e obradoiros de esgrima. Escola Hungaresa, Montero Ríos.
  • 13.00 h. Grupo de animación. As Lendas do Camiño do Bruxo do Lerce.
  • 13.00 h. Tiro con arco. Boa Vila, Montero Ríos.
  • 13.30 h. Cetraría. Falcóns Galicia, Montero Ríos.
  • 17.00 h. Demostración e obradoiros de esgrima. Escola Hungaresa, Montero Ríos.
  • 17.30 h. Gran torneo medieval. Hípica Celta, praza de touros. Entrada de balde ata completar a capacidade; polas portas 2, 3 e 6.
  • 17.30 h. Animación medieval. Olodum do Coio.
  • 18.00 h. Cantar de cego e música medieval a cargo de Pola Vila, centro histórico.
  • 18.00 h. A Galiña dos Ovos de Ouro. Art Monium, centro histórico.
  • 18.00 h. Os bufóns. Troula.
  • 18.00 h. Música e bailes medievais. Asociación de e Danzas Duos Pontes, praza da Peregrina.
  • 18.30 h. Tiro con arco. Boa Vila, Montero Ríos.
  • 18.30 h. Grupo de animación. As Lendas do Camiño do Bruxo do Lerce.
  • 19.00 h. Cetraría. Falcóns Galicia, Montero Ríos.
  • 19.30 h. Pasacalles. Bufóns Medievais. Art Monium.
  • 20.00 h. Gran torneo medieval. Hípica Celta, praza de touros. Entrada de balde; portas 2, 3 e 6.
  • 20.00 h. Grupo de animación. As Lendas do Camiño do Bruxo do Lerce.
  • 21.00 h. Música medieval. Cantares de cego.
  • 21.45 h. Pasacalles. Errantes, centro histórico.
  • 22.00 h. Pasacalles. A Santa Compaña, A Xanela do Maxín.



Que é a Feira Franca?

A Feira Franca é, dende hai anos, unha cita ineludíbel para as xentes de Pontevedra e os milleiros de visitantes que veñen gozar dela, procedentes de todos os recunchos do país e máis alá das nosas fronteiras; un peche apoteósico dos días de verán creado por e para a xente; unha viaxe ao século XV participada por toda unha cidade; unha vivencia única habitada por artesáns, canteiros, ferreiros, palilleiras, cesteiros, oleiros, redeiras, carpinteiros, músicas, xograres, campesiños, toneleiros, artistas, comerciantes, damas e cabaleiros que nos achegan o tempo do privilexio concedido a Pontevedra polo rei Henrique IV, no ano 1467, en virtude do cal se autorizaba a celebración dun mercado libre de impostos dun mes de duración.


Actuación na praza da Ferraría | © Concello de Pontevedra

A Feira Franca, que ten lugar na zona monumental da capital do Lérez todos os anos na primeira fin de semana de setembro, toma forma dende o ano 2000 coa organización de diversas actividades lúdicas de raigame histórica, que van dende a representación do transporte do viño ou o imperdíbel torneo medieval, ata os espectáculos de cetraría, tiro con arco, esgrima ou as exhibicións de música e danza que enfeitizan as xornadas do venres a partir do serán e mais de todo o sábado. Pero, sobre todo, o que fai especial e distinta esta festa medieval, declarada Festa de Interese Turístico pola Xunta de Galicia en 2013, son os milleiros de persoas que se visten de época para xantaren nas prazas e rúas, en mesas montadas e decoradas por elas mesmas, seguindo as pertinentes normas estéticas e utilizando tan só materiais existentes na segunda metade do século XV, conformando unha obra deleitosa na que o público é tamén actor sobre o escenario da cidade vella.

Así que, xa o sabes: cando a noite se vaia alongando ata durar case tanto coma o día, cando as flores do viño vello compartan mantel cos acios da nova colleita; cando creas que o verán se está indo a acubillar no manto do outono; cando semelle que a festa esmorece e a luz de Sirius se recolle, garda folgos porque está preto o punto culminante da época estival: a Feira Franca de Pontevedra!


Un pouco de historia

Contan os bandos que sucan o tempo e a luz das estrelas que corría o ano 1467 cando o rei Henrique IV de Castela lle outorgou a Pontevedra, daquela a principal vila de Galiza, o privilexio para instaurar un mercado libre de impostos dun mes de duración, quince días antes e outros quince despois do 24 de agosto, festividade de San Bartolomeu. E foi co fin de lembrar aquela concesión que a comezos do século XXI o departamento de Festas do Concello de Pontevedra decidiu recrear un mercado medieval na Praza da Ferraría, convidando a todos os veciños e veciñas a integrárense na celebración dese fito histórico.


Torneo medieval na praza de Touros | © Concello de Pontevedra

Co transcorrer dos anos, tal foi a boa acollida da iniciativa entre as xentes de Pontevedra, que se fixo preciso estender os lindes do espazo da festa paulatinamente, ata abranguer a totalidade da zona monumental e mesmo algunhas áreas limítrofes. A Praza da Ferraría mantivo, porén, a súa condición de centro neurálxico, e consolidouse como o lugar escollido para a representación de oficios tradicionais. Pola súa banda, na Praza de Santa María acabaríanse instalando a meirande parte da artesanía, e a alameda e mais a Praza de Curros Enríquez contarían co maior número de postos de alimentación. E velaquí que a medida que se sucedían as edicións, a cantidade de persoas que se vestían de época e solicitaban participar nas seccións de mercado, hostalería ou de xantares e ceas na rúa era tamén cada vez maior, ata chegar ás máis de 500 peticións da actualidade.

E foi por mor de que a masificación non implicase un deterioro da festa, que se implementaron normas de obrigado cumprimento en cada unha das categorías existentes: Mercado, Hostalaría e Xantares e Ceas. Dese xeito logrouse asegurar que primase a calidade dos postos e mais dos produtos, así como da estética da escenificación. Algo que, sen dúbida, valoran os máis de 100.000 visitantes que se achegaron nas últimas edicións á nosa Boa Vila o primeiro sábado de setembro, día grande da Feira Franca.

Así é que, co acubillo de toda a cidade, dende o ano 2000 facemos unha viaxe no tempo ao noso pasado, mais como todo o universo dos devanceiros non pode abranguerse nun día, a organización decidiu adicar a un tema concreto cada edición; e xa podemos dicir que visitamos o mundo dos Irmandiños no ano 2006; sucamos o mar do medievo en 2007; homenaxeamos á agricultura ao ano seguinte; cantamos cantigas de Amor, escarnio e maldicir en 2009; acollemos a camiñantes no 2010; lembramos o comercio de antano no 2011; os xogos populares en 2012; no 2013 os inventos; aprendemos astronomía no 2014, centrámonos na alquimia no 2015, gozamos coa música en 2016, imaxinamos bestiarios medievais en 2017 e ideamos lendas en 2018.

Hora

1 (Venres) 19:00 - 2 (Sábado) 23:00

Localización

Cidade de Pontevedra

Está pasando!