XXVI Festival de Artistas de Rúa en Redondela

ven01ago18:00XXVI Festival de Artistas de Rúa en Redondelao mellor circo, moito humor e a música do gran Pancho Varona18:00 Concello de Redondela - Redondela

Detalles do Evento

Teatro, maxia, malabares, funambulistas, xogos, moito humor e a mellor música. Estes son algúns dos ingredientes do XXVI Festival de Artistas de Rúa que se celebrará o venres 1 de agosto, e que será, coma sempre, un dos pratos fortes da programación cultural de verán do Concello de Redondela.

Un total de seis compañías teatrais e circenses ofrecerán os seus espectáculos desde as 18.00 horas ata a medianoite en sete emprazamentos diferentes: a Alameda Castelao, a pista da Xunqueira e nas prazas de Ponteareas, José Figueroa, praza da Torre e praza da Constitución.

A vila será un gran escenario onde vivir a emoción do circo e o teatro con actividades sorprendentes para o público de todas as idades. O gran cantautor Pancho Varona será o encargado de poñer o broche de ouro a esta xornada cun concerto na praza da Torre.

A xornada arrancará ás 18.00 horas coas actividades de “Circus feira”, na alameda Castelao. O público atopará casetas de feira con xogos, espectáculos de circo, carreiras, ilusións ópticas e probas de habilidade e enxeño, e moito máis. Esta proposta de Bambolea Producións, que poderá visitarse ata a medianoite, “rende homenaxe ás antigas feiras ambulantes que percorrían as vilas e aldeas enchendo de alegría as súas rúas, e será unha fermosa experiencia para vivir en familia”, sinala Rivas.

O espectáculo “Ciganí 100%” comezará ás 19:00 horas na praza de Ponteareas. A Compañía Antón Coucheiro fará rir e chorar ao público cos seus “xitanos balcánicos”, un verdadeiro “furacán” na rúa, transgresor e con gañas de xogar que implicará a todo o público.

O humor e os malabares chegarán da man de compañía Pistacatro e o seu espectáculo “Sen Patrón”. Será a partir das 19:45 horas na praza José Figueria cando os tres malabaristas competirán entre eles e os obxectos voarán por riba das súas cabezas nun aparente caos divertido e fascinante.

Ás 20.30 comezará na praza da Torre “Tavole”, de Zirko Txosko, que transportará ao público a un mundo de humor e reflexión. Inspirados nos problemas da sociedade actual, e a través da linguaxe universal do circo, os dous personaxes chegarán á conclusión de que a única solución aos problemas é “a convivencia, a comunicación e o respecto”.

A traxicomedia “Henriko”, de Circo Cambuche, chegará ás 21.15 horas á praza da Constitución. Este espectáculo conta a historia de Kike Castro, o derradeiro supervivente dun antigo circo que lembra a historia da súa familia de funambulistas.

Na pista da Xunqueira poderemos gozar da “Gran Gala do Circo” a partir das 22.15 horas coa compañía Pistacatro. Trárase dun espectáculo multidisciplinar e variado conducido por un mestre de cerimonias que fará participar ao público e ofrecerá moito humor e sorpresas.

Para pechar o festival contaremos co concerto do gran Pancho Varona que actuará ás 23.15 na praza da Torre. O músico e compositor é todo un referente da música de autor en España. Durante máis de 40 anos foi colaborador de Joaquín Sabina, co que compuxo temas emblemáticos. Tamén traballou con artistas como Ana Belén, Luz Casal ou Serrat. No concerto non faltarán temas clásicos de Sabina que farán gozar a todo o público.

“Shopping Night” do comercio local

comercio local de Redondela celebra ese mesmo venres a súa tradicional “Shopping Night”, coincidindo co XXVI Festival de Artistas de Rúa nunha edición denominada “O Gran Circo Vintage”.

Os establecementos estarán abertos ata a media noite con descontos, agasallos e promocións. Son medio cento de negocios os que participan nesta edición con moda, calzado, decoración, complementos, deportes, xoiería, artesanía e moito máis.

Desde o goberno local destacan que unir o Festival de Artistas de Rúa con esta xornada especial de compras é un xeito de “dinamizar e promover o comercio local”.

Tanto veciñanza como visitantes poderán gozar dunha tarde e noite de ocio e compras con numerosa actuacións e espectáculos polas rúas e prazas de Redondela.

Hora

(Venres) 18:00

Localización

Concello de Redondela

Está pasando!