Exposición ‘Sociedad Coral Polifónica de Pontevedra 1925-2025, un século de música coral en Galicia’ | Deputación de Pontevedra

O Museo de Pontevedra acolle a exposición ‘Sociedad Coral Polifónica de Pontevedra 1925-2025, un século de música coral en Galicia’

18 Marzo 2025

O Edificio Castelao do Museo de Pontevedra acolle ata o 20 de abril, a exposición ‘Sociedad Coral Polifónica de Pontevedra 1925-2025, cen anos de música coral en Galicia’, unha mostra que percorre o século de vida desta emblemática institución cultural galega.

A Sociedad Coral Polifónica de Pontevedra, fundada o 3 de febreiro de 1925, fixo a súa aparición pública moi pouco tempo despois, os días 9 e 10 de abril, Xoves e Venres Santo, en concertos realizados, respectivamente, nas históricas igrexas pontevedresas de San Francisco e Santa María.



O seu nacemento supuxo, como sinalou reiteradamente a crítica máis esixente e rigorosa, unha revolución no panorama musical de Galicia tanto pola composición do colectivo (foi a primeira coral que incorporou neste territorio mulleres á súa nómina de cantores) coma polo repertorio que interpretaba.

Ofrecía este unha acertada combinación de composicións antigas e modernas, entre as que destacaban as producidas polos seus propios directores, unha tradición mantida ao logo do tempo, non só na etapa de arranque da Sociedad Coral.

Non menos significativo que o anterior foi a temperá incorporación ás súas actuacións (o 23 de marzo de 1926, no primeiro concerto que ofreceron nun marco civil, neste caso, o Teatro Principal de Pontevedra) dunha coidada escenografía preparada especificamente para elas por unha personalidade tan excepcional e poliédrica coma Castelao, integrante tamén, como membro da corda dos baixos, do colectivo. fundacional de cantores.


Exposición ‘Sociedad Coral Polifónica de Pontevedra 1925-2025, un século de música coral en Galicia’ | Deputación de Pontevedra

A exposición, comisariada por Xosé Carlos Valle Pérez, á que serve de preludio este texto, estrutúrase en catro apartados, dos cales tres ofrecen unha visión diacrónica da traxectoria da Coral, delimitados por relevantes feitos históricos. Aínda que desiguais na súa duración, organízanse, non obstante, da mesma maneira, o que facilita o seu seguimento e comprensión.

No proceso da súa materialización resultou esencial a colaboración do equipo creado no seo da Coral especificamente para ese cometido e integrado polo secretario do colectivo, Santiago Valdés de la Colina, e polas e polos cantores Mercedes González Rosales, M.ª do Carme Martínez Lourido e Manuel Trigo Cochón.

O cuarto capítulo da proposta expositiva está dedicado, con carácter monográfico, ao estudo dos panos que conforman o aparato escenográfico invocado. Da súa preparación ocupouse M.ª Ángeles Tilve Jar, directora do Museo que acolle a mostra.


Exposición ‘Sociedad Coral Polifónica de Pontevedra 1925-2025, un século de música coral en Galicia’ | Deputación de Pontevedra

As escenografías de Castelao para a Sociedad Coral Polifónica de Pontevedra

En 1925 Alfonso Daniel Rodríguez Castelao participa man a man con Antonio Iglesias Vilarelle na fundación da Sociedad Coral Polifónica de Pontevedra, unha agrupación nada co afán de contribuír, a través da música, á construción da cultura nacional galega, e que mesmo presidirá desde 1929 ata 1932.

Durante a súa estadía en París como bolseiro da Junta para la Ampliación de Estudios, en 1921, Castelao asistira ás representacións dos coros ucraínos, tamén ás do Teatro do Morcego de Nikita Balieff, experiencia que o entusiasmou e lle inspirou a posibilidade de crear en Galicia un teatro de arte.

Na capital francesa descubriu novidosas fórmulas escénicas que aproveitará no ámbito musical con motivo do primeiro concerto que a Polifónica ofreceu no Teatro Principal de Pontevedra e para o que, empregando todos os recursos estéticos, e mesmo a experiencia sensorial sinestésica, deseñará unha novidosa escenografía.

Para este concerto, que tivo lugar o 23 de marzo de 1926, realizou un fermoso e pensado conxunto de cinco panos no que sorprende pola súa valentía. Malia ser autodidacta e contar unicamente cos consellos técnicos do seu amigo Camilo Díaz Baliño, será quen de levar a cabo este traballo de escala monumental.

Estas primeiras presentacións escénicas, que Castelao pinta en augada e tinta sobre papel, e que polo seu formato ten que realizar na Casa da Luz, foron o pano de boca, no que representa a san David; a Sala para música profana ou Sala dos Quiquiriquís; Pórtico románico; Rosetón oxival, que sería sempre o máis loado dos decorados da Polifónica, e Alcoba.

En abril de 1926 estrearía Rúa, no Teatro Principal de Santiago, e Interior de igrexa, no de Pontevedra e, en decembro dese mesmo ano, un segundo pano de boca, Arco da vella, no Teatro Rosalía de Castro da Coruña.

O 16 de novembro de 1934, a piques de marchar cara ao desterro en Badaxoz, Castelao estreará no Teatro Principal de Pontevedra o que sería o seu último pano para a Polifónica, o monumental Capela oxival.

O museo conserva, en depósito da Sociedad Coral Polifónica, oito destas escenografías. Nesta sala mostramos a reprodución a escala de cinco delas, xa que, polas súas enormes dimensións, non é posible exhibir as orixinais. Tamén se inclúen fotografías das dúas que hoxe están perdidas.

Está pasando!