Malencolía | © Maruxiña Film Company

Do 26 ao 28 de novembro goza do mellor cinema na Culturgal 2021

18 Novembro 2021

Todas as proxeccións da Culturgal terán lugar do 26 ao 28 de novembro, no Salón de Actos do Pazo da Cultura de Pontevedra, e contarán con coloquio e encontro cos equipos responsables. Tes acceso ás películas coa entrada xeral da Feira, dispoñible en cultur.gal.

O venres 26 o pase de Malencolía de Alfonso Zarauza ten acceso gratuíto, como toda esa xornada na Culturgal, pero recomendámosche que reserves a túa butaca en cultur.gal.

Unha programación coordinada por AGAPI.

PROGRAMACIÓN CINEMA NA CULTURGAL

VENRES 26 DE NOVEMBRO

  • 19:00 h. ‘Malencolía’. 2021. 60 minutos. Maruxiña Film Company. Dirección: Alfonso Zarauza. Presentación con Alfonso Zarauza, director do filme, Melania Cruz, Xulio Abonjo, Iolanda Muíños, Ledicia Sola, Marta Lado e Tito Asorey, actrices e actores do filme e Alberte Branco, director fotografía.

Non te perdas este thriller de Zarauza, cunha oportunidade única de velo en pantalla grande antes de que comece o seu periplo comercial en 2022. Sira e Pepe, despois de 10 anos vivindo en Berlín, deciden tomar unha nova dirección na súa vida regresando a Galicia. Con ese obxectivo, mercarán unha casa nunha aldea que consideran abandonada, pero onde vive unha señora coa que manterán unha estraña relación.

SÁBADO 27 DE NOVEMBRO

  • 17:30 h. ‘Negro Púrpura’. Illa Bufarda. 2021. 81 minutos. Coa asistencia de Pilar Abades, directora de fotografía, e Sabela Iglesias, co-directora do filme.

‘Negro Púrpura’ retrata un dos lugares de maior produción a nivel mundial de claviceps purpurea: Galicia. Este fungo alucinóxeno, que brota nos cereais, ábrenos as portas dunha historia tan curiosa, sorprendente e descoñecida como importante na evolución da cultura e da economía de Galicia no s. XX.

  • 19:30 h. ‘Beiras. Vivir2veces’. 2021. (65 minutos). Produtora OlloVivo. Dirección:Pepe Coira, Gaspar Broullón, Jorge Coira. Asisten Pepe Coira, produtor, e Jorge Coira, director.

Político, economista, profesor universitario, activista, músico, tradutor, viaxeiro, fotógrafo, ensaísta, conversador… Xosé Manuel Beiras é un e moitos. “Beiras.Vivir2Veces” non é un filme sobre Beiras, senón un filme con Beiras.

DOMINGO 28 DE NOVEMBRO

  • 17:30 h. ‘Xela Arias. A poeta nas marxes’. 2021. 30 minutos. Con Beatriz Pereira, directora do documental, e Daniel Chapela, coguionista e coprodutor.

O documental percorre a vida e obra dunha “francotiradora das letras”, deténdose en todas as aristas que fixeron de Xela Arias unha muller situada nas marxes da literatura, analizando o seu labor como poeta, tradutora e correctora, así como o seu impacto na vida cultural galega.

  • 18:30 h. ‘Cuñados’. 2021. 95 minutos. Portocabo. Proxección e coloquio co equipo do filme.  Reparto: Xosé Antonio Touriñán, Miguel de Lira, Federico Pérez Rey, Eva Fernández, María Vázquez, Iolanda Muíños, Mela Casal.

‘Cuñados’ é unha comedia sobre as peripecias delitivas de tres cuñados unidos polo azar e embarcados nun plan disparatado para salvar o que máis queren: a familia.

Está pasando!