Guadi Galego protagonizará un dos concertos das festas de San Roque de Vilagarcía

1 Xullo 2024

  • Guadi Galego participará nas Festas de San Roque este ano, cun concerto que se celebrará o próximo 14 de agosto no Parque da Xunqueira
  • Gañadora dun Premio Martín Códax este ano á Mellor Canción de Autora, comezou en 2024 a xira do seu último espectáculo, ‘Síntese Horizonte’, co que está a encher os principais teatros de Galicia
  • A Concellería de Cultura do Concello de Vilagarcía abre con esta artista a lista de concertos gratuítos a celebrar durante as festas patronais de 2024
  • O concerto de Guadi Galego enmárcase no programa “+Música” da Deputación Provincial de Pontevedra

Guadi Galego abre a lista de concertos gratuítos a celebrar durante as festas de San Roque 2024 no parque da Xunqueira.

A andaina musical de Guadi Galego comezou sendo ela moi nova, un camiño fiado especialmente a Berrogüeto como vocalista, pianista e gaiteira, e que, co tempo, deu paso a outros proxectos máis persoais, como Espido ou Nordestin@s.

No 2009 inicia a súa carreira en solitario con ‘Benzón’. Logo chegarían os exitosos ‘Lúas de Outubro e Agosto’ (con éxitos indiscutibles como ‘Chea de vida’ ou ‘Matriarcas’), ‘O mundo está parado’, ‘Inmersión’, ‘Costuras’ ou o máis recente ‘Roibén’, LP que presentou en diferentes puntos da xeografía peninsular.

Logo da ‘Roibén’ (2022) e dunha simbólica ausencia nos escenarios do país, Guadi Galego segue a atravesar etapas e dá paso a novos horizontes, sen esquecer que a vida existiu e persiste nela. En outono de 2023 lanza o sinxelo ‘O.D.A’, toda unha declaración de intencións sobre a madurez e aceptación da vida, e na que reivindica o dereito a seguir experimentando, pois ‘O.D.A’ non é só un punto de chegada: marca o inicio dunha nova etapa na carreira da artista.

Neste 2024 aposta pola evolución do seu son, pois con cada disco, e con cada espectáculo, Guadi foi aprendendo a desaprender do establecido.

Este concerto enmárcase no programa “+Música” da Deputación de Pontevedra.

Está pasando!