Presentación da campaña do 25 N | Concello de Marín

Marín presenta unha campaña para loitar contra o machismo en todas as súas formas

13 Novembro 2025

As concelleiras Marián Sanmartín e Mónica Viqueira e o persoal do CIM presentaron esta mañá a campaña e a programación polo Día Internacional Contra a Violencia de Xénero, coroada coa ilustración de María Lapido


Os corpos das mulleres adaptadas a un espazo, non sempre cómodo, ás veces confinado, e que pode ser tanto físico (o fogar, os coidados…) como dixital (as pantallas, as redes…).

As violencias do machismo máis clásico e as das propias “do noso tempo” inspiraron á ilustradora María Lapido a crear a imaxe que presidirá a campaña municipal para mostrar o rexeitamento total á violencia machista, enmarcada na conmemoración do 25 de novembro, e que foi presentada esta mañá polas concelleiras Marián Sanmartín e Mónica Viqueira, xunto co persoal do Centro de Información á Muller.

O sexting, o ciberacoso e o perigo da permeabilidade dos discursos machistas na xente moza a través das redes sociais son algúns dos perigos que se destacarán na declaración institucional deste Día Internacional contra a Violencia de Xénero, que estenderá as súas actividades aos centros educativos e a toda a cidadanía a través do traballo e da testemuña de Emma Larreta.

Formadora, divulgadora e escritora, Emma é unha muller supervivinte á violencia machista, despois de que no 2007 sufrise un intento de asasinato por parte da súa parella por aquel entón, que lle asestou 27 puñaladas, e que conta no seu libro “El mapa de mis cicatrices”. Desde entón, Emma adica a súa vida a visibilizar a violencia machista e as ferramentas que ela adquiriu para superar ese trance imposible de describir.

O 19 de novembro ás 20.00 horas visitará o Museo Torres de Marín nun acto aberto ao público no que partindo da súa testemuña, abordará conceptos como a resiliencia e a empatía necesaria nunha comunidade para poder axudar ás vítimas da violencia machista a saír desde inferno.

Ademais, Emma realiza unha importante labor coa xuventude, con obradoiros de traballo e reflexión en torno á violencia de xénero que impartirá no alumnado de Secundaria, Bacharelato e ciclos do IES Chan do Monte, o SEI San Narciso, o IES Mestre Landín e o IES Illa de Tambo.

Premio Lazo Violeta para o equipo de Atención Sociocomunitaria

O propio 25 de novembro celebrarase o acto institucional no Salón de Plenos do Concello, ás 13.00 horas, no que se entregará o Premio Lazo Violeta, que este ano porá en valor o traballo do equipo de Atención Primaria que conforma a área de Atención Sociocomunitaria, con especial mención aos servizos de Enfermería, Traballo Social e Matrona.

O seu traballo é esencial, tanto pola súa estreita colaboración co CIM e Servizos Sociais Municipais nos casos de violencia de xénero, así como na súa capacidade de detección de condutas que poidan agochar un problema desta índole, axudando ás mulleres na súa saúde e evidenciando os focos de alerta.

Está pasando!