Presentación do ciclo ‘Primeiros Ollares’ | Concello de Pontevedra

O Cineclube Pontevedra pon en marcha o ciclo de cinema infantil ‘Primeiros Ollares’

28 Outubro 2025

  • Esta primeira edición contará con 3 proxeccións matinais os días 2 e 30 de novembro e 7 de decembro ás 12.00 h no Teatro Principal.
  • As propostas achegarán diferentes temáticas coma o wéstern, o dereito a expresarse, o Nadal, etc. a través do humor, a cor e técnicas como a animación ou stop motion.
  • Recomendadas a partir de 6 e 7 anos, contará con entrada libre ata completar cabida.

O edil de Cultura de Pontevedra, Demetrio Gómez, presentou esta mañá acompañado de Olalla Márquez, un novo programa destinado a público infantil e familiar que chega da man do Cineclube Pontevedra baixo no nome ‘Primeiros ollares. Matinés de cinema infantil no Teatro Principal’.

‘Calamity, unha infancia de Martha Jane Cannary’ | Cineclube Pontevedra

O ciclo botará a andar este domingo 2 de novembro co filme franco-danés ‘Calamity, unha infancia de Martha Jane Cannary’ (2020), de Rémi Chayé.

Unha xoia da animación que ficciona a infancia da mítica pistoleira e exploradora estadounidense Martha Jane Cannary (1852-1903), e que foi galardoada co premio á mellor longametraxe no Festival de Annecy no ano 2020.

En 1863, Martha Jane viaxa coa súa familia nunha caravana cara ao Oeste, na procura dunha vida mellor. Cando o seu pai resulta ferido no medio do traxecto, será ela quen teña que conducir o carro familiar e coidar dos cabalos, sacando a relucir o seu carácter ante as innumerábeis dificultades que se lle presentan.

O filme, que posúe todos os elementos dun bo wéstern, destaca pola súa estética impresionista e a explosión de cores para retratar as paisaxes norteamericanas, así como polo carácter da súa nova protagonista, que rexeita sen concesións o rol de xénero que lle presupón a lóxica masculina do Oeste americano do seu tempo.

Está recomendado a partir dos 7 anos. A duración é de 82 minutos.

‘Linda quere polo’ | Cineclube Pontevedra

O día 30 de novembro é a vez de ‘Linda quere polo’ (2023), produción franco-italiana dirixida por Chiara Malta e Sébastien Laudenbach, presentada en Cannes e galardoada co premio á mellor longametraxe en Annecy e co Cesar ao Mellor Filme de Animación en 2023.

Unha divertida aventura culinaria que narra as aventuras de Paulette, unha nai decidida a emendar o seu erro tras castigar inxustamente a súa filla Linda. Paulette fará calquera cousa para compensar a súa filla, mesmo prepararlle polo con pementos, aínda que non saiba moi ben como cociñalo. Ao se embarcar nesta misión, Paulette atópase cun inesperado desafío: unha folga xeral que ameaza con obstaculizar a súa procura do ingrediente principal, provocando unha divertida odisea chea de obstáculos e aprendizaxes.

O orixinal uso da cor e o seu universo visual, inspirado na obra de pintores como Henri Matisse ou Pierre Bonard, é un dos grandes valores do filme. É tamén salientable a visión que ofrece dos barrios como lugares de comunidade, xogo e liberdade, así como a alegría e o humor que desprende sen renunciar a tratar temas serios como o dó, a autoridade ou o dereito a expresarse.

Filme recomendado a partir dos 7 anos. A duración é de 75 minutos.

‘Tony, Shelly e a lanterna máxica’ | Cineclube Pontevedra

‘Primeiros Ollares’ rematará o domingo 7 de decembro coa proxección de ‘Tony, Shelly e a lanterna máxica’ (2023), do realizador checo Filip Pošivač. Un conto de Nadal que celebra as identidades únicas das crianzas, o valor da diferenza, o poder da amizade e a superación dos medos.

Tony é un neno de once anos cunha característica moi peculiar desde o nacemento: brilla! Por causa desta condición tan extraordinaria pasa os días agochado na casa, no seu búnker de mantas e soñando con ter alguén con quen xogar. Os días previos ao Nadal, unha nena chamada Shelly múdase ao seu edificio e pon o seu mundo do revés. Xuntos embarcaranse nunha aventura máxica e descubrirán o fascinante misterio do edificio no que viven.

O filme foi creado mediante a laboriosa técnica do stop motion, que conta cunha gran tradición na República Checa, fotografando cada mínimo movemento dos títeres e escenarios que foron construídos artesanalmente para dar a sensación de movemento.

O resultado, que reborda fantasía e sorprende pola vistosidade das súas imaxes, foi premado co premio Contrechamp no Festival de Annecy e mais co premio á mellor longametraxe de animación na sección Anima’t no Festival de Sitges en 2023.

Está recomendado a partir dos 6 anos. A duración é de 80 minutos.

Está pasando!