Presentación de Noites Abertas 2026 | Concello de Pontevedra

O Concello de Pontevedra presenta a 27ª edición de Noites Abertas, que botará a andar este venres 30 de xaneiro e finalizará o 28 de marzo

26 Xaneiro 2026

  • A programación completa está xa dispoñible no web noitesabertas.gal e nos próximos días terán lugar accións promocionais en diferentes IES, Campus e rúas e prazas da cidade.
  • O programa, destinado a mocidade entre os 12 e os 30 anos, incorpora entre as múltiples propostas novidades coma o baile K-Pop, a calistenia, o debuxo colectivo, a improvisación teatral, claqué ou o “Campionato marrón: un xogo de caca” da man da Asociación ASSEII.
  • Entre as 128 persoas implicadas no desenvolvemento do programa, o edil destacou que “temos galegos e galegas que naceron en 10 países distintos: Uruguai, Alemaña, Suecia, Bélxica, Exipto, Italia. Chile, etc.”

O concelleiro de Xuventude de Pontevedra, Demetrio Gómez, presentou esta mañá acompañado de entidades e asociacións que achegan actividades, monitorado e organización, a que será a 27 edición de Noites Abertas, que botará a andar este venres 30 de xaneiro e finalizará o 28 de marzo.

O edil apuntaba que “con esta rolda que é das máis multitudinarias, presentamos unha edición de Noites Abertas que van abarcar 15 xornadas en 8 espazos diferentes. Serán 8 fins de semana entre o 30 de xaneiro e o 28 de marzo nas que vai haber ata 157 sesións de 98 actividades diferentes.

Ademais van estar involucradas ata 128 persoas directa ou indirectamente: temos unha coordinadora, un director de actividades, unha promotora de igualdade, unha deseñadora desta campaña fantástica, unha xestora de redes, cinco controladores e 118 monitoras e monitores dos que hoxe temos unha ampla representación. Un equipón entre o que hai ademais moi bo ambiente.

Teremos actividades de cociña, deportivas, manualidades, artísticas, lúdicas, de todo tipo: desde caligrafía árabe a debuxo con bolígrafo, aromaterapia a xogos coas linguas, teatro, meditación, tenis de mesa, imos vestirnos de músicas e músicos do K-pop , etc. É imposible resumir o programa ou destacar ningunha actividade porque todas están feitas con moitísimo cariño. Convido á xente a consultar o web noitesabertas.gal e redes sociais”.

Antes de dar paso a algunhas entidades que levarán a cabo actividades, o edil quixo destacar que Noites Abertas é o programa máis antigo do Concello, que empezou no ano 1999 “sendo algo moi pequeno e hoxe en día é un programa amplo. Ogallá puidese haber en máis sitios, en máis cidades, programas coma este pero algo así só poder ser produto dunha cidade como Pontevedra, do que temos que sentir todos e todas moitísimo orgullo. Este ano temos no programa galegos e galegas, pontevedreses e pontevedresas que naceron en 10 países distintos.

Hai xente que naceu en Galiza, Uruguai, Alemaña, Suecia, Bélxica, Exipto, Chile, México, Madrid, Andalucía, Italia, et.c. Hai persoas de 3 continentes neste programa, que están aquí porque Pontevedra é unha cidade acolledora. Diso temos que sentir o máximo orgullo cando vemos este programa e cando nos preguntamos porqué noutras cidades non existe isto.

Porque Pontevedra dá un exemplo detrás de outro. Vendo como está o mundo, a min isto é o que máis me gusta do programa. Por iso hai tan bo ambiente, por iso a mocidade cando asiste ás actividade non dá ningún problema. Porque esta cidade é quen de producir estas cousas tan bonitas e temos que esforzarnos por conservar un programa como Noites Abertas e que siga funcionando 28 anos máis.”

Sandra, gaditana establecida en Galicia, foi quen de explicar en perfecto galego que “son unha pontevedresa empadroada aquí, que naceu en Cádiz. Xunto a Nazan somos ‘LaGriot´te’ e é a primeira edición na que participamos. Escoitaramos que había moi bo ambiente e é verdade. Se a mocidade o pasa a metade de ben que o pasamos nós, simplemente nas reunións ou falando das nosas actividades, vai ser éxito asegurado. Nós imos facer teatro, escena aberta para construción de personaxes e a importancia dos xestos. O teatro non é só unha forma de expresarse é unha ferramenta para comunicar, coller confianza, etc”. Tamén, apuntaba Nazan, “unha oportunidade de abrir as artes escénicas, dar a coñecer o que sucede no teatro, compartir esa maxia”.

Bowen, un mozo chegado de Chile a Pontevedra cun Erasmus, soubo do programa e quixo formar parte del: “poñer en valor a potencialidade da xuventude, achegar os meus coñecementos de ilustración cunha proposta de debuxo colectivo partindo de formas moi básicas. Noites é creatividade, expresión, conectar e convido á xente a crear comunidade.”

A Asociación ASSEI (Asociación Sociosanitaria de Enfermedades Inflamatorias Intestinales e Ostomías) que forma parte das entidades que achegan actividades, deseñou o Campionato marrón: un xogo de caca. “Queremos educar na importancia que o alimento ten no proceso, formas, cores etc. Un conxunto de xogos como o Cacaléstric, Tres en caca . Unha forma divertida de aprender”, apuntaban Ángela e Brenda.

Paula, da asociación Pontevedra Xuntos destacou o programa de acompañamento, dirixido a persoas con discapacidade intelectual, que fomenta e permite que as persoas con esta discapacidade formen parte das actividades de maneira inclusiva e real, algo que agradecemos ao Concello. Facemos apoio ins situ sempre que a persoa o necesite, estamos coordinados en todo o momento co monitorado e este acompañamento non só está dirixido as persoas usuarias da nosa asociación. Está dirixido a toda a cidadanía, así que agradecemos que difundades”.

Noites comezará este mesmo venres con ‘Pickleball’, ‘Stop Motion debuxado: a historia de Castelao e Virxinia’ da man de Mocidade Galega pola Memoria, ‘cianotipia’, ‘K-pop’, ‘adhesivos e chapas’, ‘tatuaxes de henna’, ‘actividades deportivas’ e moito máis na Casa Azul e o Froebel.

Está pasando!