Fotograma de ‘As Estações’, de Maureen Fazendeiro | Novos Cinemas

Novos Cinemas acolle catro estreas que exploran a identidade, a memoria e o territorio

9 Decembro 2025

O festival Novos Cinemas acolle mañá unha xornada dedicada a catro películas que debuxan un mapa emocional e político do presente.

‘As Estações’, de Maureen Fazendeiro, premiada no Festival de Locarno, e ‘La anatomía de los caballos’, ópera prima de Daniel Vidal Toche, celebran a súa estrea en Galicia; mentres que ‘Rotacismo’, do director ecuatoriano Ricardo Ruales, e Gods Are Watching, do chinés Yesir, chegan coa súa estrea en España.

Son catro olladas que dialogan co corpo, a historia e as paisaxes que habitamos. Despois das proxeccións, o público poderá participar nun coloquio cos cineastas e produtoras convidadas: o director Daniel Vidal Toche, o realizador ecuatoriano Ricardo Ruales e a produtora galega de ‘As Estações’, Beli Martínez.

12.00 – LATEXOS

‘Rotacismo’ | Ricardo Ruales | Ecuador | 2025

Filmada desde a intimidade do fogar, ‘Rotacismo’ é un retrato sensible do propio realizador e da súa familia, marcado pola herdanza, o silencio e a diferenza. Ruales transforma a súa dificultade para pronunciar o seu nome —a causa do rotacismo— nunha procura da identidade e da aceptación.

Festivais: Cámara Lúcida 2025, Sheffield DocFest 2025 (Audience Award), EDOC 2025 (película inaugural).

16:30 – SECCIÓN OFICIAL

‘Gods Are Watching’ | Yesir | Malaisia | 2025

No marco dunha comunidade politeísta, unha muller anciá, xenerosa, sacrificada e piadosa comeza a dubidar da súa fe nos deuses. Tal afrenta porá a proba a súa capacidade de resistencia, pois cada decisión leva consigo unha consecuencia que se escapa ao noso control.

Festival: Moscow IFF 2025 (Official Selection).

19:00 – SECCIÓN OFICIAL

‘La anatomía de los caballos’ | Daniel Vidal Toche | España, Perú, Colombia, Francia | 2025

A misteriosa caída dun meteorito no altiplano andino entrelaza dous tempos: o século XVIII, marcado pola rebelión de Túpac Amaru II, e o século XXI, onde unha moza pastora busca a súa irmá desaparecida. Unha ópera prima deslumbrante que combina contemplación e activismo.

Festivais: Karlovy Vary IFF 2025 (Proxima Competition), SEFF (Sevilla) 2024, Mostra de São Paulo 2025.

21:30 – SECCIÓN OFICIAL

‘As Estações’ | Maureen Fazendeiro | Portugal | 2025

Tras codirixir Diários de Otsoga e coescribir Grand Tour xunto a Miguel Gomes, Fazendeiro asina un debut en solitario que explora que significa posuír e habitar un territorio. Cine como escavación da memoria e da imaxinación.

Festivais: Locarno FF 2025 (International Competition, Boccalino D’Oro Award), Toronto IFF 2025 (Wavelengths), l’Alternativa 2025.

NOVOS CINEMAS 10ª EDICIÓN

O Festival Internacional de Cine de Pontevedra, Novos Cinemas, celebra a súa décima edición entre os días 9 e 14 de decembro de 2025 no Teatro Principal de Pontevedra.

Novos Cinemas está organizado pola Asociación Cultural e Cinematográfica Novos Cinemas e producido por Matriuska Producciones. Conta co financiamento do Concello de Pontevedra, a Deputación de Pontevedra, a Xunta de Galicia (AGADIC) e o Ministerio de Cultura e Deporte (ICAA).

Toda a información sobre horarios, películas e actividades pode consultarse en novoscinemas.com

Está pasando!