Novos Cinemas comeza o próximo martes cunha edición híbrida que se desenvolverá simultaneamente en Pontevedra e Filmin

14 Decembro 2020

Presentouse a quinta edición de Novos Cinemas – Festival de Cine Internacional de Pontevedra, que terá lugar entre o 15 e o 20 de decembro no Teatro Principal e o Museo Provincial e online a través da plataforma Filmin. Fixérono Miguel Anxo Fernández Lores, Alcalde da cidade; Carmela Silva, Presidenta da Deputación de Pontevedra; Jorge Soto, Vicerreitor do Campus de Pontevedra da Universidade de Vigo; Jacobo Sutil, Director da Agadic; e Suso Novás e Daniel Froiz, da dirección do festival.

Na quinta edición de Novos Cinemas a Sección Oficial acollerá unha selección de nove películas, na súa maioría inéditas en Galicia, que aspiran a representar un dos posibles diagramas do cine contemporáneo máis creativo e arriscado. Nesta sección competitiva poderánse ver, entre outras, Si yo fuera el invierno mismo, de Jazmín López (Arxentina); Dramarama, de Jonathan Wysocki (USA) ou Fortezza, de Ludovica Andò e Emiliano Aiello (Italia). En canto ás temáticas, atoparemos de todo un pouco, visións traxicómicas sobre a decadencia dun pensador británico do século XVIII, froitíferas e emotivas relecturas sobre a comedia adolescente de transición ao estado adulto, ou reflexións epidérmicas e profundas sobre a patolóxica relación que establecemos coas imaxes que consumimos.

A sección Latexos acolle dende a súa xénese obras de carácter máis fráxil e íntimo. Cun marcado carácter testemuñal, os filmes que forman parte desta sección conxugan o retrato intimista de comunidades que afrontan inevitables cambios vitais, a radical refutación dunha historia oficial que agocha a súa barbarie baixo o lema da civilización, e a obstinada e sensorial búsqueda dun artista tan singular e resiliente como esperanzado. Latexos traerá filmes como Anunciaron tormenta, de Javier Fernández Vázquez (España); La última primavera, de Isabel Lamberti (España); Mamá, mamá, mamá de Sol Berruezo Pichón-Rivière (Arxentina) e a estrea en Europa de ¿Qué hago en este mundo tan visual?, de Manuel Embalse (Arxentina).

Novos Cinemas tamén terá dous encontros cos cineastas Nuria Giménez e Andrés Goteira, que presentará as primeiras imaxes da película Welcome to ma maison. Tamén acollerá unha mesa con participantes de Proxecta (Coordinadora Galega de Festivais de cine e audiovisuais) e de CREA (Asociación de Directores e Realizadores de Galicia) na que intervirán Marcos Nine, Álvaro Gago, Juan de Castro (GFFF) e Ángel Rueda (S8).

No LAB, espazo de asesoramento para proxectos en calquera fase de desenvolvemento, participarán as películas galegas Patarinos de Zeltia Outeiriño e Vin a noite que nunca se acaba, a que será a primeira longametraxe de Helena Santín. E tamén proxectos de filmes internacionais como A song that slays, de Mo Scarpelli (Italia, Kenia) en fase de tratamento de guión; La cara del sol/Le visage du soleil, de Cristóbal Álvarez (Francia, España, México, Marrocos), ou El mal del siglo, a segunda longamentraxe de Nicolás Suárez (Arxentina), estas dúas últimas en fase de desenvolvemento. O equipo asesor desta edición estará formado pola coordinadora do fondo para a cinematografía Berlinale-World Cine Fund, Isona Admetla; o produtor executivo en Lastor Media, Sergi Moreno; o responsable de distribución de Elamedia Estudios; Silvia Lobo; e Pepe Coira, guionista, director de desenvolvemento e produtor executivo para diversas compañías.

No primeiro día do festival, presentaranse no Teatro Principal de Pontevedra as pezas que sairon do obradoiro ‘O ceo a medio facer. Obradoiro de cinema en primeira persoa’, realizadas por alumnado da Universidade de Vigo e titorizadas polo realizador Eloy Domínguez Serén. Dentro da programación para alumnado de Bacharelato o Novos Cinemas inclúe a proxección de Dorothé na Vila (2020), o primeiro documental de Alejandro Gándara e Olaia Tubío. A súa peza continúa o percorrido por festivais galegos no ano da súa estrea. Dorothé na Vila achéganos á figura da musicóloga suíza Dorothé Schubarth, corenta anos depois, na súa viaxe por Galicia a finais dos 70, cando procuraba cantos antigos que desapareceran en Europa Central. Desta busca saíron as 300 horas de gravacións que forman o Cancioneiro Popular Galego. Olaia Tubío e Alejandro Gándara percorren moitos lugares de Galicia polos que pasara Dorothé para atopar as voces que lle cantaran a ela e descubrir as historias de vida destes informantes.

+ INFO | NOVOS CINEMAS EN CIFRAS:

Número de películas a proxectar en sala: 25. Apertura Lúa Vermella + 9 (Sección Oficial) + 4 (Sección Latexos) + 3 (Foco Luis López Carrasco) + Aulas Novos Dorothé na Vila + Clausura My Mexican Bretzel + 8 pezas de novos e novas cineastas xurdidas do taller con Eloy Domínguez Serén

Número de películas que se poden ver online en Filmin: 20. 9 (Sección Oficial) + 3 (Sección Latexos) + 8 (na sección especial ‘Pasaron por Novos Cinemas’)

Procedencias dos filmes desta edición: Croacia, Angola, Estados Unidos, Italia, Francia, Alemaña, España, Suiza, Arxentina, Portugal, Holanda, Galicia.

Número de proxectos inscritos no LAB: 207

Encontros profesionais: 3 (con Andrés Goteira, con Nuria Giménez e con CREA + Proxecta)

Representantes do audiovisual galego participantes no festival: Lois Patiño, Zeltia Outeiriño, Helena Santín, Andrés Goteira, Igor Fernández, Eloy Domínguez Serén, Pepe Coira, Pela del Álamo, Fernando Areal Alvite, Alba Domínguez Serén, Miguel Gómez Abad, María Ramos Lamela, Ángeles Vidal Pallas, Ángel Suanzes, Ramiro Ledo, Xan Viñas, Alejandro Gándara, Olaia Tubío, Noemi Parga Iglesias, Paula Tarrío González, Juan Ares Pérez, Yuri Salgado Álvarez, Daniel Vidal Selas, Tamara Goberna García, Bea Pérez Fernandes, Raquel Álvarez Méndez, Valeria Martínez Lojo, representantes de CREA e representantes de Proxecta.

Está pasando!