Presentación do 10º Festival Internacional de Cine de Pontevedra | Novos Cinemas

Novos Cinemas presenta a súa décima edición cunha programación que inclúe longametraxes de 18 nacionalidades

4 Decembro 2025

Novos Cinemas, o Festival Internacional de Cine de Pontevedra, presentou este martes a súa décima edición, un festival polo que durante unha década pasaron cineastas como Oliver Laxe, Lois Patiño, Jaione Camborda, Carla Simón, José Luis Guerín ou León Siminiani.

Este aniversario chega acompañado do nacemento de TerraLab e Ágora, dous espazos dedicados á formación e á industria cinematográfica. Novos Cinemas, que se celebra entre os días 9 e 14 de decembro, comezará coa proxección da película de Anxos fazáns ‘As liñas discontínuas’, premiada recentemente no Festival Internacional de Gijón.

O vicepresidente da Deputación de Pontevedra, Rafael Domínguez, salientou que o festival é “unha canteira de talento e de ilusión, un proxecto que medrou con rigor e con agarimo e que xa forma parte da identidade cultural de Pontevedra. O noso compromiso é seguir reforzando esta colaboración para que Novos Cinemas poida continuar ofrecendo oportunidades a quen dá os seus primeiros pasos no cinema”.

O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo F. Lores, destacou o orgullo que supón para Pontevedra acoller un festival que medrou da man da cidade: “Novos Cinemas representa á perfección o espírito creativo e innovador de Pontevedra. É un proxecto que leva dez anos proxectando o nome da cidade ao mundo, e que reflicte a nosa aposta por unha cultura viva, participativa e aberta á contemporaneidade”.

A vicerreitora da Universidade de Vigo, no campus de Pontevedra, Eva Mª Lantarón, puxo en valor a colaboración da institución co festival ao longo desta década e o seu papel como espazo formativo: “Novos Cinemas é tamén unha escola aberta que conecta o coñecemento universitario coa experiencia cinematográfica e co diálogo entre creadoras e público”.

As entradas e abonos para o festival están xa á venda. Toda a información sobre horarios, películas e actividades pode consultarse en novoscinemas.com

Novos Cinemas está organizado pola Asociación Cultural e Cinematográfica Novos Cinemas e producido por Matriuska Producciones. Conta co financiamento do Concello de Pontevedra, a Deputación de Pontevedra, a Xunta de Galicia (AGADIC) e o Ministerio de Cultura e Deporte (ICAA).

Está pasando!