Novos Cinemas regresa coa súa novena edición: estrea de ‘La Parra’, cinema emerxente e un foco internacional dedicado a Maxime Martinot

20 Novembro 2024

A novena edición do Festival Internacional de Cinema de Pontevedra, Novos Cinemas, celebrarase entre os días 10 e 15 de decembro cun programa cheo de cinema emerxente, estreas internacionais e un foco especial dedicado ao cineasta bretón Maxime Martinot.

O filme de apertura do festival estará a cargo do ferrolán Alberto Gracia, que presentará a súa exitosa terceira longametraxe ‘La Parra’. Este filme chega a Pontevedra despois de pasar por prestixiosos festivais como Rotterdam, BAFICI e Seminci, onde obtivo o Gran Premio da Sección Oficial Alquimias na súa 69ª edición.

A película, ademais, foi galardoada recentemente esta semana cun dos Premios Cineuropa do festival compostelán. Coproducida por Filmika Galaika, da man da tamén produtora galega Beli Martínez, ‘La Parra’ ofrece unha visión fantasmagórica e postindustrial da cidade natal de Gracia, Ferrol, a través de personaxes fondamente magnéticos e marxinais.



Maxime Martinot será o protagonista do foco internacional desta edición, sendo esta a súa primeira retrospectiva internacional nun festival. O guionista, montador e realizador francés, que leva máis de dez anos desenvolvendo unha obra na que se mesturan as estéticas do cinema documental, de ficción e o cinema ensaio grazas á súa destreza editorial, compartirá co público o seu proceso creativo.

Novos Cinemas exhibira tres longametraxes e catro curtametraxes, promovendo catro estreas nacionais e unha estrea internacional. Durante as datas do festival exhibiranse cinco filmes do cineasta bretón. No vindeiro mes de febreiro completarase o programa coa exhibición doutros dous filmes.

A clausura da edición 09 será para a ourensá Paula Veleiro, que pechará o festival coa estrea de ‘Sepáraste moito’, un filme profundamente persoal que se desenvolveu no laboratorio de Novos Cinemas na súa sexta edición e que foi producido por Brais Romero. A través desta obra, Veleiro entrelaza a súa biografía coa dos seus proxenitores, realizando unha reflexión íntima sobre os camiños sentimentais percorridos ao longo da vida.

Está pasando!