A mostra “Novos Valores 2020” amosa as propostas das e dos 21 novos artistas seleccionados no certame homónimo

22 Outubro 2020

Ata o 15 de novembro o Sexto Edificio do Museo de Pontevedra acolle  a exposición “Novos Valores 2020″ que mostra as 21 obras seleccionadas neste certame, entre as que se atopan as  catro das e dos  artistas premiados con bolsas de 7.500 euros para a ampliación de estudos. Foron: Andrea Dávila Rubio, coa peza “I wish you’d rub your quills against my stomac”; Nuria Rodríguez Figueiredo, coa peza “‘Voltar”; María del Mar Ramón Soriano, con “Homeworks”; e Alejandro Rego Díaz, con “Representación nº3. La mano del artista”.

A obra de Andrea Dávila Rubio “I wish you’d rub your quills against my stomac” é unha creación de resina de poliéster, fibra de vidro e aceiro enmarcada dentro dun proxecto de investigación doutoral no que examina a relación entre corpo, pel e escultura “baseado na historia da formación e a remodelación do corpo humano a través de prácticas médicas, fenómenos sociais, mitos e ideas”.

O proxecto en concreto parte da expresión alemana traducida como ‘poñer unha espiña baixo a pel’ ou provocar a alguén. Ao mesmo tempo, a peza está inspirada nun fragmento de María Magdalena de Friedrich Hebbel (1844) no que un pai protagonista utiliza a pel como referencia á súa condición de hostilidade e vulnerabilidade.

“Voltar”, de Nuria Rodríguez Figueiredo, é tamén unha creación escultórica, neste caso de cerámica vidriada. A autora, xa participante noutras edicións de Novos Valores, explica que en conxunto a peza pode lembrar un altar cheo de elementos e símbolos representativos para chamar ao recordo dunha infancia perdida no tempo.

Instaladas na parede a modo de retablo aparecen figuriñas que constrúen unha “narrativa cargada de sentimentos de anhelo, delicadeza e maxia”, e que lembran aos exvotos, figuras que se ofrecían para materializar un milagre. Debaixo, dúas cadeiras pequeniñas e baleiras parecen á espera sobre unha peana, con flores cerámicas modeladas a man, “que espertan tenrura porque hai moito mimo nelas”, tendo ao seu lado un xogo de té en miniatura que simboliza os escenarios máxicos do xogo.

“Homeworks. 58 h 35 min” é a proposta de María del Mar Ramón Soriano.  Pertence a un proxecto que fala do tempo, a forma de emplealo, os tempos industriais e acelerados contrapostos aos tempos artesanais, lentos e reflexionados. Na construción das dúas pezas dialogan a escultura cerámica e os tarros de cristal que están presentes en toda casa, en forma vertical lembrando dous tótems.

Trátase de pezas producidas durante o confinamento e de aí a obsesión da autora polo pasatempo, o aburrimento ou a cronometración dos procesos, xa que ambas pezas levan como subtítulo “31 h 40 min” e “26 h 55 min”, facendo referencia ao tempo de dedicación manual empregado para a súa construcción.

Finalmente, a obra de Alejandro Rego Díaz, “Representación nº3. La mano del artista”, é unha serie de nove fotografías realizadas entre os anos 2018 e 2019 presentadas en forma de polípctico que pretenden reflexionar sobre a natureza da mirada humana ás obras de arte e de como esta pode afectar á maneira de mirar o mundo real.

Segundo explica o autor, “é unha obra dun medio de representación, a pintura, que foi o principal instrumento do ser humano ao longo da historia para reproducir a realidade de maneira visual e en dúas dimensións. É tamén unha obra na que se replantexa unha re-presentación da pintura, unha recontextualización de diferentes detalles pictóricos de cadros do século XVII ao XX a partir do principal medio de representación da realidade: a fotografía”.

Está pasando!