12º Salón da Educación e Formación de Galicia, Edugal | AEMPE

O 14º Salón de Educación e Formación de Galicia volve ao Recinto Feiral de Pontevedra con máis de 60 expositores

2 Outubro 2025

  • Edugal 2025 aglutina ata 64 stands de institucións, universidades e entidades que informarán ás persoas interesadas sobre saídas formativas e laborais actualizadas
  • O evento ten superado os 10.000 asistentes en anteriores edicións e agarda aumentar a cifra

O Concello de Pontevedra, a través da Área de Promoción Económica, presentou o pasado martes, o Salón de Educación e Formación de Galicia Edugal, que celebrará a súa 14ª edición os días 8, 9 e 10 de outubro no Recinto Feiral cun amplo programa de actividades que combinarán conferencias, mesas redondas, obradoiros e propostas interactivas para achegar ao público toda a informacion formativa galega.

En total, Edugal 2025 contará con 64 stands en representación de institucións, universidades, centros de formación profesional, entidades empresariais e organizacións non só de toda Galiza, senón tamén de España e mesmo de Portugal.

A iniciativa conxunta entre AEMPE e o Concello de Pontevedra, que prevé superar as cifras de anteriores edicións con máis de 10.000 asistentes nos tres días, botará a andar o mércores 8 de outubro ás 11.00 horas coa conferencia “Cando a IA Responde: Emprego, Competencias e Oportunidades”, a cargo de Zeltia Lado Lago, directora xeral de Formación e Cualificación para o Emprego. A continuación, ás 12.00 horas, será a inauguración oficial coa asistencia da edil de Promoción Económica, Anabel Gulías.

Un dos eixos centrais será o espazo “Conexión Dual: Práctica + Emprego”, coordinado pola Cámara de Comercio de Pontevedra, Vigo e Vilagarcía de Arousa, que incluirá actividades como o Escape Room Financiero-FINEXIT (con inscrición previa), mesas redondas sobre relevo xeracional, FP dual e xénero, así como un obradoiro práctico sobre intelixencia artificial aplicada á orientación profesional.

Entre as citas destacadas, o xoves 9 de outubro celebrarase a conferencia “FUNGATRA: Proxectos que transforman Galicia” e unha charla sobre o novo Grao en Xestión Cultural, a cargo de Gonzalo Francisco Fernández Suárez, decano da Facultade de Humanidades da USC.

O venres 10, Pablo Fernández López, secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais, ofrecerá a charla “Camiño ao Emprendemento musical”. Ese mesmo día, a Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional presentará a conferencia “A Formación Profesional ábreche as portas a un futuro de éxito”.

Entre outros, asistirán ao Recinto Feiral centros formativos de dentro e fóra da Boa Vila como o CIFP Carlos Oroza, o IES Politécnico de Vigo, o CIFP Cantería de Galicia, a Escola de Conservación e Restauración de Bens Culturais de Galicia, a Escola Superior de Arte Dramático de Galicia, a Universidade de Santiago de Compostela, a Universidade da Coruña, a Universidad Pontificia de Salamanca ou a UNED. Tamén estarán presentes a Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, a Fundación Pont Up Store, Ape Galicia, as Forzas Armadas a través do Ministerio de Defensa e a Policía Nacional e a Cámara de Comercio de Pontevedra, Vigo e Vilagarcía de Arousa.

Para máis información, un amplo dossier cos stands está dispoñible na web edugal.es

Está pasando!