‘O bosque animado’ e ‘A galiña Turuleca’ abren esta semana o ciclo de cine infantil galego no Museo de Pontevedra

18 Decembro 2023

Xa se completaron as prazas do obradoiro ‘Ilustrando un Pasado Mítico’, que se desenvolverá a partir da semana que vén


A programación de Nadal do Museo de Pontevedra inclúe este ano un ciclo de cine dirixido ao público infantil e familiar no que se proxectarán algunhas das longametraxes de animación máis destacadas da historia e da actualidade do cinema feito en Galicia. O ciclo comeza esta semana coa proxección de ‘O bosque animado’, este xoves 21, e de ‘A galiña Turuleca’, o venres 22. Ambas as proxeccións serán ás 18:00 h, no auditorio do Edificio Castelao. A entrada debe reservarse previamente en reservas.museo@depo.gal e só se permitirá un máximo de catro prazas por reserva.

A película que abrirá o ciclo este xoves pode considerarse xa un clásico da animación galega. ‘O bosque animado’ é unha película de 2001, producida por Dygra Films, coa dirección de Ángel de la Cruz e Manolo González. Foi un gran fito da animación europea por ser a primeira longametraxe do continente realizada coa técnica 3D. Ten unha duración de 83 minutos e baséase libremente na novela homónima de Wenceslao Fernández Flórez.

Nos Premios Goya 2002, ‘O bosque animado’ obtivo o galardón ao mellor filme de animación e á mellor canción, interpretada por Luz Casal. Ademais, obtivo sete premios Chano Piñeiro do audiovisual galego e foi recoñecida en festivais de todo o mundo, coma o Chicago International Children’s Film Festival, o Fantasporto, Festival de cine de Zlín (República Chega) ou o de Rimoursky, en Québec (Canadá).

O venres será a quenda de ‘A galiña Turuleca’, unha coprodución hispano-arxentina, coa participación de Producións A Fonsagrada, que dirixiron Eduardo Gondell e Víctor Monigote en 2019. Estreouse no Festival Internacional de Cinema de San Sebastián e obtivo o Premio Goya á mellor película de animación. O filme conta a historia de Turuleca, unha galiña cun aspecto singular da que todas se burlan no galiñeiro. Cando vai vivir á granxa dunha antiga profesora de música descobre que ten un gran talento oculto: sabe cantar.

Próximas semanas no ciclo

A semana que vén proxectaranse dous filmes dirixidos a maiores de 7 anos. O xoves 28 programarase ‘O Apóstolo’, unha película de stop motion dirixida por Fernando Cortizo en 2012, cos modelos e coas voces de Carlos Blanco, Luis Tosar e Jorge Sanz. O venres 29 pasarase ‘Engurras’, un filme sobre o alzhéimer, baseado na novela gráfica de Paco Roca, que obtivo en 2011 dous premios Goya.

O xoves 4 de xaneiro proxectarase ‘Meigallos’, unha cinta dirixida en 2015 por Virginia Curiá. Finalmente, o ciclo pecharase o venres 5 de xaneiro con ‘Valentina’, unha película dirixida por Chelo Loureiro sobre os soños dunha nena con síndrome de Down e da súa avoa, que en 2021 obtivo o Goya a mellor filme de animación.



Esta semana no Museo de Pontevedra

A programación de Nadal do Museo de Pontevedra complétase esta semana co recital de ballet do alumnado da Escola de Danza Vaganova, con música de ‘O quebranoces’ de Chaikovski, que terá lugar o sábado 23 de decembro, ás 18:30 h. Ademais, o auditorio do Edificio Castelao acolle este mércores, ás 19:00 h, o espectáculo de poesía, música e luz ‘Ultraluz’, de Ledicia Costas e Amaro Ferreiro.

Tamén se celebrarán neste edificio varias presentacións editoriais: o martes, ás 19:30 h, a editorial Ab Origine Antropoloxía presentará ‘A árbore dos namorados’, de Buenaventura Aparicio; mentres que Alfi Difusión Editorial presentará dous libros de José Benito García Iglesias: ‘La gotera en el grifo de mi destino’, o xoves, e ‘Abandonad toda esperanza’, o venres, ambos os dous ás 19:30 h.

Obradoiro con prazas completas

Por outra banda, xa están completas as 120 prazas dispoñibles do obradoiro Ilustrando un Pasado Mítico, dirixido a nenas e nenos de entre 6 e 10 anos. Trátase dun obradoiro de ilustración inspirado na exposición ‘Mar e a pantasma das treboadas’, que se pode visitar no claustro do Edificio Sarmiento. Repetirase todas as mañás, de 11:30 a 13:00 h, entre o 26 e o 29 de decembro e, en xaneiro, do 2 ao 5.

Está pasando!