O ciclo Ponteatro regresa o 10 de outubro cunha selección de 6 obras galegas con dous pases para ESO e Bacharelato
13 Setembro 2024
- A excepción de ‘Terceiro Acto’ do Centro Dramático Galego que terá lugar o sábado 2 de novembro ás 21:00 hora no auditorio do Pazo da Cultura, todas elas terá lugar como vén sendo habitual os xoves ás 21:00 horas no Teatro Principal
- Talía Teatro, ButacaZero, Os Naúfragos, o Centro Dramático Galego, Sarabela Teatro e Contraproduccións son as compañías encargadas de achegar entre outros temas de actualidade como a educación sexual, o traballo precario, a inmigración, etc.
- Os abonos para todo o ciclo a un prezo de 30 euros e as entradas para cada espectáculo ao prezo habitual de 8 euros (4 euros para estudantes, persoas desempregadas e maiores de 65 anos) están xa á venda en Ataquilla.com
- ‘Desexo’ de Talía Teatro o 10 de outubro e ‘O dragón de Ouro’ de Sarabela Teatro o 7 de novembro contarán cun pase matinal concertado polas canles habituais con centros de ESO e Bacharelato
O edil de Cultura do Concello de Pontevedra, Demetrio Gómez presentou unha nova edición do ciclo Ponteatro, que terá lugar entre o 10 de outubro e o 21 de novembro co Teatro Principal como escenario principal.
“Temos en Pontevedra unha programación de teatro moi completa que inclúe teatro profesional, amador, para público infantil, teatro para bebés, e programación para persoas adultas, que é o caso de Ponteatro, que este ano chega con 6 funcións a partir do xoves 10 de outubro e ata o 21 de novembro, con 5 xoves no Teatro Principal e un sábado, o 2 de novembro que por cuestión de escenografía e montaxe, será no auditorio do Pazo da Cultura.
Temos xa á venda en Ataquilla.com a prezos moi populares os abonos para a 6 funcións a un prezo de 30 euros e as entradas para cada espectáculo a prezos de 8/4 euros para persoas desempregadas, maiores de 65 e estudantes. Os pases concertados con centros escolares de Secundaria e Bacharelato, que faremos o envío das propostas a través do mail habitual, terán un custo de 3 euros.
Antes de debullar a programación, o concelleiro quixo salientar non só a calidade dos espectáculos senón o compromiso do teatro galego de tratar temas de actualidade e comprometidos: “no caso de ‘DeseXo’ de Talía Teatro, que cunha importante labor de documentación, achega unha reflexión sobre como é a nosa educación sexual.
No caso de ButacaZero e o traballo de Esther F. Carrodeguas, que agardamos con máis interese polo texto e porque ela é a única actriz sobre o escenario, facendo unha reflexión a partir da súa vivencia persoal sobre a esixencia do modelo de beleza ás mulleres.
‘Noso’ de Os Naúfragos trata tamén un tema de absoluta actualidade en Galicia que é o espolio eólico que está a sufrir o país si ningún tipo de respecto polo espazo, pola memoria, etc.
Sarabela reflexiona sobre a situación dos traballadores/as precarios, dos traballadores inmigrantes. Contraproduccións teatro presentará ‘Entrega en man’, xirando arredor do racismo e a violencia cun texto traducido e dirección de Cándido Pazó que é garantía de éxito.
Un percorrido polo mellor do teatro galego. Gustaríanos ter máis xoves no ano para poder traer aínda máis, pero cremos que é un bo panorama do teatro galego e o seu compromiso coa actualidade do país”.
XOVES 10 OUT – 21.00 h no Teatro Principal – ‘DESEXO’ de Talía Teatro
Como foi a nosa educación sexual? Estamos preparados para ter unha sexualidade sa? Sabemos como afrontar as nosas relacións? Somos capaces de educar as próximas xeracións? Onde aprendemos o que sabemos sobre sexo? Intentemos fixarnos nas publicacións, na música, na publicidade…
Vivimos na sociedade do desexo, a máis sexualizada da historia, pero na que todas estas cuestións seguen a seren tabú. ‘DeseXo’ é un xoguete cómico que aborda todo isto, porque xa vai sendo hora de falar claramente sobre sexo.
- Texto orixinal: Diego Rey
- Dirección: Diego Rey
- Elenco: Marta Ríos e Dani Trillo
- Duración: 65 min
XOVES 17 OUT – 21.00 h no Teatro Principal – ‘O ÚNICO QUE VERDADEIRAMENTE QUIXEN TODA A VIDA É SER DELGADA’ de ButacaZero
Cunha sinceridade crúa e o seu clásico humor irónico, Carrodeguas aborda neste texto de auto[NON]ficción a relación co seu corpo, marcada pola gordofobia que se respira en calquera recuncho desta apaixonante sociedade da fermosura.
Porque por moito que te escondas, a gordofobia sempre está ao teu carón. Sobre todo porque está en ti.
- Texto orixinal: Esther F. Carrodeaguas
- Dirección: Xavier Castiñeira
- Elenco: Esther F. Carrodeguas
- Duración: 55 min
XOVES 31 OUT – 21.00 h no Teatro Principal – ‘NOSO’ de Os Náufragos
Nicolás reúne a súa familia para despedirse do espazo no que creceron xuntos, a casa da infancia cun vello ultramarinos-bar que rexentaban os seus pais e no que agora vive Nicolás con María, a súa parella. A expropiación dese lugar, por causa da construción dun parque eólico, é o motivo desta xuntanza. Olivia acode con Rubén, logo de moitos anos sen contacto familiar.
As lembranzas doutros tempos, unha visita non esperada, as relacións entre irmáns, a necesidade de mirar ao futuro e a importancia de dar valor ao noso pasado fan de ‘NOSO’ unha dramedia que visibiliza o conflito xeracional e a sensación de pertenza ao lugar de onde vimos.
- Dramaturxia e dirección: Gustavo del Río
- Elenco: Daniel Otero, María Roja, Rebeca Vecino, Jimmy Núñez e Sete Eiroa
- Duración: 75 min
SÁBADO 2 NOV – 21.00 h no Auditorio do Pazo da Cultura – ‘TERCEIRO ACTO’ do Centro Dramático Galego
Unha troupe de actrices e actores veteranos reúnese clandestinamente pola noite para emprenderen a que, quizais, sexa a súa última aventura xuntos. Nesta noite revivirán o que non volverá para entender, para modificar, para se reconciliaren co que xa non está, ao tempo que reflexionan sobre o terceiro acto das súas vidas. Xuntos, analizarán o seu legado e proxectaranse tamén no futuro incert.
‘Terceiro acto’ é unha peza á vez cómica, sombría e fermosa. Un poema escénico sobre a memoria e os soños; un exorcismo, unha celebración da vida e do teatro.
- Dirección e dramaturxia: Andrea Jiménez e Noemi Rodríguez, a partir de improvisacións co elenco
- Elenco: Belén Constenla, Roberto Leal, Fernando Morán, Mabel Rivera e Eduardo R. Cunha “Tatán”
- Duración: 80 min
XOVES 7 NOV – 21.00 h no Teatro Principal – ‘O DRAGÓN DE OURO’ de Sarabela
Unha noite, nun edificio de varios pisos, nalgún lugar de Europa, a un mozo chinés dóelle moito unha moa na cociña do restaurante de comida rápida ‘O Dragón de Ouro’. Non ten permiso de residencia, nin cartos e non pode ir ao dentista. Os compañeiros deciden arrincarlla. O mozo tampouco atopa a súa irmá desaparecida.
O mozo chinés morre desangrado na cociña do restaurante. Os seus colegas envólveno nun tapiz e tírano ao río, que o leva á súa casa, ata a China, imaxinando o seu derradeiro soño…
- Texto orixinal: Roland Schimmelpfenning
- Tradución: Catuxa López Pato
- Dirección e dramaturxia: Ánxeles Cuña Bóveda
- Elenco: Fina Calleja, Fernando Dacosta, Sabela Gago, Fernando González e Fran Lareu
- Duración: 70 min
XOVES 21 NOV – 21.00 h no Teatro Principal – ‘ENTREGA EN MAN’ de Contraproducións
Cuarto ruín dun hotel cutre nunha anónima vila americana. Carmichael, un supremacista branco estrafalario e agresivo, ofrece unha recompensa por recuperar a man que lle cortaron de adolescente nun acto de absurda violencia.
O mozo negro Toby e a súa noiva branca Marilyn pretenden enganar a Carmichael ofrecéndolle unha man roubada nun museo e que, polo escura que é, non parece ser a súa. Mervyn, o recepcionista do hotel, un tipo estrambótico e algo surrealista, intervén en tan insólita transacción e desátase.
- Texto orixinal: Martin McDonagh
- Versión galega e dirección: Cándido Pazó
- Elenco: Evaristo Calvo, María Roja, Santi Romay e Diogo Sales
- Duración: 90 min