Fotograma de ‘Alcarrás’ | Avalon

O ciclo ‘Triloxía da vida’ de Carla Simón volve ao Teatro Principal de Pontevedra coa proxección de ‘Alcarrás’ 

6 Marzo 2026

O filme proxectarase esta tarde no Teatro Principal con entrada gratuíta, na segunda sesión do ciclo que revisita as longametraxes da cineasta catalá


O festival Novos Cinemas continúa o ciclo ‘Triloxía da vida’, un percorrido polas tres longametraxes de Carla Simón, tras concederlle á cineasta o I Premio Cinematografía Novos Cinemas Pontevedra. A próxima cita será o venres 6 de marzo ás 20:00 horas no Teatro Principal, coa proxección de ‘Alcarrás’, Oso de Ouro na Berlinale, con entrada gratuíta.

O ciclo naceu coa vontade de volver ás películas da directora catalá e revisitar unha filmografía que xa forma parte esencial do cinema europeo contemporáneo. A primeira sesión celebrouse o pasado decembro coa proxección de ‘Romería’, nun pase especial organizado en colaboración cos Premios Feroz.

Agora chega a segunda parada coa proxección de ‘Alcarrás’, a historia dunha familia que leva xeracións cultivando a mesma terra e que afronta un verán decisivo ante a posibilidade de perdela para sempre. Un retrato íntimo e coral sobre a memoria, o territorio e os cambios que transforman o rural. A sesión estará presentada por Suso Novás, director artístico de Novos Cinemas.

O ciclo pecharase proximamente coa proxección de ‘Verano 1993’, a ópera prima coa que Carla Simón conquistou festivais de todo o mundo e que tamén deixou a súa pegada en Novos Cinemas, onde se fixo co Premio do Público.

Entrada gratuíta ata completar aforo.

Novos Cinemas está organizado pola Asociación Cultural e Cinematográfica Novos Cinemas e producido por Matriuska Producciones. Conta coa financiación do Concello de Pontevedra, a Deputación de Pontevedra, a Xunta de Galicia (AGADIC) e o Ministerio de Cultura e Deporte (ICAA).

Está pasando!