A obra de Maurice Pialat, inédita ata este ano en salas españolas, chega ao Teatro Principal da man do Cineclube Pontevedra

3 Outubro 2025

O Cineclube Pontevedra dedicaralle os catro martes de outubro a Maurice Pialat (1925-2003), figura clave do cinema post-Nouvelle Vague, co gallo do centenario do seu nacemento.

A súa obra, inédita ata este ano en salas españolas, caracterízase por un estilo radical e popular, realista e seco, cunha forte carga autobiográfica, e foi decote comparada coa de Bresson ou Cassavetes.

Haberá tamén dous luns de filmoteca, en colaboración coa Filmoteca de Galicia, que se lle dedicarán ás últimas obras estreadas das directora francesas Alice Diop e Catherine Breillat.

Todas las sesiones terán lugar ás 20:30 horas no Teatro Principal de Pontevedra.

LUNS 6 | 20:30 | TEATRO PRINCIPAL

‘Saint Omer. O pobo contra Laurence Coly’. (Alice Diop, 2022, Francia, 122′, VOSE, Lingua orixinal: francés e wolof)

Tribunal de Saint Omer. A novelista Rama asiste ao xuízo de Laurence Coly, unha moza acusada de matar a súa filla de 15 meses ao abandonala á subida da marea nunha praia do norte de Francia. Á medida que avanza o xuízo, as palabras da acusada e as testemuñas farán cambalear as conviccións de Rama e porán en dúbida o seu propio xuízo.

No seu debut na ficción, Alice Diop reconstrúe palabra por palabra o xuízo real contra a doutoranda senegalesa Fabienne Kabou.

O filme foi recoñecido co Gran Premio do Xurado e Mellor Ópera Prima no Festival de Venecia en 2022, co premio ao Mellor Filme e Mellor Guión no Festival de Sevilla 2022 e foi considerado o mellor filme do ano pola revista Sight & Sound.

MARTES 7 | 20:30 | TEATRO PRINCIPAL

‘A infancia núa’ (L’Enfance nue, Maurice Pialat, 1968, Francia, 83′, VOSE, Lingua orixinal: francés).

François é un neno de dez anos tutelado pola administración pública. Métese en moitas leas, polo que muda con frecuencia de familia adoptiva. Finalmente vai parar á casa dun matrimonio maior, os Thierry, que xa teñen a Raoul, outro neno en acollida. Canda a eles descobre unha nova e acolledora familia.

Primeira longametraxe de Pialat, realizada aos 43 anos e coproducida polo seu amigo e colaborador François Truffaut. Con ela compite en Venecia no ano 1968 e gaña o Premio Jean Vigo no 1969.

MARTES 14 | 20:30 | TEATRO PRINCIPAL

‘A boca aberta’ (La Gueule ouverte, Maurice Pialat, 1974, Francia, 82′, VOSE, Lingua orixinal: francés).

Monique Bastide ten cincuenta anos e padece un cancro terminal. Quédanlle só uns meses de vida e o seu fillo Philippe lévaa á pequena vila de Auvergne onde vive o seu exmarido. A familia de Monique acompáñaa na súa agonía.

O seu marido e os seus fillos, con máis necesidade ca nunca de sentírense vivos, dedícanse a perseguir mulleres. A súa nora continúa rumiando vellos rencores contra a moribunda. O baleiro que deixa Monique é grande, mais a vida debe continuar.

MARTES 21 | 20:30 | TEATRO PRINCIPAL

‘Aos nosos amores’ (À Nos Amours, Maurice Pialat, 1983, Francia, 95′, VOSE, Lingua orixinal: francés).

Aos quince anos, Suzanne está a piques de descubrir que o sexo é máis doado có amor. Incapaz de entregarse emocionalmente ao seu pretendente, a moza encadea encontros e experiencias, mudando decote de parella, sen amar ningunha.

Na súa casa, a situación é tensa. Fuxindo dunha nai con tendencias neuróticas, un pai ausente e un irmán autoritario e violento, Suzanne exprime libremente os seus desexos e contradicións.

O filme máis aclamado de Maurice Pialat, gañador do César 1984 a Mellor Filme e Mellor Actriz Revelación e protagonizado por unha novísima Sandrine Bonnaire, na súa primeira actuación e unha das máis memorables. Competiu en Berlín en 1984 na Sección Oficial.

LUNS 27 | 20:30 | TEATRO PRINCIPAL

‘O último verán’ (L’Été dernier, Catherine Breillat, 2023, Francia, 104′, VOSE, Lingua orixinal: francés).

Anne é unha brillante avogada, casada e con dúas fillas, que se xoga a súa reputación cando inicia unha relación sentimental co fillo adolescente do seu marido, froito dun matrimonio anterior.

Catherine Breillat adéntrase sen tabús no desexo feminino da man dunha espléndida Léa Drucker nesta persoal e desafiante relectura do filme danés Raíña de corazóns (May el-Toukhy, 2019).

Considerado por Cahiers du Cinéma como un dos máis elocuentes filmes do ano 2023, o filme fíxose co Premio Especial do Xurado no Festival de Xixón no 2023.

MARTES 28 | 20:30 | TEATRO PRINCIPAL

‘O neno’ (Le Garçu, Maurice Pialat, 1995, Francia, 102′, VOSE, Lingua orixinal: francés).

Gerard e Sophie teñen un fillo de tres anos, Antoine (interpretado polo propio fillo de Pialat), e están ao bordo do divorcio. De vacacións na illa Mauricio, Sophie finalmente rompe a relación.

Xa en París, Gerard séntese culpable xa que nunca se ocupou moito do seu fillo e trata de pasar máis tempo con el. Ten a sensación de que nunca quixo tanto a ninguén e de que nunca ninguén o quixo tanto.

A derradeira película de Pialat (que non chegou a montar) é, en palabras de Serge Toubiana, unha home movie autobiográfica en forma de pintura cubista que volve aos grandes temas do cineasta: o grupo de familia, a morte, a infancia.

O Cineclube Pontevedra é unha asociación sen ánimo de lucro cuxo funcionamento e financiamento depende fundamentalmente das achegas económicas que realizan periodicamente as súas socias e socios, cara a quen están dirixidas as súas actividades.

Podes escoller a opción que máis se adapte ás túas preferencias: 70 euros anuais, 25 trimestrais ou 3 euros por pases soltos.

As persoas que desexen asociarse poden facelo calquera día en que haxa proxección ou ben a través do blog da asociación.

Está pasando!