O Cineclube Pontevedra dedica o mes de marzo ao cineasta vasco Víctor Erice
27 Febreiro 2024
Co gallo do seu regreso á longametraxe e ás salas de cinema logo de máis de 30 anos, o Cineclube Pontevedra dedícalle os tres martes de marzo ao cineasta vasco Víctor Erice, recuperando en copias restauradas as dúas obras mestras coas que se deu a coñecer (‘El espíritu de la colmena’ e ‘El Sur’) e proxectando o seu último traballo, ‘Cerrar los ojos’, todo un acontecemento para a cinefilia, que vén de ser aclamado en Cannes, Nova York ou Toronto e que foi estreado en salas o pasado mes de setembro.
Por outra banda, como froito da xa habitual colaboración entre a Agadic e algúns cineclubes galegos, botan a andar os Luns de Filmoteca: dous luns ao mes que se estenderán ata o mes de novembro para achegarlle ao público pontevedrés unha selección dos filmes programados pola Filmoteca de Galicia. Serán, no caso de marzo, dous filmes portugueses dirixidos por mulleres: o primeiro, unha verdadeira alfaia do cinema luso, ‘O movimento das coisas’ (1985), magnífico retrato dunha aldea nas beiras do río Limia e única longametraxe da directora Manuela Serra, que non foi estreada comercialmente ata o 2021 e que recuperamos en copia restaurada; o segundo, ‘Alma viva’ (2022), é tamén unha primeira obra, dirixida por Cristèle Alves e localizada neste caso nunha aldea de Trás-os-Montes.
Por último, no marco do XXV Salón Internacional do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra, terán lugar tres matinés de cinema familiar das que se poderá gozar os domingos 3, 10 e 17 de marzo ás 12:00 horas no Teatro Principal.
Neste caso, o acceso é libre e de balde até completar cabida. Os filmes que se proxectarán son, respectivamente: ‘Mironins’ (Mikel Mas Bilbao e Txesco Montalt, 2021), un divertido achegamento para as crianzas máis pequenas da casa ao imaxinario do pintor catalán Joan Miró; ‘A viaxe de Ernest e Celestine’ (Jean-Christophe Roger e Julien Chheng, 2022), baseado na serie de libros infantís da autora e ilustradora belga Gabrielle Vincent; e o clásico de Miyazaki ‘Nicky, a aprendiz de bruxa’ (1989).
MARTES 5 | 20:30
‘EL ESPÍRITU DE LA COLMENA’ (Víctor Erice, 1973, España, 97 min., VO, Lingua orixinal: español).
Nunha pequena vila de Castela, en plena posguerra a mediados dos anos corenta, Isabel e Ana, dúas irmás de oito e seis anos respectivamente, ven un domingo o filme ‘O Doutor Frankenstein’.
Á pequena, a visión do filme cáusalle tal impresión que non para de facerlle preguntas á súa irmá maior, que lle asegura que o monstro está vivo e se oculta preto da vila.
‘El espíritu de la colmena’ é un dos máis emocionantes retratos xamais feitos sobre a infancia e o asombro, cunhas inesquecibles interpretacións das pequenas Ana Torrent e Isabel Tellería, acompañadas por Fernán Gómez e Teresa Gimpera.
- Cuncha de Ouro en Donostia 1973
LUNS 11 | 20:30
‘O MOVIMENTO DAS COISAS’ (Manuela Serra, 1985, Portugal, 85 min., VOSG, Lingua orixinal: portugués). En colaboración coa Filmoteca de Galicia.
Un día de traballo nunha aldea do norte de Portugal. Catro vellas, o campo, o pan, as galiñas. Historias de xestos saboreados en palabras mineralóxicas. Unha familia de dez fillos nunha granxa somérxese na inmensidade do tempo. O pai corta unha árbore. Máis alá, a auga dun río habitado por xente.
Unha barca, o sol, a praza da vila, a ponte en construción, o balcón, a comida, a densidade e o misticismo do domingo, a misa e a festa. Nese lugar, Isabel móvese coa mirada posta no futuro. Para os demais, o sentido da vida é só vivir. E o tempo corre entre o amencer e o atardecer.
- Premio FilmduKaten no Festival de Mannheim (1985)
- Premio AFGA no Festival de Cinema de Tróia (1985)
MARTES 12 | 20:30
‘EL SUR’ (Víctor Erice, 1983, España, 93 min., VO, Lingua orixinal: español).
“A Gaivota” é unha casa grande situada nas aforas dunha cidade do norte de España. Nela viven Agustín, médico e rabdomante, a súa muller, mestra represaliada polo franquismo, e a súa filla Estrella. A nena, desde a súa infancia, sospeita que o seu pai oculta un segredo.
- Mellor Filme no Festival de Chicago 1983
- Nomeado a Mellor Filme en Cannes 1983
LUNS 18 | 20:30
‘ALMA VIVA’ (Cristèle Alves Meira, 2022, Portugal, 88 min., VOSE, Lingua orixinal: portugués e francés). En colaboración coa Filmoteca de Galicia.
Como todos os anos, a pequena Salomé viaxa até a aldea da súa familia en Trás-os-Montes. O período estival arranca con tranquilidade ata que a súa querida avoa falece de súpeto. Mentres os adultos discuten pola organización do funeral, Salomé comeza a sentir o poder das tradicións que aprendeu da súa avoa antes de falecer.
MARTES 19 | 20:30
‘CERRAR LOS OJOS’ (Víctor Erice, 2023, España, 169 min., VO, Lingua orixinal: español).
Un célebre actor español, Julio Arenas, desaparece durante a rodaxe dun filme. Aínda que nunca se chega a atopar o seu cadáver, a policía conclúe que sufriu un accidente á beira do mar.
Moitos anos despois, esta sorte de misterio volve á actualidade a raíz dun programa de televisión que pretende evocar a figura do actor, ofrecendo como primicia imaxes das últimas escenas nas que participou, rodadas polo que fora o seu íntimo amigo, o director Miguel Garay.
AS MATINÉS FAMILIARES NO SALÓN DO LIBRO
DOMINGO 3 | 12:00
‘MIRONINS’ (Mikel Mas Bilbao e Txesco Montalt, 2021, 61 min.
Especialmente recomendada a partir de 3 anos.
Cada noite, cando o museo de Joan Miró pecha as súas portas e as persoas que o visitan marchan á casa, tres pinguiñas de pintura cobran vida nos cadros do pintor catalán. Son os Mironins, tres amigos inseparables que viaxan de obra en obra para viviren aventuras trepidantes canda a unha infinidade de personaxes tan surrealistas coma inesquecibles. No interior dos cadros, os Mironins descobren o fascinante universo da arte, onde creatividade e imaxinación son inesgotables.
Gañadora do Gaudí ao Mellor Filme de Animación e nominada ao Goya, ‘Mironins’ achega o imaxinario dunha das grandes figuras da arte do século XX ás crianzas máis pequenas da casa. As súas aventuras están baseadas no libro de actividades infantil ‘Mironins, un libro para jugar y aprender con Joan Miró’ (2013), de Anna Carretero, Marcela Hattemer e Anna Purroy.
DOMINGO 10 | 12:00
‘A VIAXE DE ERNEST E CELESTINE’ (Jean-Christophe Roger e Julien Chheng, 2022, 79 min.)
Especialmente recomendada a partir de 5 anos.
O oso Ernest e a ratiña Celestine, protagonistas dos populares contos infantís de Gabrielle Vincent, viaxan ao país dos osos para arranxar o precioso violín de Ernest. Alí descobren que a música leva anos prohibida en todo o país. Mais para eles é imposible vivir sen música! Coa axuda dalgúns cómplices tratarán de lle poñer fin a esta inxustiza para que a alegría poida volver reinar no país dos osos.
Algúns contos infantís da escritora belga Gabrielle Vincent protagonizados por Ernest e Celestine están editados en galego por Kalandraka, con tradución de Tamara Andrés.
DOMINGO 17 | 12:00
‘NICKY, A APRENDIZ DE BRUXA’ (Hayao Miyazaki, 1989, 101 min.)
Especialmente recomendada a partir de 5 anos.
Nicky é unha moza bruxa de 13 anos, en período de adestramento, que se divirte voando na súa vasoira xunto a Jiji, un sabio gato negro. Segundo a tradición, todas as bruxas desa idade deben abandonar o seu fogar durante un ano para saber valerse por si mesmas. Así, ela descubrirá o que significa a responsabilidade, a independencia e a amizade. No seu camiño Nicky e Jiji farán un novo amigo, Tombo, co que vivirán extraordinarias aventuras.
O Estudio Ghibli adaptou ao cinema a preciosa novela homónima de Eiko Kadono (premio Hans Christian Andersen) e popularizouna no mundo enteiro. O libro é un clásico da literatura infantil xaponesa e está editado en español por Nocturna Ediciones, coas ilustracións orixinais de Akiko Hayashi.