O Cineclube Pontevedra regresa coas últimas obras de Jafar Panahi, Cristian Mungiu e Hlynur Pálmason e iniciará un ciclo dedicado ao cineasta iraniano Abbas Kiarostami

5 Setembro 2023

A programación do Cineclube Pontevedra regresa en setembro coa proxección das últimas obras de Jafar Panahi, Cristian Mungiu e Hlynur Pálmason.

En colaboración con Filmoteca de Galicia o Cineclube Pontevedra iniciará tamén un ciclo dedicado ao cineasta iraniano Abbas Kiarostami, que se estenderá durante o mes de outubro.

As proxeccións terán lugar ás 20:30 horas no Teatro Principal de Pontevedra.


LUNS 11

‘Onde está a casa do meu amigo?’. Abbas Kiarostami, 1987, Irán, 83 min., VOSE. Lingua: persa.

Na escola da vila de Koker, ao norte de Irán, Mohamed non fixo os exercicios no caderno e o profesor ameázao con expulsalo da escola se volve repetir a mesma falla. Esa mesma tarde, o seu compañeiro Ahmed toma por equivocación o caderno de Mohamed. Cando se decata, decide ir buscar a casa do seu amigo para devolverllo.

«Enganosamente simple e absolutamente profundo» (James Kendrick), o filme é con certeza unha das obras mestras do autor. Con el gañou o Premio Fipresci e o Leopardo de Bronce en Locarno no 1989, e con el inaugura a que se coñecerá como triloxía de Koker.


MARTES 12

‘Os osos non existen’. Jafar Panahi, 2022, Irán, 107 min., VOSE. Lingua: persa, turco, azarí

Desde unha aldea iraniana fronteiriza, un director de cinema perseguido polo réxime (Jafar Panahi, a facer de si mesmo) dirixe a distancia unha rodaxe en Turquía. Certo día, toma unha fotografía na que aparece algo que perturba a aparente tranquilidade da comunidade que o acolle: unha parella de namorados bicándose.

Perseguido polo réxime iraniano desde 2009, Panahi rodou ‘Os osos non existen’ na clandestinidade, pouco antes de ser detido e sentenciado a 6 anos de cárcere. O seu filme si viaxou ao Festival de Venecia do ano pasado, onde foi recoñecido co Premio Especial do Xurado.


MARTES 19

‘R.M.N.’. Cristian Mungiu, 2022, Romanía, 95 min., VOSE. Lingua: romanés, húngaro, alemán, inglés, francés e cingalés

Uns días antes do Nadal, Matthias volve á súa vila natal en Transilvania tras deixar o seu traballo en Alemaña. Mentres trata de implicarse na educación do seu fillo, a tranquilidade da vila vese truncada cando unha empresa local decide contratar traballadores estranxeiros. As frustracións, os conflitos e a tensión racial afloran, rompendo a aparente paz da comunidade.

Mungiu, que fora Palma de Ouro en 2007 por ‘4 Meses, 3 semanas, 2 días’, é un dos grandes autores da Nova Vaga Romanesa. Con R.M.N., que competiu na sección oficial de Cannes, devólvenos á encrucillada centroeuropea cun «maxistral e desesperanzado relato da morte do humanismo en Europa» (El Cultural).


LUNS 25

‘E a vida continúa’. Abbas Kiarostami, 1992, Irán, 125 min., VOSE. Lingua: persa.

Despois do terremoto de 1990, Kiarostami regresou á vila de Koker onde uns anos antes gravara ‘Onde está a casa do meu amigo?’ Combinando ficción e realidade nunha road movie lúdica e conmovedora, o filme segue ao suposto director de ‘Onde está a casa…?’ (alter ego do propio Kiarostami) para descubrir se a estrela do seu filme está entre os superviventes. Alí atopa unha comunidade resiliente que se enfronta á traxedia mentres o axuda na súa viaxe.

O filme competiu na sección Un Certain Regard no Festival de Cannes de 1992, onde obtivo unha magnífica acollida por parte da crítica, así como o honorífico Premio Rossellini.


MARTES 26

‘Godland’. Hlynur Pálmason, 2022, Dinamarca, 143 min., VOSE. Lingua: danés e islandés.

A finais do século XIX, un mozo sacerdote danés que viaxa a Islandia (aínda colonia danesa) coa misión de construír unha igrexa e fotografar os seus habitantes. Pero, canto máis se interna naquela implacable paisaxe, máis se sume nas ansias da tentación e do pecado.

«Impresionante na súa escala épica, magnífica na súa comprensión da paisaxe, penetrantemente incómoda na súa intimidade e severidade humana» (The Guardian). Obrigado vela en pantalla grande.



O Cineclube Pontevedra é unha asociación sen ánimo de lucro cuxo funcionamento e financiamento depende fundamentalmente das achegas económicas que realizan periodicamente as súas socias e socios, cara a quen está dirixidas as súas actividades. Asóciate!

Está pasando!