Rogelio La Fête | © MTCFC

O clown Rogelio La Fête actúa este sábado en Samieira dentro do ciclo ‘Zona de Obras’

19 Setembro 2024

  • A Biblioteca Municipal acolle este venres o obradoiro creativo ‘Pomba da paz con Zentagle’
  • O taller está dirixido para todos os públicos, é gratuíto e comezará ás 17.30 horas

O Concello de Poio programa para este sábado, 21 de setembro, Rogelio La Fête, un espectáculo de circo, clown, corda frouxa, malabares, música e sobre todo moito humor. Será na Comunidade de Montes Río de Bois, ás 18.00 horas e con entrada de balde ata completar o aforo.

Rogelio é un entrañable personaxe de ficción e esta é a terceira entrega dunha triloxía. Que pasaría se ninguén viñera ao teu aniversario? Se ninguén cantara os parabéns para ti? Rogelio volve estar só e desta vez no seu día máis especial. Queres acompañalo? Un espectáculo de risas para toda a familia no que o actor Dani Blanco dá continuidade á saga do pallaso Rogelio.

Dirixida ao público familiar, esta actuación está incluída dentro da programación anual de ‘Zona de Obras’, composta por once propostas de artes escénicas, que inclúen desde o teatro clásico, ata a narración oral ou o circo e que se está desenvolvendo en todas as parroquias do municipio.

TALLER NA BIBLIOTECA MUNICIPAL

Ademais, este venres na Biblioteca Municipal de Poio, situada en Campelo, impartirase o obradoiro creativo ‘Pomba da paz con Zentagle’. O taller está dirixido para todos os públicos, é gratuíto e comezará ás 17.30 horas. Utilizarase este método para embelecer unha pomba como símbolo da paz interna e mental.

Zentangle é unha técnica sinxela que consiste en trazar patróns repetitivos que crea belas imaxes e fomenta a tranquilidade e a concentración, desenvolvendo a creatividade e a sensibilidade artística. Sen ter coñecementos previos de debuxo.

Na sesión crearase unha pequena obra de arte onde o alumnado experimentará unha maior capacidade de concentración, cun proceso que contribúe a reducir a ansiedade e sentirán unha diminución da actividade mental para así gozar do momento presente.

Está pasando!