Presentación da programación de Nadal en Poio | Concello de Poio

O Concello de Poio desvelou a programación dun Nadal que promete sorprender, emocionar e encher de vida todas as parroquias do municipio

25 Novembro 2025

  • Sete Aldeas de Nadal, a carpa Poio Máxico e unha das programacións máis amplas e completas de toda Galicia converterán o concello nun referente de ilusión durante as festas.
  • Ángel Moldes: “En Poio o protagonista do Nadal non é o número de luces, é a participación e un contido moi potente”.

Este ano, a maxia vén protagonizada polos Elfos do Nadal de Poio, uns simpáticos personaxes que percorrerán as distintas parroquias do municipio para sorprender a veciños e visitantes, convidándoos a sumarse ao espírito festivo destas datas.

Así o explicou o alcalde, Ángel Moldes, que acompañado de membros do Goberno e representantes das asociacións, entidades e colectivos que participan na programación, subliñou que a presenza inesperada destes Elfos e as pequenas trasnadas que protagonizarán converteranse nun dos principais reclamos desta tempada, garantindo experiencias únicas nas sete Aldeas de Nadal distribuídas por todas as parroquias e lugares do municipio.

“En Poio o protagonista do Nadal non é o número de luces, é a participación e un contido de calidade”, indicou o alcalde. “Agora os veciños de Poio xa gozan do Nadal no seu concello. Xa non son eles os que se teñen que desprazar estas festas para desfrutar de contido de calidade. Ao contrario, agora son veciños doutros concellos os que veñen a Poio atraídos por unha programación moi potente”.

A programación arranca este sábado, 29 de novembro, coa tradicional festa de inauguración na Praza do Mosteiro (19.00 horas), que incluirá música, animación e a conta atrás para o acendido oficial das luces.

Este ano, ademais, o acendido terá un significado especial: será protagonizado polo alumnado da Asociación Down Pontevedra – Xuntos, nun recoñecemento ao labor desta entidade na mellora da calidade de vida das persoas con discapacidade e das súas familias, incluíndo veciños e veciñas de Poio.

Co acendido do Nadal abriranse tamén as sete Aldeas de Nadal (Campelo, Praza da Chousa en Combarro, Lourido, San Martiño, Porto de Raxó, Muíños de Samieira e Adro de San Salvador), espazos que, segundo recoñeceu Moldes, “en só dous anos se consolidaron como puntos de encontro, convivencia e lecer para as familias”.

O Goberno local destaca que Poio está a consolidarse como un referente con unha das programacións festivas máis amplas e completas de Galicia, cunha proposta “con personalidade, atractiva, inclusiva, universal e de calidade”, que dinamiza a actividade en todas as parroquias.

Os Elfos do Nadal de Poio serán o fío condutor para que cada Aldea sexa un lugar máxico con moita animación, música e bailes especiais da man de Javi Solla e Tere que se completarán con actividades de animación na rúa nas que están implicados diferentes colectivos para organizar sesións de teatro, batucadas, obradoiros, contos, panxoliñas, música ou incluso un anticipo das badaladas de fin de ano.

Moldes salientou que esta programación non só enche de vida as rúas e enriquece a vida social e cultural, senón que tamén impulsa o comercio e a hostalería local, promove o turismo de proximidade, xera emprego e revitaliza o espazo público, favorecendo o benestar e a convivencia da veciñanza. Unha proposta “de todos e para todos” coa que o Goberno local convida a toda a cidadanía e visitantes a desfrutar da maxia dos elfos, das Aldeas de Nadal e dunha ampla axenda chea de ilusión.

Na Seca instalarase de novo a carpa Poio Máxico, que será tamén escenario de obradoiros, zona de xogos e das actuacións máis potentes que esconde este Nadal de Poio a partir do 19 de decembro: o espectáculo internacional Pica Pica (4 xaneiro), Os Tres Porquiños (20 decembro), a Gramola Gominola (19 decembro), sesións de maxia con Iago Saavedra, Óscar Fernández (21 decembro) ou o Mago Paco (25 decembro), A Pirata Lola (3 xaneiro) ou a Aldea Musical do Nadal con Nelson Quinteiro (26 decembro).

A aposta inclúe unha programación ampla, itinerante e pensada para todos os públicos, con espectáculos gratuítos de primeiro nivel, garantindo así a igualdade de oportunidades.

Ademais, inclúese a tradicional papanoelada moteira polas estradas do municipio (21 decembro), a carreira San Silvestre (31 decembro), a visita de Papá Noel ás parroquias e, con respecto aos Reis Magos, este ano repiten tamén experiencia e farán dobre parada no municipio: o día 5 para visitar todas as parroquias e o 6 para despedirse de todos os nenos de Galicia desde Poio, cunha cabalgata participativa, coa colaboración das anpas e das comparsas, que rematará cunha gran festa de animación infantil no entorno da Carpa Poio Máxico.

Está pasando!