Presentación da Exposición da Camelia | Concello de Ponteareas

O Concello de Ponteareas exalta a camelia cun programa didáctico e festivo

27 Novembro 2025

Inauguracións, obradoiros, catas de té, charlas, actuacións musicais e exposición son a aposta do goberno para esta edición que supón unha recuperación da mostra


O Concello de Ponteareas celebra unha nova edición da súa Exposición da Camelia, un evento que converterá a vila nun espazo de encontro para amantes da natureza, da arte floral e do patrimonio botánico.

A programación desenvolverase ao longo dos días, 28 de novembro, 6 e 7 de decembro de 2025 na Casa do Concello e na Praza da Música e contará cun amplo programa cultural, divulgativo e participativo.

O Concello de Ponteareas suliña o valor estratéxico da camelia como recurso natural, turístico e identitario: “A camelia é, sen dúbida, un recurso cultural, botánico e turístico de enorme valor. Esta exposición non é só un espazo de beleza, senón tamén un espazo de aprendizaxe, investigación e posta en valor”, explica o tenente de alcaldesa e concelleiro de Cultura, Juan Carlos Glez. Carrera.

Inauguracións, obradoiros, catas de té, charlas, actuacións musicais e exposición son a aposta do goberno para esta edición que supón unha recuperación da mostra, “a Exposición da Camelia é un evento que recuperamos logo de anos abandonada e polo que apostamos porque queremos que o noso Concello sexa o punto de encontro para amantes da natureza, da arte floral e do patrimonio botánico que representa esta flor tan especial para Galicia.”

Aposta de calidade

A alcaldesa Nava Castro agradece o traballo e implicación de todas as entidades que participan nesta edición, especialmente a de profesionais do cultivo e coñecemento da camelia como Antonio e Carmen Salinero, presidenta da Sociedade Española da Camelia. “Grazas a súa colaboración podemos ofrecer unha programación diversa, divulgativa e aberta a toda a cidadanía.”

A exposición da Camelia de Ponteareas quere recoñecer o importante papel do cultivo da camelia sendo quen de poñer en marcha proxectos de éxito como a Ruta das Camelias que completa a experiencia turística con accións ligadas ao coñecemento da especie e tamén ao desenvolvemento científico de produtos como o aceite de camelia ou o té.

A camelia está ligada a Ponteareas pola profunda relación do municipio coa arte efémera e coa tradición floral: “Ponteareas é terra de alfombras elaboradas con pétalos e elementos vexetais. Fomos tecendo a nosa historia e facendo futuro da man desta arte e agora máis ca nunca sabemos a súa capacidade de atraer milleiros de turistas ao igual que o fai a camelia”.

A presidenta da Sociedad Española de la Camelia, Carmen Salinero, felicita ao Concello por esta aposta e salienta o papel fundamental que este tipo de eventos teñen para a conservación e divulgación da especie: “As exposicións son fundamentais: animan ao cultivo, esperten interese e contribúen a que cada vez máis xente coñeza e valore a camelia. Grazas ao traballo continuado de institucións, produtores e afeccionados, Galicia é hoxe un referente internacional.”

PROGRAMACIÓN OFICIAL

Venres 28 de novembro

  • 12:00 h – Inauguración da exposición “A Camelia, flor de galegas e galegos” na Praza da Música.

Charla-cata do té da Camelia.

Sábado 6 de decembro

  • 13:00 h – Inauguración oficial da exposición na Casa do Concello, con actuación de Sadeo.
  • 16:30–20:00 h – Apertura ao público da exposición.
  • 16:30 h – Charla-cata do té da Camelia no Auditorio Reveriano Soutullo.
  • 17:30 h – Obradoiro sobre a Camelia (Casa do Concello).

Domingo 7 de decembro

  • 10:30–13:30 h – Apertura da exposición.
  • 16:30–20:00 h – Apertura da exposición e clausura.
  • 17:00 h – Actuación da Rondalla da Asociación Recreativa Santa Eulalia de Atios.
Está pasando!