O Concello de Pontevedra lanza ‘Pontevedra Capital Gastro’, un programa que inclue seis actividades con máis de 60 xornadas para gozar da cultura culinaria

30 Setembro 2025

  • As propostas, que terán como epicentro o Mercado de Abastos, comezarán o 9 de outubro coa Mesa do Camiño e estenderanse até abril do ano próximo. Tamén haberá formacións para emprendedores do sector
  • O proxecto está financiado polos fondos NextGenerationEU da Unión Europea e xestionados polo Concello de Pontevedra a través dun convenio de colaboración coa Axencia de Turismo de Galicia para a execución do Plan de Sustentabilidade Turística en Destino (PSTD) de Pontevedra

O Concello de Pontevedra anunciou este luns a posta en marcha de ‘Pontevedra Capital Gastro’, un programa con vocación de continuidade financiado pola Unión Europea a través dos fondos NextGenerationEU no marcodo Plan de Sostibilidade Turística en Destino (PSTD) que arrinca este outubro e se estenderá ata o vindeiro mes de abril.

O proxecto aposta por consolidar a Boa Vila como referente gastronómico galego e por situar o Mercado de Abastos como punto de encontro, motor económico e espazo de convivencia social e cultural.

O programa, impulsado pola área de Promoción Económica, tivo un custo de 392.747,27 euros e divídese en dúas liñas: seis propostas abertas ao público que se desenvolverán ao longo dos vindeiros meses, e máis un bloque formativo dirixido a emprendedores e ao sector hostaleiro e que se presentará proximamente. O bloque de actividades abertas ao público estrutúrase en seis eixos, cada un dirixido a un sector en concreto.

Anabel Gulías presenta o programa ‘Pontevedra Capital Gastro’ | Concello de Pontevedra

A edil de Promoción Económica, Anabel Gulías, destacou durante a presentación que ‘Pontevedra Capital Gastro’ é un programa continuado “que convertirá o mercado de abastos no epicentro da cultura culinaria da cidade”, dende a incorporación de novos talentos da cociña mediante a implicación e emprendementos da Boa Vila e do Carlos Oroza, ata a demostración “da dobre vertente lúdica e gastronómica do mercado” co festival de cinema gastronómico, que servirá “como una aliciente a maiores dos premios Feroz”. Ademais, salientou que se porá énfase na paticipación dos albergues da cidade.

A primeira das actividades abertas ao público xeral será A Mesa do Camiño, que bota a andar o 9 de outubro e inclúe case 30 encontros culinarios para peregrinos e visitantes do Camiño Portugués. Neles, cociñeiras e cociñeiros da cidade ofrecerán menús elaborados con produto local e de tempada de xeito gratuíto pero coa necesaria presentacion da credencial do Camiño e confirmación de estancia nun albergue de Pontevedra.

‘A Mesa do Camiño’ celebrarase en outubro (días 9, 10, 16, 17, 23, 24, 30 e 31), novembro (6, 7, 13, 20 e 21), marzo (5, 6, 12, 13, 19, 20, 26 e 27) e abril (9, 10, 15, 16, 17, 23, 24 e 30).

Por outro lado, a partir do 11 de outubro, cada segundo sábado mes terá lugar na praza de abastos o Mercado Creativo, proposta que retoma a Sétima Feira e reunirá a marcas con selo galego que irán dende a moda e o deseño ata a pintura e a artesanía, usos distintos dun mesmo espazo con éxito probado anteriormente. Tamén acollerá actividades paralelas como sorteos e obradoiros.

Este escaparate para o talento local levarase a cabo os días 11 de outubro, 8 e 22 de novembro, 31 de xaneiro, 14 e 28 de febreiro, 14 e 28 de marzo, e 11 e 25 de abril.

O Festival de Cinema Gastronómico incluirá doce proxeccións con coloquio no Mercado de Abastos os días 3, 10, 17, 20 e 24 de febreiro, 3, 10, 17, 24 e 31 de marzo, e 7, 14 e 21 de abril. O evento principal ou festival terá lugar do 1 ao 3 de maio e mesturará cinema, showcookings, catas e outras actividades participativas.

O Mercado do Emprendemento permitirá que diversos proxectos de hostalaría e restauración podan pór a proba os seus modelos de negocio nos postos do Mercado de Abastos. Serán 15 emprendedores e emprendedoras seleccionados que se repartirán do seguinte xeito: tres en novembro, tres en decembro, tres en xaneiro, dous en febreiro, dous en marzo e dous en abril. Os postos abrirán os xoves, venres e sábados de cada mes.

A Promoción de Novos Talentos da Cociña Atlántica desenvolverase con catro microeventos gastronómicos os días 29 de xaneiro e 5, 12 e 19 de febreiro e rematará cun foro que se celebrará os días 26 e 27 de febreiro, no que cociñeiros e cociñeiras menores de 30 anos compartirán as súas experiencias co público e con profesionais do sector.

Por último, o Pontevedra GastroFest reunirá á cidadanía arredor de tres grandes datas gastronómicas vencelladas ás tradicións galegas e locais. Son o Magosto, que terá lugar os días 14 e 15 de novembro; o Entroido, que se celebrará o 17 e 18 de febreiro e a Semana Santa os días 3 e 4 de abril.

Cada unha das anteriores iniciativas e as condicións de acceso das mesmas serán presentadas en profundidade no discorrer das próximas semanas.

Está pasando!